Ola a todos, amigas e amigos:

Comezamos un novo curso informándovos da primeira reunión deste ano académico do Club de lectura. Como sabedes, foi antonte, mércores 19 de outubro. O que decidimos foi o seguinte:

a) Continuar coa lectura de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, que ficara n’O camiño de quita e pon. Tendo en conta que se incorporan ao club novos membros, decidimos levar lido á próxima xuntanza o seguinte capítulo (A princesiña que quería casar) mais tamén ler desde o principio para nos pormos tod@s ao tanto do libro. Xa dixemos nalgún momento que con esta obra cumpría dosificar a cantidade de páxinas lidas de cada vez, pois, polo estilo de Cunqueiro, cheo de detalles, é difícil lembrármonos se lemos moitas páxinas.
É agora unha boa ocasión para coñecermos e afondarmos na obra do grande autor mindoniense pois celebramos o centenario do seu nacemento neste 2011.

b) Facer as reunións nos mércores de 17.30 a 19.00 h. cada 15 días.

A seguinte será por tanto o 2 de novembro na cafetaría á espera de conseguirmos unha aula para as facer.

c) Levar ideas para actividades á parte das habituais até agora: comentarios no blog.

d) Mellorar e facer máis variados os contidos do blog.

E retomando cousas do curso anterior, lembremos que aínda non publicamos as fotos da camiñada polas beiras do río Eifonso, na viguesa freguesía de Bembrive. Foi a última das actividades do curso pasado. As que tirou Chelo F. podedes velas na páxina da EOI de Vigo ou nesta ligazón:

http://eoidevigo.blogspot.com/

Un aviso: en decembro visitaremos a Xosé Neira Vilas e coñeceremos algúns lugares da súa terra. Teredes máis información.

Para acabar, esta foi a última anada do noso club de lectura:

Os ollos de K. de Antón Ribeiro Coello
Denso recendo a salgado de Manuel Portas
A esmorga de Eduardo Blanco Amor
Morning Star de Xosé Miranda
Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas

Tivo boa dúbida!!

Vémonos na seguinte reunión.