Todos nós podemos contribuír á recuperación da riqueza do noso idioma. É sinxelo. Trátase de o usarmos o mellor que saibamos e de o mellorarmos estudándoo e coñecéndoo mellor.
Tamén podemos axudar a difundir formas (palabras, expresións, acepcións) que coñezamos e que ás veces non son moi coñecidas. Desta maneira contribuímos ao coñecemento de equivalentes para traducir (por exemplo, unidades fraseolóxicas) doutros idiomas que son os que ás veces nos veñen á memoria. Porque é evidente que coñecemos menos a nosa fraseoloxía propia que a do castelán pois aínda hoxe os medios que temos para a difundir son bastante escasos nos medios de comunicación. Infelizmente.

Nesta sección iremos publicando frases feitas do noso idioma que o alumnado e outras persoas nos foron dicindo. Ben porque son frases que coñecen de sempre ou ben porque as ouviron espontaneamente.

Comezamos a sección cunha expresión ben bonita que xurdiu espontaneamente na aula en boca dunha alumna. A expresión non a achamos en ningún dicionario. Posteriormente eu mesmo llela preguntei a diferentes persoas con pouco éxito. Só unha alumna nos confirmou o coñecemento desta expresión por persoas en Sober. Si a coñeciamos dun traballo de Manuel Leiras Pulpeiro publicado en 1998 (Costumes antigos en Galiza) que nos di o seguinte:

Os casamentos celebran-se case sen excepción en Sábado, e se por imperiosas razóns hai que aproveitar outro día, calquer é indiferente menos o Martes, no que non se fai nengun, xulgando-os de mal agoiro, e o Venres, do que tamén se foxe por ter sido o da Paixón, din, e non consentir-se neles comer carne e promiscuar, como é normal en toda festa de boda, unha das poucas en que se mete o pote grande no pequeno.

Eis a primeira unidade fraseolóxica do noso dicionario:

meter [u.p.] o pote grande dentro do pequeno
loc. ver. COL. Facer un banquete farturento e que non se fai habitualmente. Este ano non se fixo a festa, mais metemos o pote grande dentro do pequeno.

[Recollido en Souto, Vilaquinte, Carballedo; inf. e ex. de Anunciación Grande Grande / meter o pote grande no pequeno (Sober-Lugo, inf: Ana Torreiro Vázquez)].

Enviade as vosas colaboracións ao seguinte correo electrónico: eoi.vigo.galego@gmail.com