GLOSARIO DE MEMORIAS DUN NENO LABREGO

DE XOSÉ NEIRA VILAS

R.A.M.S.

Portada da 31ª edición (2010)

Notas:

As definicións refírense, en xeral, só ó significado das palabras que teñen nesta novela, por tanto, algunhas veces non son aplicables a outros contextos.

As solucións seguen en xeral as da edición, por exemplo: ó / ós no canto de ao / aos.

Os números das páxinas que se indican correspóndense cos da trixésimo primeira edición, da Editorial Galaxia (2010).

Abreviaturas e signos:

adv.: Adverbio

adx.: Adxectivo

COL: Coloquial

f. : Feminino

fig.: En sentido figurado.

fór.: Fórmula

FRAS.: Fraseoloxismo (=frase feita)

i.: Intransitivo.

loc. adv.: Locución adverbial

loc. adx.: Locución adxectiva

loc. pron.: Locución pronominal

loc. sub.: Locución substantiva

loc. ver.: Locución verbal

m.: Masculino

part.: Participio

pl.: Plural

s.: Substantivo

SIN.: Sinónimo

t.: Transitivo

v.: Verbo

V.: Véxase

VAR.: Variante.

>: [Indica cal é a forma normativa]

-A-

abeaca s.f. Cada unha das partes do arado que colocadas ás beiras da rella,   serven para afastar a terra do rego e virar a terra.

abrollar v.i. Agromar, xerminar [unha planta ou árbore].

abrótega s.f. Planta silvestre da familia do lirio, de follas estreitas e longas, que saen desde o pé, e talo ergueito e liso rematado nun conxunto de flores abrancazadas en forma de acio.

abrouxar v.t. VAR. > Abouxar, causar molestia [a alguén] [un ruído excesivo, unha voz…]: Os seus berros abróuxanme en soños (58).

aburar v.t. 1. Abrasar, queimar. 2. fig. Incomodar; acabar coa paciencia [de alguén]: Ti non mordes pero abúralos (71). | Doíame ter que calar a ledicia que me aburaba (76).

acirrar v.t. 1. Incitar: Dentro movíase algo que fixo acirrar a miña curiosidade (76). 2. Incitar [as persoas] para que discutan ou pelexen: Andei o meu camiño procurando non bater con el, pero acirrábame (123).

acordar v.i. Deixar de estar durmindo. Acordei mentres soñaba que Manolito corría tras de min (38).

adival s.m. Corda longa e grosa que se usa para suxeitar a carga do carro ou dun remolque: O loito por meu tío Braulio semella un adival que me atafega (73).

adoecer v.i. 1. Contraer a enfermidade da rabia [un animal]: Un día o Rabeno adoeceu e houbo que matalo (70). 2. Desexar con ansia: Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo (34). 3. Pórse furioso: Manolito, o fillo do señor, adoecía (110).

adro s.m. Terreo que está arredor ou diante das igrexas.

afincar v.i. Facer forza para mover algo ou alguén, empurrar: Morreu de desgraza. É certo. Pero eu non lle afinquei (49) | Cadaquén afinca de acordo coa súa forza (121).

afitar v.i. Acertar: Tan ben lle afitei que Manolito caeu (124).

aguillada s.f. Pau longo que se utiliza para aguilloar ou chamar os animais.

agurgullar s.m. Formigo, sensación parecida á dun proído ou de cóxegas: Sentín un agurgullar no peito (85).

alancar v.i. Andar a grandes pasos, dando alancadas: No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar (33).

alcipreste s.m. Árbore moi alta con copa en forma de cono e follas de cor verde escura. SIN. ciprés.

aloleado –a adx. Aloulado. SIN. apampado, aparvado.

alquitara s.f. Aparello metálico que serve para destilar. SIN. alambique: Dous augardenteiros coa súa alquitara (53).

amalarse v.p. Enfermar: Se algún día me amalo […] ti estarás no meu sitio (84).

anada s.f. Colleita do ano.

anagarse v.p. VAR. Encollerse dobrando as pernas. SIN. anesgarse, encrequenarse: Erguinme de súpeto, pero volvinme a anagar (39).

andas s.f. pl. Soporte de madeira apoiado en dúas varas grosas paralelas, que serve para transportar unha carga sobre o ombreiro entre varias persoas.

andrómena s.f. Invención, conto. Nun tempo disque falaban os animais. Andrómenas (69).

anduriño s.m. Peixe de río moi apreciado.

anoto s.m. Conmoción, emoción, impresión: Tiña coma un anoto en min (76).

anllar s.m. Lugar próximo á lareira, onde se garda a leña para o lume. Senteime nun recuncho, na beira do anllar (101).

antepoñer v.t. Pór diante [unha xugada]: Cando baixaba antepuxo o gando para manter a carga coa forcada (50).

anteposto –a adx. Posto diante, colocado antes: Un carro de monllos viña renxendo anteposto. Detrás un home e unha muller (91).

aparruñar v.i. 1. Subir [por algo] axudándose dos pés e as mans, agatuñar. Os ecos aparruñaban polas paredes (97). 2. fig. Elevarse, erguerse: O sol comezara a aparruñar por detrás do coto (75)

apear v.t. Paralizarse [o muíño por estar cuberto pola auga]: Muíños apeados (33).

aqueloutrar v.t. Preocupar, estar intranquilo ou molesto: Notoume que andaba aqueloutrado (38).

argallada s.f. Invención: O do loito era unha argallada da madriña e de meus pais (75).

argallar v.t. Concibir, preparar: Argallei a fuxida para aquela mesma noite (129).

arraiar v.i. VAR. > Raiar.

arre dos demos V. demo

arrendar v.t. Sachar por segunda vez [un cultivo]: Andara o día enteiro arrendando patacas (124).

arreo adv. Sen interrupción, continuamente: Alí traballan arreo (65).

arreo s.m. Peza, como a albarda ou a sela, que se lles pon ós cabalos e a outros animais para montalos ou cargalos: Facos pedreses, garnidos con fitas e arreos do trinque (41).

arrepoñerse v.i. Facer fronte ó dominio ou autoridade [de alguén]: ¿E túa nai non se arrepón? (59).

arretegar v.t. Apertar: Miña nai arretegábame contra si (43).

arremedar v.t. Imitar: Pilláronlle os moldes e arremedábano por aí (50).

arrondearse v.p. Arrandearse, balancearse: Os santos arrondeábanse sobor das andas por riba das cabezas da xente (44).

artesa s.f. Recipiente grande de madeira en que se amasa o pan e se garda este, a fariña, etc.

asentada s.f. FRAS. dunha asentada loc. adv. COL. Dunha soa vez, sen interrupción.

asubiote s.m. Pequeno instrumento que serve para asubiar. SIN. asubío: Non me entretiñan paxaros nin asubiotes (78).

atafegar v.t. Impedir a respiración. SIN. asfixiar, abafar: O loito por meu tío Braulio semella un adival que me atafega (73).

aterrecer v. Asustar, producir arrepíos.

atoutiñar v.i. Valerse do tacto [por causa da escuridade ou da falta de vista].

atricamento s.m. Provocación: Conteille o caso de Manolito, do seu atricamento e da pedra (125).

aturuxar v.i. Botar un berro de alegría agudo, forte e prolongado.

avantar v.i. Avanzar: Avantaba coma un miñato (77).

avolto –a adx. Turbio, revolto: Caín na auga avolta (117).

axugar v.t. Suxeitar ó xugo [unha parella de animais de tiro]. SIN. xunguir: Unha vaca e máis un burro axugados (53).

azo s.m. Forza de vontade para facer algo: Sen azos para facer mal a ninguén (84).

-B-

bacelo s.m. Vara de videira cortada para plantar: Dilles como se plantan os bacelos (47).

badelada s.f. VAR. > Badalada, golpe que dá o badalo na campá.

baduar v.i. Falar sen tino: Era coma se baduase: “Ti déixame” (71).

bafaxe s.f. Brisa: Corría unha maina bafaxe que me refrescaba a testa (74).

bafexar v.i. Respirar forte. Sentín bafexar detrás do meu lombo (40).

bagoxar v.i. Bagoar, chorar: A madriña comeza a bagoxar polo seu Braulio (49).

baixado –a adx. Servizal: Un rapaz baixado sempre colleita algo (107).

baldar v.t. Deixar tolleito: ¡Como se vai arrepoñer! ¿Ti queres que a balde? (59).

baloco s.m. Pau rematado nunha parte avultada nun dos extremos. SIN. moca: Colleu un baloco e arremeteume con el (73).

barrela s.f. Piso feito a unha determinada altura da parede para gardar a comida dos animais, as patacas, etc.: Ocurréuseme levala para a casa e gardala no palleiro ou na barrela (77).

barrufallada s.f. Conxunto de cousas que xa non serven e que carecen de valor: Levaban cruces e outras barrufalladas de follalata (52).

batallaroso –a adx. Amigo de meterse en liortas, belicoso.

batel s.m. Badalo, peza do interior da campá que ó bater nesta a fai soar: O sancristán, penzo sobor dos bateis, seguía repenicando baixiño (44).

bieiteiro s.m. Arbusto que ten nas súas pólas un miolo branco. SIN. sabugueiro.

billarda s.f. Xogo que consiste en dar cun pau noutro máis pequeno e rematado en punta nos extremos, que está colocado no chan, de xeito que se fai saltar e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que o despide a maior distancia. SIN. estornela: Pola tarde xoguei só á billarda na eira (73).

billardo s.m. Pequeno feixe de leña ou anaco de leña maior ca a acha: Levala para a casa e gardala no palleiro ou na barrela, entre os billardos (77).

biosbardos s.m. pl. FRAS. mirar para os biosbardos loc. ver. COL. Estar despistado, distraído.

birta s.f. Rego pequeno para distribuír a auga nun prado: Tornei a auga e guieina polas birtas (79).

bocoi s.m. Recipiente grande de madeira destinado a conter viño.

bombardino s.m. Instrumento musical de vento.

boquexar v.i. Respirar de forma entrecortada a causa da fatiga: Cheguei boquexando (85).

botar v. FRAS. botar por ela loc. ver. COL. Presumir, alardear.

botica s.f. Medicamento: Mandou que me desen unhas boticas que meu pai foi buscar a Santiago (88).

boubín s.m. Doenza parecida á epilepsia.

bourar v.t. Dar golpes fortes [a algo ou alguén]: Pousaron no camiño unha zafra e bouraban derriba dela con martelos (53).

broa s.f. VAR. > Boroa, pan feito con fariña milla: Boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa (33).

brocha s.f. Chatola, cravo curto e de cabeza grande e arredondada: No verán ando descalzo […]. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés (33).

-C-

cachón s.m. FRAS. a cachón loc. adv. Moito, con forza.

cagarolas s. e adx. m.f. Persoa medrosa, covarde. SIN. cagón, caguiñas:

cadullo s.m. Terrón: A terra estaba dura. Algúns cadullos esfarelábanse debaixo dos meus zocos (38).

camiño s.m. FRAS. de camiño loc. adv. De paso, ó mesmo tempo: Souben de camiño que a el le pasara algo semellante coa filla do fragueiro (111).

campar v.i. Lucir, resultar atractivo polo aspecto, en particular pola roupa.

camposa s.f. Lugar no monte onde medra a herba de maneira espontánea.

can s.m. FRAS. non hai can que o roia fór. COL. [Expresa que non se pode facer nada ante unha determinada situación].

canavela s.f. Vara dos foguetes, cana: Un home arrimáballe o chisqueiro a un foguete de tres estalos. Os rapaces corrían tras da canavela (44).

canear v.i. Ir dunha parte a outra sen proveito ningún. Caneamos por roleiros e prados (91).

cangalleira s.f. Peza do muíño que é como unha canle pequena de madeira que recibe o gran e condúceo a outra parte.

cantazo s.m. 1. Pedra, canto: Collín un cantazo e guindeillo (124). 2. Pedrada: Levárono á vila para curalo dun cantazo que lle guindou o fillo do caseiro (126).

cañoto s.m. 1. Anaco de tronco dunha árbore que queda coa raíz despois de cortada. 2. Talo de certas plantas, como a col, a pataca ou o millo.

cara s.f. FRAS. cara de ferreiro loc. sub. COL. Cara pouco amigable, cara de enfado.

cariz s.m. Aspecto do rostro: Divírtome coa xente, que troca de cariz segundo o calendario (51)

carola s.f. Raíz ou carozo [do nabo]: Púxenme a esnicar coa navalla nunha carola de nabo (64).

caroza s.f. Capa con carapucho confeccionada con palla de centeo ou con xuncos, utilizada para protexerse da chuvia. SIN. coroza: Seis homes, vestidos con carozas de xuncas (53).

carreira s.f. Campá (?): Xa tocaran as carreiras. Esa é outra cousa na que teño cavilado. A campá o mesmo vale para reloucar festeira na véspera das romarías, coma para dar a nova dunha morte (100). | Cando morreu a irmá do perito botei as carreiras e saíronme ben. Despois estiven dous días, como é uso, tocando a morto (115).

carriza s.f. Vexetación de ata uns cinco centímetros de altura que cobre coma unha capa os lugares en que hai humidade. SIN. mofo.

carrizo s.m. Paxaro moi pequeno de cor parda.

caruncho s.m. Fungo que ataca o millo e outros cereais. V. couza.

cerrada da noite s.f. Período de tempo posterior ó solpor, antes de que sexa noite pecha.

chaleque s.m. VAR. > Chaleco. FRAS. para o seu chaleque loc. adv. COL. No seu interior: Todos, para o seu chaleque, saben que teño razón (46).

chamizo s.m. Pau medio queimado. FRAS. negro coma un chamizo comp. COL. Moi negro, moi moreno.

chavo FRAS. nin un chavo loc. pron. COL. Nada, cousa ningunha.

chedeiro s.m. Especie de plataforma ou piso do carro onde se coloca a carga.

chilindrada s.f. Cousa de pouco valor ou importancia.

chola s.f. COL. Cabeza: Metéuselle na chola ser mariñeiro (108).

chós Úsase no FRAS. de chós loc. adx. De broma, de contento, de bo humor. Os seus ladros de chós ían dirixidos ás árbores (70) | Meu pai estaba de chós (94).

chota s.f. Capa ou montón de esterco: Na traseira tiña un xeito de parediña feita de chotas (98).

chouqueleo s.m. Ruído que fai unha cousa ó moverse: Aquel chouqueleo de dentro que me tiña alporizado (79).

chuchamel s.m. Planta de flores cor púrpura que despide un aroma agradable e que ó chuchalas saben ó mel.

chupe Úsase no FRAS. a chupe loc. adv. En pendente; verticalmente.

chusco –a adx. 1. Cheo de graza e agudeza: Era un home pouco dado ó traballo […] Moi chusco e compangueiro (49) 2. Bonito: ¡Que cuarto máis chusco! (85)

cinzarra s.f. Instrumento de metal parecido a unha campaíña, que se pendura ó pescozo das reses de gando. SIN. choca, chocallo.

cóchegas s.f. pl. Cóxegas.

coco s.m. Bola que se forma nas follas e nas ramas do carballo arredor do ovo e da larva dun insecto. SIN. bugallo, carrabouxo, coca: Sentín caír pingueiras coma cocos (80)

codeso s.m. Arbusto parecido á xesta e ó piorno: Levaban tallos atados á cueira con vimbios e corres de codeso (53).

codia s.f. FRAS. levar rillado catro codias loc. ver. COL. Ter experiencia.

compango s.m. Alimento sólido cando se toma acompañado de pan: Comía pantrigo, queixo e compango todos os días (63).

compangueiro –a adx. Que quere estar a ben con todos, contemporizador: Era un home pouco dado ó traballo […]. Moi chusco e compangueiro (49).

conta s.f. FRAS. botar de conta loc. ver. COL. Imaxinar, supor, calcular.

cornello s.m. Fungo parasito do millo, o centeo e outros cereais.

corpo s.m. FRAS. botar ó corpo [algo] loc. ver. COL. Tomar, comer [un alimento]. non lle cocer o corpo [algo a alguén] loc. ver. COL. Non estar tranquilo; non admitir ou tolerar [algo].

corre s.f. Vara fina, xeralmente de vimbio, que se usa para facer cestos, caínzos ou para atar feixes: Levaban tallos atados á cueira con vimbios e corres de codeso (53).

cortizo s.m. Colmea, sexa de cortiza ou doutro material. Coma se vivise nun cortizo (34).

cota s.f. Lado oposto ó gume dunha ferramenta. Crebaban cadullos coa cota de raños e sachas (99).

cotelear v.i. Caer a cabeza [a alguén] por efecto do sono, cando non está ben apoiada. SIN. toquenear.

coto s.m. Parte máis alta dun monte.

couselo s.m. Planta con follas circulares e carnosas que nace nos valados ou paredes vellas de pedra.

couza s.f. Insecto que destrúe a madeira, a roupa, o papel… SIN. traza, caruncho. Vina chorando porque a couza lle picou a saia (58).

cravuñar v.t. Afiar o fío [de ferramentas como gadaña ou a fouce] petando nel sobre unha zafra cun martelo especial: Déranolo o Zoqueiro de Ribán, en pago de terlle cravuñado meu pai unha gadaña (70).

croio s.m. Pedra dura e pequena, particularmente a redonda.

cueira s.f. Parte posterior do pantalón: Levaban tallos atados á cueira (53).

cuña s.f. FRAS. erguerse das cuñas loc. ver. COL. Irritarse, encolerizarse.

curro s.m. Curral, patio.

cuxo -a s. Cría da vaca, ata os dous anos aproximadamente. SIN. becerro, xato.

-D-

dar v.t. FRAS. non se lle dar [algo a alguén] loc. ver. COL. Non importar [algo a alguén].

debruzarse v.p. Inclinar o corpo cara a diante, xeralmente para apoiarse cos cóbados [sobre un balcón, unha xanela…].

degaro s.m. Desexo forte; desexo: Ardía co degaro de abrila (78).

demo s.m. FRAS. arre dos demos fór. COL. [Expresa enfaticamente insistencia ou reiteración].

denosiña s.f. Donosiña, pequeno mamífero carniceiro da familia dos mustélidos. SIN. donicela, doniña: Ponse coma unha denosiña (73).

dereito –a adx. FRAS. ó dereito loc. adv. Ben, da maneira correcta. polo dereito loc. adv. Directamente; ben, da maneira correcta.

derrear v.t. Mancar [a alguén] no espiñazo, no lombo ou nos cadrís: Un día vante derrear (71).

derregadeira s.f. Cada unha das partes do arado que colocadas ás beiras da rella, serven para afastar a terra do rego e voltear a terra: Deseguida abrían os sucos co arado de pau. As derregadeiras deixaban orelas de soma ás dúas bandas (99).

desatafegar v.t. Desafogar, librar daquilo que produce sufocación: Escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre (34).

doa s.f. Boliña pequena de vidro (ou outro material) dos colares, adornos, etc.: Pasar as doas do rosario (43).

-E-

eira s.f. Sitio chan próximo á casa onde se mallan os cereais e se fan outros labores.

eito s.m. Montón, cantidade, porción [de algo], serie [de algo]: Sabía […] un eito de xogos moi paveros (50) | Un eito de xente viña detrás (53).  FRAS. a eito loc. adv. Sen escoller, sen distinción de temas: Cando puidese falar a eito con todos (81).

embrullo s.m. VAR. > Envurullo, envoltorio.

embute Úsase no FRAS. a embute loc. adv. COL. En cantidade, con abundancia.

encabuxarse v.p. Sufrir un cabuxo ou enfado: De non ser así, non se encabuxarían (57).

encambar v.t. Endosar, transferir [a alguén] [unha cousa molesta ou incómoda]: Encambáronme o loito hai tres anos (50).

encartar v.t. Dobrar, pregar.

encoiro adx. En coiro, espido.

encolgar v.t. Colgar, pendurar: Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos (33).

encrechar v.t. Mover [o rabo] [para espantar as moscas]: Cando os bois comezaron a encrechar o rabo coa mosca (38).

enfarruscar v.t. Manchar: Dérame meu pai unha somanta por lle enfarruscar a cara con feluxe ó neno do señor (37)

enfiar v.i. Encamiñarse: Collín a sacha e enfiei cara ó prado (79).

engastallar v.t. Enredar; meter: Arroutadas que se me engastallaban nos miolos (59).

entrillar v.t. Pillar e magoar [un dedo, etc.] entre dúas superficies que se apertan unha contra a outra. Trillar: Quedou entrillado debaixo da roda (50).

enxerguer v.t. VAR. > Enxergar, entender: Aínda lles custa enxerguelos a moitos homes de barba (121).

esbargallar v.t. Esborrallar, desfacer: Esbargalloume as pontes (40).

esburado –a part. Purificado, limpo: Facendo […] algo onde quedase esburado o noso facer (121).

escadullar v.t. Desfacer os terróns que quedan enteiros despois de arar ou gradar.

escalo s.m. Peixe de río do tamaño da troita mais inferior a ela.

esfachicarse v.p. Romperse en anacos; esnafrarse.

esfarelar v.t. Desfacer en anacos moi pequenos: A terra estaba dura. Algúns cadullos esfarelábanse debaixo dos meus zocos (38).

esfarrapado –a adx. Vestido con roupa gastada e rota: Un home esfarrapado, con cariz de fatiga (98).

esgana s.f. Filamento ríxido que se prolonga da casca do gran de trigo e outros cereais. SIN. argana.: O proído das esganas no pescozo (84).

esgarabellar VAR. > escaravellar 1. v.t. Remover a superficie da terra: O chan estaba todo esgarabellado (75) 2. v.i. fig. Revolver: Púxome unha man na cabeza e esgarabelloume no pelo (61).

esgazar v.t. Romper: Sentín coma se me esgazasen por dentro (97).

esmangoletado –a adx. Abatido; sen humor: Como non estaba afeito nin tiña gana de afacerse, andaba esmangoletado, batendo en todo de mal xenio (50).

esmiñatar v. Peteirar, facer anacos; rapinar, furtar: Viviriamos como se merece, sen andar esmiñatando en terras alleas (66).

esnicar v.t. Sacar anacos; labrar, tallar; desfacer algo ós anacos: Púxenme a esnicar coa navalla nunha carola de nabo (64). | Dende o meu cuarto vin o río fóra do seu sitio. Fóra do resío, ruxindo, esnicando xa na cabeceira do agro (80)

esparexerse v.p. Estenderse, espallarse.

esparguerse v.p. Esparexerse.

espeteira s.f. Gancho; colgadoiro: Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos (33).

estalecido –a adx. Cheo de talos (calos).

estangurriada s.f. Cousa ou invención rara e estrambótica: Arman cada estangurriada que dá xenio (53).

esteo s.m. Columna: Un esteo groso e moi longo de fume (92).

estordegar v. Estremecer: Foi coma se me estordegase o sangue no corpo enteiro (85).

estornela s.f. 1 Billarda: Nunca tiven sorte. Nin xogando á estornela (79). 2. Xogo de nenos: O vivir […] semella un enredo, unha estornela (123).

estrebillar v.i. Enredar, xogar: Xa estrebillaba cos dedos nun pínfano (108).

estrucia s.f. VAR. > Astucia. 1. Pretexto: Fannos calar, ou arrédannos con algunha estrucia (58) 2. Habilidade, maña: Nunca observara eu esa estrucia (98).

esvariar v.i. VAR. > Desvariar, dicir ou facer cousas sen sentido: Eu non sei se esvarío (34).

-F-

faba tarabela s.f. Faba amarela con pintas: En cadanseu ollo metinlle unha faba tarabela (66).

fabriqueiro –a s. Persoa que en cada parroquia administraba os ingresos e os gastos anuais da igrexa. (115)

facer v. FRAS. non facer branca loc. ver. COL. Estar sen facer nada, estar sempre folgando.

faco s.m. Cabalo ruín e pequeno: Viñan en facos pedreses (52).

faísca s.f. Folla do piñeiro.

fala s.f. FRAS. dar fala [ a alguén] loc. ver. Falar: Voltamos, sen dar fala (38).

farnesía s.f. Excitación, frenesí. A xente seguía a danzar con farnesía (93).

fataxo s.m. Fato, conxunto de [cousas]: Non era un fouciño […] nin un fataxo de cartos (76).

feitío s.m. Aspecto exterior, forma: Fan comparanza do seu porvir co feitío que teña o ovo (94).

feituco –a adx. Bonito, feito: Era unha caixiña de pau moi feituca (76).

feluxe s.f. Substancia graxa e negra que o fume deposita na superficie dos corpos que están ó seu alcance. SIN. borra, sarrio: Dérame meu pai unha somanta por lle enfarruscar a cara con feluxe ó neno do señor (37).

fenta s.f. Variedade de fento: Recachei unhas matogueiras e, ó pé da raíz, cunhas follas de fenta darredor, enterrei na area o meu tesouro (77).

fiscornio s.m. VAR. Fiscorno, instrumento musical de sopro formado por un tubo longo de metal rematado en forma de bucina.

fitar v.t. Mirar fixamente. Pachín fitoume dende a beira da cama (41).

fiúncho s.m. Planta de cheiro agradable e gusto doce. Utilízase como condimento.

fochanca s.f. Cavidade no terreo: Os carros de polbo e de viño deixaran a fochanca das rodas. (75)

folguexar v.i. Respirar: Pachín folguexaba de présa (71).

foliada s.f. Esmorga, troula, xolda. Encambáronme o loito hai tres anos e con el sigo, sen poder ir ás foliadas (50).

folla dos cristos s.f. Libro onde os nenos que empezaban a escola aprendían as primeiras letras.

forcada s.f. Instrumento de labranza con mango longo que remata en varias gallas: Antepuxo o gando para manter a carga coa forcada (50).

formento s.m. VAR. > Fermento, lévedo: Irá levedando a nosa vida con formento de fóra (58).

fouciño s.m. Instrumento de labranza parecido ou igual á fouce.

fragueiro s.m. Tratante de madeira ou persoa que se dedica a cortar árbores. Tamén carpinteiro especializado na fabricación de carros: Souben de camiño que a el le pasara algo semellante coa filla do fragueiro (111).

frida s.f. VAR. > Ferida. Murnas, fridas, dedos sen tentos (33).

fumazo s.m. Fogueira.

funcioneiro -a s.m. Persoa que se encarga de or  ganizar unha función ou unha festa nunha parroquia ou lugar. (114)

furabolos s.m. Neno amigo de enredar e facer trasnadas. (114)

-G-

gabilo s.m. VAR. > Gabillo, fouce pequena de mango longo par cortar toxo, mato, etc.

galleta s.f. Instrumento que consta de tres ou máis gallos e un mango, e que serve para coller estrume, palla, leña, etc.

*gallope s.m. Galope.

galloufeiro –a adx. VAR. > Gallofeiro, alegre: Montando cabalos galloufeiros (52).

garamelo s.m. Trampa para cazar animais pequenos.

garnir v.t. Gornecer, adornar: Viñan […] garnidos con fitas e arreos do trinque (52).

garular v.i. Emitir a súa voz estridente [certas aves] ó mesmo tempo.

gaspalleiro –a adx. Pouco coidadoso, pouco mañoso. (99)

gavexar v.i. Gabexar, facer cousas de pouca importancia; remexer: O sol e mais eu gavexando no souto (75).

gran de corvo s.m. Cornello.

grimo s.m. Susto: Méteslles grimos e un día vante derrear (71).

gromo s.m. Pequeno vulto que lles sae ós vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores.

guindar v.t. Lanzar, ceibar.

gurrucho s.m. Grolo, sorbo, porción pequena dun líquido: Boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa (33).

-H-

-I-

ichó s.m. fig. Trampa: América é un ichó. Os que caen nel non avisan ós que chegan detrás (64).

irto –a adx. 1. Ríxido, teso. 2. Agudo e molesto: Uns berros irtos (102)

-L-

labra s.f. Faena de labrar a terra.

laceira s.f. Penuria, pobreza extrema. Queixábase polo mundo adiante da súa laceira (59).

ladrairo s.m. Estrutura de táboas que se pon a cada un dos lados do carro, entre os fungueiros, para que non caia a carga.

lareta s. ou adx. m. e f. Persoa que fala de máis, sobre todo cando se trata de cousas que debía calar: Sabía contos de meigas e un eito de xogos […]. Semellaba un lareta das feiras (50).

laretar v.i. Murmurar, rexoubar.

larpar v.t. Comer de présa, engulindo a comida case sen mastigar.

latar v.i. Non asistir [á clase] sen xustificación.

latricar v.i. Charlar, falar: Meu pai e mais o padriño seguiron latricando (64).

lavandeira s.f. Paxaro de cor gris e branca polo ventre que ten unha cola longa e de grande mobilidade.

legoña s.f. Instrumento de labranza parecido ó legón, mais de menor tamaño, que se usa para sachar: Cunha legoña abrín na horta un burato fondo (72).

legüeiro -a s. VAR. > Legoeiro, persoa encargada do coidado das estradas ou camiños: Serafín, o legüeiro-enterrador (55).

leirear v.i. Discutir, actuar con paciencia, tratando de superar as dificultades.

lentura s.f. Humidade da terra a pouca profundidade: Sempre me gustou xogar coa terra. Estaba morna a da tona; a de máis abaixo gardaba algunha lentura (39).

lerio s.m. Asunto no que hai algunha complicación: Talvez iso de ir ou non ir para América fose un lerio de xente grande (63).

levedar v.i. Fermentar: Irá levedando a nosa vida con formento de fóra (58).

luxar v.t. Lixar, manchar: O cura luxoulle a testa a todos cun chisco de borralla (54).

-M-

magoar v.t. Mancar: Magóanme as areas (33).

maino –a adx. Suave, apracible.

malafada s.f. Infortunio, desgraza.

manda s.f. Presada, puñado: Un mozo levaba unha manda de foguetes (52).

mangancha s.f. Argucia, artimaña, pretexto, desculpa: Debe ser unha mangancha para que non saia da casa (54).

manseliño–a adx. Moi manso, moi suave, moi tranquilo.

manxorrada s.f. Beberaxe, bebida de sabor ou aspecto desagradable: Estiven papando as manxorradas que a madriña quixo (88).

matogueira s.f. Conxunto espeso de plantas baixas, maleza: Voltaba para a casa […] cando me bateron os ollos nunha cousa que relucía ó pé dunha matogueira de abrótegas (76).

mazaroca s.f. Espiga de millo.

merlo s.m. FRAS. armar ó merlo loc. ver. COL. Meterse en problemas; buscar o perigo.

millán s.f. VAR. > Millá, planta gramínea que crece entre o millo. Arrinquei millán para poñerlle darredor (39).

miñato s.m. Nome que recibe unha especie de ave de rapina de tamaño mediano: O avión era suave e avantaba coma un miñato (77).

molde s.m. FRAS. pillar os moldes [a alguén] loc. ver. COL. Aprender ou descubrir os xestos e a maneira de comportarse ou falar, etc

molete s.m. Peza de pan máis ben grande e con moito miolo: En ningures choven moletes cocidos (65).

molime s.m. VAR. > Mulime, conxunto de vexetais cortados que se bota no lugar onde están os animais para os manter secos e para que fagan esterco. SIN. estrume: Foi por molime ó coto de Guillal (50).

monifate s.m. Marioneta: Son persoas que teñen bo xuízo […] e que despois se volven monifates (65).

monllo s.m. Cantidade de cousas que se pode levar dunha vez nos brazos. SIN. brazado: Érgome […] para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos (33).

moscar v.i. Fuxir o gando picado polas moscas ou polos tabáns: Por fin moscou o gando (78).

moxardo s.m. Mosquito moi pequeno (?). O día comeza. Sede, sol, moxardos (33).

murnas s.f. pl. Manchas encarnadas que se forman na pel por estar preto do lume. Murnas, fridas, dedos sen tentos (33).

muxirico s.m. Insecto que anda na superficie da auga.

-N-

nabizo s.m. FRAS. coma o nabizo loc. adv. COL. Mal.

nesporeiro s.m. VAR. > Nespreiro, panal ou niño de avespa. SIN. avespeiro.

néveda s.f. Nébeda, Planta de cheiro agradable, con follas rugosas e talos delgados e aveludados. Emprégase como condimento.

novelo s.m. Nobelo, bóla de fío enrolado.

nubeiro s.m. Nube baixa e escura. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan (36).

nugallán –á adx. Lacazán, preguiceiro: Os nugalláns non se van (65).

-O-

orela s.f. Beira, bordo.

-P-

palla s.f. FRAS. andar coa palla da albarda [a alguén]. loc. ver. COL. Bater, dar golpes [a alguén].

palleta s.f. Peza da gaita que produce o son ó vibrar.

palloco s.m. Masa de terra maciza, terrón: Ás veces parecía que me ía esnafrar […] ou caer feito un palloco en calquera leira (77) 2. Anaco en que se corta o esterco para carrexalo ó carro: Cando era un palloco grande, erguíao coas mans (98)

pan s.m. FRAS. comer o pan que o demo amasou loc. ver. COL. Pasar grandes dificultades, sufrir moito.

pancada s.f. Golpe brusco dado coa man, co pé ou cun obxecto.

pantrigo s.m. Pan feito con fariña triga: Un rapaz moi limpiño que come pantrigo (37).

papuxa s.f. Paxaro duns catorce centímetros e de plumaxe parda escura ou cincenta e peteiro fino.

parar v. FRAS. nin xo que pare, nin arre que fuxa fór. COL. [Expresa a conveniencia de procurar un termo medio, equivale a “nin excederse nin ficar curto”].

parva s.f. Comida lixeira que se toma antes do almorzo ou a outras horas.

paxareiras s.f. Trampas para paxaros. Faciamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas (110)

s.m. FRAS. polo pé. loc. adv. e adx. En pleno, ó completo: Foi chegando xente. Mocidade, vellos, nenos… A aldea polo pé (92).

pedrés –esa adx. Que ten pintas de cor negra e branca [animal]: Viñan en facos pedreses (52).

Pedro s.m. FRAS. Pedro chosco loc. sub. COL. O sono: Pedro chosco rebulíame nos ollos (74).

pendón s.m. Bandeira grande que se usa como insignia nas procesións.

penisco s.m. Punta  ou porción pequena dunha cousa: Collen peniscos de cardos e envólvenos (94).

penzo –a adx. Desnivelado, torto cara a un lado: O sancristán, penzo sobor dos bateis, seguía repenicando baixiño (44).

pesebre s.m. VAR. > Presebe, recipiente onde se lles bota de comer ós animais, acondicionado de maneira que só poidan chegar a el coa cabeza. (103)

peta s.f. Ferramenta para cavar. (103)

peteiro s.m. 1. Bico [das aves]. 2. fig. Boca. FRAS. abrir o peteiro loc. ver. COL. Falar: Todos abren o peteiro para dúas cousas (34). darlle ó peteiro loc. ver. COL. Falar: A xente sempre lle dá ó peteiro (134)

picaraña s.f. Ferramenta composta dun mango de pau acabado nunha peza de ferro cun extremo en punta e outro formando unha especie de aixada estreita, que se utiliza para cavar en terreos duros.

picho s.m. Cano, billa: A fonte nova, cos seus catro pichos de ferro (122).

pillota s.f. FRAS. á pillota loc. adv. COL. Concorrendo apresuradamente con outros a apañar algo que alguén lanza. SIN. á rapañota.

pínfano s.m. Pequena frauta de son moi agudo. (93)

pistraca s. Moi delgado: Feito un pistraca (90).

polpa s.f. Parte carnosa da perna: coxa ou barriga da perna: Vinlle as pernas ata a polpa (134)

porta s.f. FRAS. polas portas do mundo loc. adv. Pedindo esmola: Teriamos que ir polas portas do mundo (127).

pote s.m. FRAS. serio coma un pote comp. COL. Moi serio.

potra s.f. Fungo que ataca algunhas plantas: Mercaron […] coles coa potra (115).

poxar v.i. Ofrecer nunha poxa unha cantidade superior á ofrecida anteriormente por outro.

proído s.m. Sensación molesta e desagradable que se sente na pel e que incita a rascarse: Sentín coma un proído de sarabullo no corpo (60).

-Q-

queiroa s.f. Arbusto de follas perennes, con flores pequenas… SIN. carrasco, queiroga: Cando o vin […] estarricado entre unhas queiroas, non quería dar creto ós meus ollos (72).

quino s.m. Porco pequeno.

-R-

rabecha s.f. Enfado propio dos nenos e persoas caprichosas. Coa rabecha deiteime sen cea (38).

raño s.m. Apeiro que consta dun mango de pau e de dous ou máis dentes de ferro longos e afiados, que se emprega para sachar, remover a terra, tirar o esterco das cortes, etc. Crebaban cadullos coa cota de raños e sachas (99).

raxo s.m. Carne do lombo do porco: Levarlle o raxo ó cura (108).

rebaldado -a part. Deitado inmóbil no chan, tombado: Seguiume a tía Carme, pero cando me veu rebalbado á sombra, no pallal, volveuse (38) | Tan ben lle afitei que Manolito caeu rebaldado ser dar chío (124).

rebalbado (errata) V. rebaldado.

rebusque s.m. Acción de rebuscar: Cavilei no rebusque. Xa que non fora á festa iría rebuscar (74).

rebuscar v.t. Buscar [os froitos ou outras cousas] que quedaron sen recoller: Cavilei no rebusque. Xa que non fora á festa iría rebuscar (75).

recachar v.t. 1. Mostrar: Recachaba a dentamia coma quen está ledo (70). 2. Entreabrir, separar: Recachei unhas matogueiras e […] enterrei na area o meu tesouro (77).

rechouchío s.m. Chío continuado dos paxaros.

recovaxe s.f. Conxunto de persoas: Semellaba que unha recovaxe de pantasmas fuxise con aquel balbordo nos ombreiros (74).

regalía s.f. Privilexio.

regañar v.t. Mostrar os dentes dunha maneira agresiva: Cando un xalgarete lle guindaba pedras ou o encirraba, íaselle enriba […] rosmando, cos dentes regañados (71).

reloucar v. Enlouquecer de gusto ou de ledicia: Canta ou chora, láiase ou relouca (54).

remonta s.f. Remendo a modo de adorno: As remontas e remendos sobrepostos son do que cadra (49).

remontado –a adx. Con remontas: Chaqueta de pana remontada (117).

renque s.m. VAR. > Rengue, serie [de cousas], fila: Seguín por entre os renques de millo (38).

repenicar v.t. Tanxer unha campá repetidamente: O sancristán, penzo sobor dos bateis, seguía repenicando baixiño (44).

repinicoque s.m. Adorno excesivo e extravagante.

requestar v.t. VAR. > Recastar, cruzar [un animal con outro doutra raza] ou adquirir novos vicios, hábitos, costumes, etc.: Disque era grande, fero, requestado do lobo (70).

requilorio s.m. Comentario: Tales requilorios viñan da xente que me atopaba a diario esfarrapado (114).

requinaeterna s.f. Conxunto de cousas inintelixibles: Cambian a fala trocándoa por unha requinaeterna que nin eles entenden (65).

resío s.m. Franxa de terreo sen cultivar que rodea a casa ou algunhas herdades: Máis tarde ou máis cedo atoparíanma. Por iso a escondín no resío (77).

restrebar v.t. Arar [a terra que tivo unha colleita de cereais]: Érgome […] para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos (33).

restroballo s.m. Canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega: Tornei a auga e guieina polas birtas, arredando restroballo e follatos (79).

retróneca s.f. VAR. > Retrónica, argumento; dito agudo: ¡Ten cada retróneca o padriño! (64).

reverquer v.i. VAR. > reverter, saír [unha cousa, en especial un líquido] fóra dos límites do recipiente en que está contida.

revirar v.i. Virar, xirar: As vacas reviraron, saíronse do camiño (38).

rideiro –a adx. Que ri ou sorrí con facilidade. SIN. risoño, riseiro.

ripa s.f. Táboa delgada para soster a tella que cobre os tellados das casas: Remexeu nas lousas do cumio, e vendo que a ripa era tupida, deu na estrucia de abrir un tobo por debaixo da porta (71).

risparse v.p. Fuxir: Un día ríspase para o monte (66) | Colleu un baloco e arremeteume con el. Non me puiden rispar (73).

roleiro s.m. Franxa de terreo libre (xeralmente separa unha leira doutra): Caneamos por roleiros e prados (91).

rolo s.m. FRAS. a rolos loc. adv. Dando voltas sobre si mesmo.

romeu s.m. Arbusto de follas pequenas e flores azuis, moi recendentes.

roufeño –a adx. Rouco, afónico.

rufo –a adx. Fachendoso, orgulloso: Disque lles dan viño para que anden máis rufos (52).

rulo s.m. Rula macho ou cría da rula. Metido na gaiola coma un rulo (49).

-S-

santilorio –a adx. Beato falso.

sacha s.f. Ferramenta agrícola usada para sachar: Collín unha sacha e dixen que ía tornar a auga ó prado (78).

sarabullo s.m. Erupción pasaxeira da pel, formada por moitos grans e manchas: Sentín coma un proído de sarabullo no corpo (60).

sebe s.f. Valo feito con varas e estacas cruzadas, arbustos, ramas, etc.

sedela s.f. Fío moi resistente para pescar con cana ou á liña. Faciamos paxareiras, armabamos sedelas no río, para pillar troitas (110).

sella s.f. Recipiente de madeira máis ancho no fondo ca na cima, para carrexar e conter auga: Vai á fonte coa sella todas as mañás (71).

si adv. FRAS. polo si ou polo non loc. adv. Como medida de precaución, polo que poida pasar.

soleira s.f. Peza de pedra ou doutro material colocada na parte inferior do oco dunha porta.

solimán s.m. Substancia corrosiva e velenosa: Cortoulles o pescozo e meteulles dentro un solimán (72).

soma s.f. Terra que deixa o arado ós seus costados, cando vai abrindo o suco: As derregadeiras deixaban orelas de soma ás dúas bandas (99).

sopramocos s.m. labazada, sopapo.

suco s.m. Rego, fenda que se fai na terra co arado, legoña, etc.: Os rapaces ían á pillota tripando sucos de centeo (52).

-T-

tabao s.m. VAR. > Tabán, insecto parecido a unha mosca pero máis grande, que pica o gando e as persoas.

taboleiro s.m. Especie de xanela ou contraventá: Vin a mascarada dende o taboleiro (52) | Entraba o sol polas regañas do taboleiro (102).

tallar v.t. Cortar: Se o zoqueiro […] non pon tino ó que fai, cando ten o fío da macheta ou do xabreiro preto da man, tállase (66).

tallo s.m. Banco pequeno e sen respaldo que serve de asento para unha soa persoa: Sentámonos en cadanseu tallo (45).

talo s.m. Dureza na pel que se produce ó rozala ou apertala decote contra algo. SIN. calo: As mans cheas de talos (84).

tarabela s.f. Trebello con aspas que baten contra un obxecto metálico e fan ruído ó seren movidas polo vento.

tento s.m. Sensibilidade ou sentido do tacto que se ten nos dedos das mans: Dedos sen tentos (33).

tobo s.m. Buraco: Deu na estrucia de abrir un tobo por debaixo da porta (71).

tolena s.f. Tunda, malleira, zurra.

tona s.f. Parte superficial [da terra e da auga]: Sempre me gustou xogar coa terra. Estaba morna a da tona (39).

torgo s.m. Ton, metal de voz, son ou modulación especial, máis ou menos forte: Ela ten decote o mesmo torgo (100).

tornar v.t. Desviar: Collín unha sacha e dixen que ía tornar a auga ó prado (78).

trafego s.m. Faena, actividade ou traballo realizado con apuro: Seguín no meu trafego de amorear terra coas mans (39).

trasviramento s.m. Ofuscamento.

trenla s.f. Trela, corda máis ben curta que se utiliza para prender o gando.

treu VAR. > treo. Úsase no FRAS. a treu VAR. > a treo loc. adv. Sen pór coidado, de xeito desordenado e sen pensalo.

tripar v.t. Pisar: Os rapaces ían á pillota tripando sucos de centeo (52).

trizar v.i. Xogar, brincar: Achegóuseme con agarimo e comezamos a trizar os dous (40) | Tiña unha penca no fuciño que lle lucía moi pavera cando trizaba (70).

trobisco s.m. Arbusto con follas e bagas velenosas. (92)

trollo s.m. Apeiro semellante a un angazo. (98)

trosma s. Persoa pouco esperta e que actúa con torpeza. SIN. aparvado.

troupelear v.i. Facer ruído, bater: O corazón comezoume a troupelear (86).

trouxa s.f. Paquete: Envólvenos con papeis en pequenas trouxas (94).

trouzo Úsase no FRAS. a trouzos loc. adv. COL. En abundancia, a fío.

turrar v.i. Facer forza para mover [algo] contra un mesmo: ¡Que maneira de mallar e de turrarnos das orellas! (82).

tusir v. FRAS. non haber quen tusa [a alguén] loc. ver. COL. Non haber quen ouse obxectar nada [a alguén].

-U-

untura s.f. Ungüento.

uz s.f. Arbusto parecido á queiroga.

-V-

vagoroso -a adx. VAR. > Vagaroso, pausado, lento: Puxen os zocos, e, vagoroso, fun indo leiras arriba (40).

valmontes Úsase no FRAS. a valmontes loc. adv. Atravesando ou atallando [polo medio dun terreo, campo, etc].

vara s.f. FRAS. tremer coma unha vara verde loc. ver. COL. Tremer moito.

vergallazo s.m. VAR. > Vergallada: golpe dado cunha vara delgada e flexible. SIN. xostregada.

vestir v. FRAS. para vestir por fóra loc. adx. COL. Para aparentar.

vez s.f. FRAS. de vez loc. adv. Definitivamente. en veces loc. adv. Ás veces: En veces recachaba a dentamia coma quen está ledo (70).

vida s.f. FRAS. facer por vida loc. ver. COL. Procurar os medios para vivir.

vimbio s.m. Vara de vimbieira fina, longa e flexible que se usa para atar monllos, facer cestos, etc.: Levaban tallos atados á cueira con vimbios e corres de codeso (53).

-X-

xabreiro s.m. Instrumento cortante que usan os zoqueiros que serve para facer o xabre (fenda ou rebaixe que se abre en certos obxectos para inserir nela algunha peza): Se o zoqueiro […] non pon tino ó que fai, cando ten o fío da macheta ou do xabreiro preto da man, tállase (66).

xalgarete adx. Amigo de enredar e facer trasnadas. SIN. fedello, traveso: Cando un xalgarete lle guindaba pedras ou o encirraba, íaselle enriba (71).

xeira s.f. Xornada de traballo: Noutra xeira acabo o burato (118).

xeito s.m. FRAS. ó xeito loc. adv. Amodo, devagar: Arrincou ó xeiteniño o “Modelo” (62).

xenreira s.f. Antipatía, animadversión.

xolda s.f. Broma: Non hai máis para onde ir –dicíalles eu en xolda para que calasen (82).

xostra s.f. Vara delgada e flexible.

xostregada s.f. Golpe dado cunha xostra.

-Z-

zafra s.f. Peza de ferro alongada, rematada nunha especie de corno por un dos lados, que se emprega para traballar os metais co martelo: Pousaron no camiño unha zafra e bouraban derriba dela con martelos (53).

zanca s.f. Terreo grande cerrado. Un misto pequeniño pode queimar un palleiro ou unha zanca (66).

zoar v.i. Facer un ruído característico o vento ó soprar con forza ou certos insectos ó voar.

zoco s.m. Calzado rústico coa sola de madeira e a empeña de coiro, que se amalloa e cobre o tornecelo. FRAS. bater o zoco loc. ver. COL. Ir dun lado para outro; amolarse indo dun lado para outro.