[Data da entrevista: finais de 2001]

Gonzalo Navaza naceu en Lalín en 1957. Catedrático de ensino medio e profesor na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, é un recoñecido poeta [Fábrica íntima (1991), A torre da derrotA (1992), Libra (2000)] e narrador [Erros e Tánatos (1996)] alén dun prolífico tradutor de textos literarios ao galego. Á parte dos seus numerosos traballos relacionados coa literatura, a lexicografía e a didáctica da lingua e a literatura, Navaza ten dedicado moito do seu tempo ao estudo da onomástica (disciplina na que é un verdadeiro especialista) e será verbo desta disciplina que centraremos a nosa entrevista que pretende contribuír á divulgación deste aspecto da nosa cultura tan vizoso e ao mesmo tempo tan necesitado dunha toma de conciencia (individual e colectiva) para non o botarmos de perda.

R. M. Seixo: Sabemos que levas anos estudando a onomástica e a toponimia en particular. Como e cando xurdiu este interese?
G. Navaza: Como e cando xurdiu… exactamente non o sei. En xeral todo o mundo ten interese por saber cal é a orixe e o significado dos nomes propios, non só os lingüistas, os historiadores ou os eruditos. Proba diso é que existe unha rica tradición oral de explicacións populares para os topónimos ou para os apelidos. Outra cousa é pasar da simple curiosidade etiolóxica a dedicarse ao estudo dos nomes propios co rigor do método científico, e supoño que no meu caso foi determinante a carreira universitaria que seguín, que é a de filoloxía.
Eu fixera o bacharelato por ciencias co propósito de facerme médico, pero para sorpresa da familia, dos colegas e dos profesores, de repente decidín matricularme nunha carreira de letras. En principio fíxeno unicamente por amor á literatura, pero así que fun entrando no miolo da cousa filolóxica tamén lle fun collendo gusto, e nos últimos anos da carreira creo que xa andaba bastante interesado na toponimia: xa coñecía o libro de Moralejo sobre toponimia galega e leonesa, os artigos de Joseph Piel na revista Verba ou en publicacións portuguesas e os capítulos dedicados á toponimia e á antroponimia na Enciclopedia Lingüística Hispánica. Con esas lecturas e cos rudimentos de gramática histórica que se aprendían en cuarto e en quinto, acabei a carreira cunha formacionciña elemental sobre a toponimia galega, coma moitos outros compañeiros e compañeiras de promoción, pero nin me pasaba pola cabeza a idea de especializarme neses asuntos.
Aos tres anos de rematar a carreira (daquela eu traballaba de profesor nun instituto de Ourense), Antón Santamarina, que fora o meu profesor de Lingüística Románica, propúxome acometer o traballo de revisar a toponimia da cartografía do IGN por Ourense e os seus arredores. O que parecía que ía ser unicamente a corrección dun mapa acabou sendo un labor de case seis anos, durante os cales percorrín toda a provincia, e a parte sur da de Lugo e a do leste de Pontevedra, coma quen di palmo a palmo, e non hai lugar habitado, xa pode ser unicamente unha casa a varios quilómetros do núcleo máis próximo, que non pisase cos meus pés para preguntarlle aos veciños como se chamaba aquel monte, aquel regato, aquel muíño, aquela fonte, etc. Ese traballo de campo foi unha experiencia apaixonante, e non só aprendín toponimia senón tamén moitas outras cousas da realidade, da cultura e da lingua do país. A partir de aí xa me entreguei ao estudo da toponimia dunha maneira máis ou menos intensa. Logo fixen a miña tese de doutoramento sobre fitotoponimia e aquí sigo, dedicándolle unha boa parte do meu tempo a esas cuestións.

A nosa terra ten fama de ser neste eido da onomástica moi rica. É isto certo? A que se debe?
É moi certo. A exaltación da “riqueza e variedade” da toponimia galega é case un tópico desde que o proclamou, hai douscentos cincuenta anos, o Padre Sarmiento, o gran precursor da ciencia onomástica. Todos os especialistas do mundo que se ocuparon da toponimia galega repararon no “tesouro” do noso patrimonio onomástico. En Galicia concorren todos os factores que favorecen a abundancia, a antigüidade e a variedade da toponimia: en primeiro lugar, os asentamentos poboacionais continuados; como aquí non houbo invasións, desprazamentos nin despoboamentos significativos desde hai dous mil anos (non é esaxerado dicir que a maior parte de nós somos descendentes directos da xente que habitaba os castros), é máis fácil que os nomes dos lugares sigan sendo os mesmos que usaban os nosos devanceiros. En segundo lugar, a dispersión da poboación. É tamén un tópico repetir que a metade das entidades de poboación de España se atopan en Galicia. En terceiro lugar, a irregularidade orográfica: cantos máis accidentes presenta o terreo, máis complexo se volve o sistema de denominación do espazo. E finalmente, en cuarto lugar, a fragmentación da propiedade ou a parcelación do terreo, e é ben sabido o minifundismo da agricultura galega… Un proxecto de recolleita e catalogación de toponimia galega en que estou traballando agora calcula que a base de datos superará o millón de rexistros. E non é unha recolleita exhaustiva.

Que importancia ten a toponimia como patrimonio cultural?

A toponimia é a concreción lingüística da relación dunha comunidade coa súa xeografía ao longo da historia. Forma parte deses elementos culturais de primeira orde que a Unesco denomina “patrimonio inmaterial” dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.

Que nos ensina a toponimia sobre a nosa historia?

Cada topónimo é un documento que contén información da historia do lugar que denomina. Pola toponimia podemos coñecer as actividades económicas do pasado, o tipo de poboamento, o nome dos propietarios ou fundadores dunha explotación ou dun núcleo habitado, a fauna e a flora bravas ou domésticas, os cultivos e os diferentes aproveitamentos do chan… Os historiadores sérvense da toponimia para atopar indicios ou confirmacións de hipóteses arqueolóxicas, ou do trazado das antigas vías de comunicación, ou dos desprazamentos de poboación… Toda investigación histórica de carácter local ten que botar man da toponimia necesariamente.

 Que é o máis importante que queda por facer para recuperar o noso patrimonio onomástico?

O primeiro é a recolleita e catalogación de toda a toponimia viva, que aínda está por facer e que cada vez é máis urxente polas radicais transformacións demográficas que estamos vivindo. A desaparición dos modos tradicionais de ocupación do territorio e a progresiva urbanización do hábitat son unha ameaza para a toponimia tradicional, e no mundo rural non é esaxerado dicir que con cada vello que morre desaparece polo menos unha ducia de topónimos vivos.

Creo que ademais tamén é necesaria unha lexislación de protección do patrimonio onomástico… As leis protexen o patrimonio material, pero en cambio desatenden por completo a toponimia. Por exemplo, hai aquí en Vigo un lugar chamado O Pericoto (“Piricoto” na fala), na parroquia de Castrelos, que aparece documentado xa con ese nome en pergameos do século XIV; pois ben, de repente é obxecto dunha especulación inmobiliaria, constrúen nel un bloque de vivendas e van e póñenlle de nome “La Colina de Castrelos”, e todos tan campantes… e machacan un topónimo que tiña polo menos sete séculos de antigüidade.

Centrándonos nos diferentes estratos que compón a toponimia galega Que conclusións tiras do estudo da toponimia prerromana?

Unha das fontes principais para o estudo da Galicia prerromana é precisamente a toponimia. Polos vestixios toponímicos pódese ter algunha información acerca dos diferentes pobos que habitaban o territorio cando chegaron os romanos. No entanto, é o estrato peor coñecido, e en xeral os toponimistas inclúen no saco da toponimia prerromana toda a toponimia que non pode ser explicada polos estratos lingüísticos posteriores á chegada do latín. Así e todo, moitos temas léxicos e sufixos de orixe prerromana son ben coñecidos, ben porque sobreviven no léxico común do galego, ben porque presentan paralelismos coa toponimia doutras áreas lingüísticas, etc.

A principal conclusión que se pode tirar do estudio da toponimia prerromana de Galicia é a súa propia existencia en abundancia significativa. Dentro dos topónimos prerromanos diferéncianse dous estratos principais: un preindoeuropeo, o máis antigo, de pobos asentados na península con anterioridade á Idade de Ferro, e un indoeuropeo, correspondente a pobos chegados no primeiro milenio antes de Cristo, que falaban linguas emparentadas co celta.

Por que sendo o léxico galego nunha porcentaxe maior ao 75% latino, non se dá esa mesma proporción na toponimia?

Eu creo que no conxunto da toponimia, contando a microtoponimia (nomes de leiras, eidos, etc.), si que se dá unha proporción semellante á que hai no léxico común. O que sucede é que se consideramos unicamente a toponimia maior (a dos núcleos de poboación e dos grandes accidentes xeográficos) semella que hai maior presenza de elementos prerromanos. Canto máis importante é un topónimo, máis fácil é que sobreviva ao paso do tempo. Tódolos ríos importantes, por exemplo, teñen un nome que segue a ser, coas alteracións fonéticas que os séculos foron impoñendo, o mesmo nome que recibían hai dous mil e pico de anos. É natural que un nome como Miño tenda a perdurar cando é compartido por xentes que viven a moitos quilómetros de distancia, mentres que un pequeno regato pode non ter máis nome ca o das diferentes propiedades agrícolas por onde vai pasando, e estas poden cambiar de nome simplemente por cambiar de dono ou de cultivo.

É importante a toponimia celta en Galicia? E na Península Ibérica? Sábese como chegou?

O celta é un grupo de linguas pertencentes á gran familia lingüística indoeuropea, parente, polo tanto, das linguas itálicas, das que formaba parte o latín. O grupo celta é bastante ben coñecido non só porque hai abundante documentación dalgunha das súas variedades antigas (especialmente do galo, falado na Galia), senón porque aínda sobreviven na actualidade algunhas variedades nas illas Británicas e en Bretaña (se ben esas linguas pertencen a unha rama distinta da da lingua falada polos celtas chegados aquí).

Pola toponimia sabemos que na Galicia anterior á chegada dos romanos existiron polo menos dúas linguas que nun uso amplo do adxectivo poderiamos cualificar de celtas; unha máis antiga, correspondente a pobos que algúns especialistas chaman protoceltas ou sorotápticos, e outra máis propiamente celta, de pobos indoeuropeos que traballaban os metais e falaban unha lingua máis ou menos próxima ao galo.

Os celtas estaban presentes en case toda a zona central e occidental da Península, non só en Galicia, por máis que algúns historiadores do XIX inventasen o mito dun pasado celta como sinal de identidade.

Cal cres que é a orixe máis plausible do nome de Galicia?

O nome de Galicia é continuación do latín Gallaecia, como é sabido, e este é unha creación romana formada por derivación a partir do nome dun pobo ou unha tribo que os romanos chamaban Callaici ou Gallaici, adaptando ao latín o nome que este pobo se daba a si mesmo. Eu creo que a localización orixinaria destes galaicos estaba no curso medio do río Limia, nas inmediacións da actual raia seca de Lobios e Entrimo con Portugal, a ambos os lados da fronteira. Pola miña formación non son propiamente un paleolingüista, pero parece ser que a raíz Cal- é moi probablemente un tema léxico indoeuropeo que significa ‘monte’ ou ‘elevación’, de maneira que eses Callaici dos que tomaron os romanos o nome que denominou todo o territorio do noroeste peninsular serían algo así como ‘os que viven no alto’.

Hai en Galicia toponimia sueva? É abundante? Por que?

Os suevos son o pobo xermánico que chegou á Gallaecia no século V. A lingua dos suevos fora en orixe unha lingua xermánica, parente da falada polos visigodos que se acabaron establecendo no centro da Península, pero cando chegaron aquí uns e outros xa estaban moi latinizados. Os suevos foron sometidos posteriormente ao reino visigodo de Toledo, e hoxe non podemos diferenciar, no estrato de orixe xermánica, cales topónimos podemos atribuír aos suevos e cales aos visigodos. Existen algunhas palabras de inequívoca orixe xermánica (lobio, por exemplo) que se conservan no territorio ocupado polos suevos pero non no dos visigodos, de aí que se consideren sen dúbida de orixe sueva; pero nos máis dos casos é preferible falar de “estrato xermánico”, en sentido xeral. A influencia máis notable dos pobos xermánicos afectou á onomástica persoal (moitos nomes relativamente comúns hoxe en día, como Fernando, Álvaro, Rodrigo, Gonzalo ou Elvira son de orixe xermánica), e como moitos nomes de lugar proceden de nomes persoais, o elemento xermánico na toponimia está representado sobre todo por nomes que conteñen o xenitivo do nome do fundador, posesor ou propietario.

Naturalmente, que un individuo portase un nome de orixe xermánica non significa que ese individuo fose tamén suevo ou visigodo. Aínda máis, o período de maior vixencia da onomástica persoal de orixe xermánica non é precisamente o período dos reinos suevo ou visigodo, senón o que vai do século VIII ao X.

Ten algunha importancia o Parochiale Suevum para a onomástica galega?

Histórica ten moita. O parroquial suevo ou Divisio Teodomiri é un documento que ilustra acerca da administración eclesiástico-civil do reino dos suevos, que constitúe a primeira organización política europea posterior á caída do imperio romano. Para a toponimia interesa porque contén unha relación de nomes de lugares, algúns dos cales son identificables na actualidade, pero outros aínda están suxeitos a polémica.

 Poderíasnos comentar algún caso de toponimia galega desaparecida?

Non sei moi ben a que tipo de desaparición se refire a pregunta. Hai moitos nomes antigos de lugares que hoxe non sobreviven porque o seu nome foi substituído por outro en diferentes épocas históricas. En ocasións, cando a documentación escrita o permite, coñecemos o nome antigo e o nome moderno dun mesmo lugar. Sábese que o actual Mondoñedo se chamaba antigamente Vallibria (Vilamaior ou Vilamor de Valibria), e que cando trasladaron desde o primitivo lugar de Mondoñedo (en Foz) a sé episcopal e a catedral, levaron canda elas o topónimo, co que o Valibria primitivo desapareceu; ou que Baiona se chamaba Erizana, ou que Vilagarcía se chamaba Arealonga (sobrevive no nome da parroquia: Santa Baia de Arealonga) ata que un señor feudal, don García de Caamaño, deu o seu nome á poboación… Pero topónimos están desaparecendo tódolos días: Un lugar chamado As Covichas (e logo “Escovichas”) desaparece como topónimo porque un promotor constrúe nel unha urbanización e imponlle o nome de “Puente Romano”, por exemplo, ou unha praia que está documentada polo menos desde o século XV como “Area Loura” pasa a rebautizarse no século XX como “Praia América” para promover o seu desenvolvemento turístico, etc.

Existe toponimia galega fóra de Galicia?

En primeiro lugar están as zonas administrativamente non galegas pero que falan galego (o occidente de Asturias, o occidente leonés e zamorano e as poboacións do val das Ellas en Estremadura), pero tamén moitos outros lugares polo mundo adiante, sobre todo en América, onde chegaron como colonos ou emigrantes os galegos. En todo o continente americano, hai topónimos que son réplicas de topónimos galegos: Pontevedra, Lugo, Monterrei, Betanzos, etc., xunto con outros chamados Nueva Galicia, Río Gallegos, Ribera de los Gallegos, etc. O máis abundante dos elementos onomásticos de orixe galega espallados pola xeografía do mundo é o nome de Santiago.

Como se pode evitar que desapareza a microtoponimia das nosas cidades e vilas co crecemento urbano?

Unha parte supoño que se perderá irremisiblemente. Pero na medida do posible debe conservarse, concienciando a cidadanía e os gobernantes do valor da toponimia, para que non suplanten con topónimos de nova invención os topónimos tradicionais. Xa dixen antes que son partidario dunha lexislación que impida os estragos que por veces se producen.

Popularmente se cadra non, mais entre os que entenden algo disto, sábese que os nosos apelidos están en parte deturpados. ¿En que momento se empezaron a castelanizar e deturpar os nosos nomes, apelidos e topónimos? Cales foron as causas?

Antes ca castelanización, a deturpación que se fixo dos apelidos foi sobre todo unha desgaleguización: cando se altera un apelido como Figueiroa ou Soutelo en Figueroa ou Sotelo, o que se fai é quitarlles o aspecto galego do ditongo decrecente, pero propiamente non se castelanizan: en castelán serían Higueruela ou Sotillo. En textos escritos podemos atopar deturpacións castelanizantes esporádicas xa desde finais da Idade Media, pero eran formas exclusivas da escrita, porque na fala sobrevivían como formas únicas as formas tradicionais galegas. Ata o século XIX, un mesmo individuo que figuraba por exemplo nun testamento como Ignacio de Otero, en escritos menos formais podía aparecer coa forma viva do seu nome, Ignacio do Outeiro. A consolidación definitiva das formas deturpadas é relativamente recente, pois ten lugar coa institución do Rexistro Civil, en 1870.

A causa principal da deturpación foi unha mentalidade discriminatoria que cargou a lingua galega de connotacións negativas, ademais das propias incoherencias resultantes de pretender representar coas grafías e a morfoloxía da lingua dominante as formas orais da lingua dominada. A mentalidade discriminatoria (o rudo encono desa inxuria de que fala o himno) desenvolveuse durante a chamada España dos Austrias, nos séculos XVI e XVII, e os seus efectos aínda perviven, máis ou menos amortecidos, na actualidade (por exemplo, os chamados prexuízos diglósicos…).

Que apelidos dos deturpados son os máis correntes?

O máis abundante dos apelidos galegos deturpados é o patronímico correspondente ao nome Martiño, que tiña as formas tradicionais de Martíns no galego occidental e Martiz no central e oriental; hoxe Martiz e Martíns son formas moi infrecuentes, fronte ao maioritario Martínez, que é a forma castelá. Outro patronímico relativamente común é Yáñez, que substituíu case por completo os tradicionais Eanes, Eánez e variantes. De entre os topónimicos os máis abundantes dos deturpados son Outeiro, Souto e Vilar, que presentan con frecuencia as formas Otero, Soto ou Villar.

Non cres que a Xunta ou o Estado poderían facer algo (como se fixo coa toponimia) para a recuperación deses apelidos? Non cres que desde a Administración Galega se debería informar máis á cidadanía (e ás empresas) para que coñecese e valorase debidamente o patrimonio onomástico e sobre a posibilidade de corrixir legalmente todas esas formas –digamos- deturpadas?

A lei 40/99 permite recuperar a forma lexítima dos apelidos en casos en que haxa unha deturpación. Efectivamente os poderes públicos deberían facer unha campaña informando dos dereitos dos cidadáns neste asunto…

Falando de deturpacións, é coñecido que entre os apelidos galegos que hoxe en día frecuentemente levan a letra iota (J) ou gue (G diante de e ou i), hai dous tipos, os que etimoloxicamente se escriben con X (Freixeiro, Teixeiro) e os que orixinariamente se grafaban con J ou G (Araújo, Feijó, Lage, Gestoso, Sanjiao). Pois ben, xa que na ortografía galega vixente non se utilizan esas últimas grafías, ¿que cres que se debería facer? En todo caso, ¿como cres que deberiamos pronunciar estes apelidos do tipo Janeiro ou mesmo Teijeiro, Rajoi, etc?

Esa diferenciación non é exacta de todo, porque examinando a documentación escrita sabemos que a grafía dun apelido ou topónimo como Lage, por exemplo, non é continuación da forma medieval, senón unha adaptación máis recente. No catastro de Ensenada, por exemplo, podemos atopalo como Laxe… De maneira que o G da escrita actual é máis recente, e representa unha castelanización e non un arcaísmo gráfico.

Hoxe en día podemos xa, legalmente, recuperar a forma galega de nomes e apelidos. Que debemos facer exactamente para isto?

Presentarnos no Rexistro Civil e solicitala sen máis. Se non sabemos exactamente se o noso apelido está ou non deturpado, ou se descoñecemos a forma lexítima galega, podemos informarnos primeiro con calquera autoridade lingüística (o Instituto da Lingua Galega, a Real Academia ou os departamentos de galego das universidades…). Pero se a deturpación é evidente abonda con solicitar a súa restauración no Rexistro sen achegar ningún tipo de documentación. Os encargados do rexistro están obrigados a tramitala, segundo recoñece a lei 40/1999.

Sobre o controvertido asunto do reino de Galicia na Época medieval ¿qué pensas ti? Está xustificado falar dun Reino de Galicia durante unha parte da Idade Media?

Naturalmente. Pero non só na Idade Media, senón ata o século XIX. Eu traballo moito co Catastro de Ensenada, que é de mediados do XVIII, e todos os seus libros relativos ás nosas parroquias comezan co encabezamento que di “Reino de Galicia”. A idea do estado monolítico é unha cousa recente… Ata o XIX, baixo a coroa de Castela estaban unidos diferentes reinos que tiñan recoñecida esa condición… Se a pregunta se refire a un reino independente… pois efectivamente a independencia existiu unicamente na Idade Media. O de “controvertido” referirase seguramente ao feito de que a historiografía oficial española foi e é moi castelanista e tendeu a negar a existencia de entidades políticas diferentes…

Unha cuestión que non parece suficientemente explicada é a da importancia do galego como lingua poética na época dos Cancioneiros fóra de Galicia e Portugal. Cómo o explicarías ti?

Galicia funcionou como unha especie de metrópole cultural nos primeiros séculos da Reconquista, de aí que se consolidase o prestixio literario da súa lingua. E ese prestixio é o que explica que a lírica se fixese en galego ata o século XV… (pénsese por exemplo o que sucede co inglés na música desde mediados do século XX).

Ti dicías noutra ocasión que os paleógrafos, mesmo galegos, tenden a usar criterios casteláns. Poderías ampliarnos isto?

Na tradición paleográfica galega, educada na cultura castelá, había certa tendencia a desenvolver as abreviaturas cos criterios de lectura dos textos casteláns. Un exemplo: o bispo de Compostela que iniciou a construción da catedral románica aparece nos documentos da época como Didaco Pelagii se os documentos están en latín, e nos documentos en galego aparece como Diego Paez, Paes ou Pais… Pois ben, aínda hoxe os libros de historia falan del como Diego Peláez, escribindo o seu apelido “á castellana”.

 Fálanos da túa recolla de microtoponimia do Val de Entrimo. Poderemos vela publicada? E algún traballo de tipo máis xeral?

Nestes momentos estou dirixindo, xunto cos meus colegas Antón Palacio e Xosé Manuel Sardiña, e en colaboración coa Comisión de Toponimia e o servizo cartográfico da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, unha recolleita exhaustiva da microtoponimia de diferentes áreas galegas, levada adiante co concurso de bolseiros que fan o traballo de campo. Tamén aquí a beira de Vigo estamos facendo o mesmo nos tres concellos do Val Miñor. Iso está sendo recollido en mapas moi detallados e nunha base de datos… E ao mesmo tempo recollemos información escrita desas zonas para documentar cada topónimo en diferentes épocas históricas… O de Entrimo…, supoño que a pregunta se refire á recolleita de toda a microtoponimia que quedou sepultada pola construción dun encoro… O próximo ano publicarei o que foi a miña tese de doutoramento, que inclúe toda esa toponimia…

Xa para terminar, ¿gustaríache engadir algo máis que creas que poida interesar aos afeccionados a este interesante tema da onomástica?

Gustaríame facer un chamamento a toda a xente que está interesada en facer recolleita de microtoponimia en áreas concretas para que se poñan en contacto connosco, a través do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo.

 

ALGÚNS TRABALLOS DE G. NAVAZA SOBRE ONOMÁSTICA:

1991: “O nome Paio”, Cadernos de lingua 3, (25-35)

1998: “Algúns antropotopónimos do concello de Lalín”, Homenaxe a Ramón Lorenzo, II, (903-914).

1999: (Con A. Palacio) “Toponimia de Ventosela”, Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, I, (167-774).

” ”        Os apelidos da Terra de Deza, I” Descubrindo Deza. Anuario de Estudios e Investigación 1, (351-368)

” ”        Os apelidos da Terra de Deza, II”, Descubrindo Deza. Anuario de Estudios e Investigación 2, (173-188).

2000: Os camiños da identidade. Toponimia de Reboreda. Santiago: Xunta de Galicia.

2006: Fitotoponimia galega, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

2007: “Topónimos da parroquia”, Rebordechán. A nosa memoria. (13-68). Asociación Cultural Amizade.

2011: O nome dos lugares. Saiáns. Instituto de Estudos Miñoráns.

http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=gonnavaz&alias=Gonzalo+Navaza

Vídeo sobre onomástica con G. Navaza: http://tv.uvigo.es/video/37211

 

One ResponseEntrevista a Gonzalo Navaza to “”

  1. Sim senhor, isto é que é saber. Mágoa a pouca consciência que há na nossa terra sobre a onomástica. Em concreto: quantos galegos corrigirom os seus deturpados apelidos e nomes? Vai boa!! É preciso abrirmos os olhos.