Nesta segunda entrega ofrecemos 12 locucións adverbiais máis ou menos correntes recollidas na viguesa freguesía de Matamá. Están tiradas do interesantísimo traballo titulado Fraseoloxía de Matamá (Vigo) publicado en Cadernos de fraseoloxía por unha  antiga alumna nosa, Anxos Hermida Alonso. Pódese ver o traballo completo nesta ligazón: http://www.cirp.es/pls/bdox/inv.cfg_detalle?p_id=290

Para esta publicación adaptamos lixeiramente as entradas nalgún aspecto e consignamos só as formas xerais fronte ás variantes locais. Igualmente prescindimos de consignar a información doutros colaboradores (Colectivo MLP) e a autoría dos exemplos.

 

a cachón loc. adv. 1. Formando burbullas, con forza. [Úsase co verbo ferver]. Cando entrei na cociña a pota do caldo fervía a cachón. 2. Moito, con forza, en cantidade. [Utilízase con verbos como chover, sangrar e rir]. Contaron contos cos que rimos a cachón. | Vaia bategadas! Chovía a cachón!

a paso de galiña loc. adv. COL. Con lentitude, moi devagar. –Non dás chegado. –É que vin a paso de galiña.

a pé firme loc. adv. De pé e sen se mover. Hoxe como houbo misa maior tiven que estar todo o tempo a pé firme.

a toque de caixa loc. adv. COL. A toda présa e á forza, baixo presión, sen un respiro. [Úsase con verbos como andar, baixar, marchar, saír, traer…]. Cando vin o que os cativos fixeran no cuarto mandeinos baixar a toque de caixa.

 

como area / máis que area loc. adv. COL. En abundancia, en cantidade. [Úsase con verbos como abundar, gañar, haber, ter…]. –Vai pescar alí, que nesa zona haiche polbo como area. | Vaia abrigo que ten Nicanor! Xa me dá envexa. –A calquera, o que pasa é que o pai ten máis cartos que area.

como un rei nunha cesta (e esta polo río abaixo) loc. adv. COL. Moi ben, moi comodamente, moi á vontade. [Úsase con verbos como encontrarse, estar ou ir]. Manuel co traballo está coma un rei nunha cesta.

de gaivota loc. adv. COL. Fóra da casa, na rúa a pasear ou divertirse. [Dise xeralmente como recriminación ou crítica e úsase xeralmente con verbos como andar, ir e saír]. Nena, teu irmán foi á tenda como lle mandei? –Non, hoxe anda de gaivota por aí.

de moca loc. adv. COL. Á custa doutro ou doutros; sen pagar, gratuitamente. –Non vaias para aquel recanto que está a túa prima e sempre lle gusta andar de moca. –Ben dito, que gaste do seu forrollo.

de pau de caldeiro loc. adv. COL. A esperar, parado, no medio e sen facer nada, sen participar, coma un pasmón. [Úsase con verbos como estar e ir]. Ouve, mozo, o noso acabouse. Teño máis que facer que botar dúas horas de pau de caldeiro na alameda a esperar por un desleixado coma ti.

a(os) rebolos / de rebolos loc. adv. Dando voltas sobre si mesmo [xeralmente algo que se bota ou lanza]. O rapaz caeu de rebolos pola pendente abaixo.

de varanda loc. adv. COL. A divertirse. [Úsase xeralmente con verbos como andar, ir e saír]. Non me dá chegado este fin de semana, penso andar por aí de varanda.

sempre e mais despois loc. adv. COL. Arreo. Ti nunca cansas, queres festa sempre e mais despois. | Non me rompas a cabeza, falas sempre e mais despois.