Está claro que a idea dun Cunqueiro xoguetón, desentendido da dimensión tráxica do ser humano, é radicalmente falsa. Foi un lugar común cuñado nos anos sesenta, cando se pensaba que os problemas máis conflitivos da existencia tiñan unha dimensión puramente histórica, chamados a disolverse maxicamente nun horizonte político en que se ía implantar por decreto o reino da felicidade. Cunqueiro foi vítima dos que xulgaron a arte en xeral baixo o prisma daquel erro e por esa razón a súa literatura non puido ser lida ou interpretada en toda a fondura que alcanzaba. Entendida como un divertimento intranscendente, a obra do escritor mindoniense non permite acceder ao seu significado esencial, que queda oculto por aspectos lúdicos que non son máis que unha parte moi externa, aínda que importante, sen dúbida, dese significado. 

5.1 / 5.1 / 5.1

A literatura de Álvaro Cunqueiro non é unha literatura evasiva, senón unha poética elaborada contra a traxedia da existencia humana. O que sucede é que como a traxedia resulta inseparable da vida mesma, para burlala ou eludila momentaneamente, Cunqueiro proponnos o mito dunha Idade Dourada, que equivale a convidarnos á conquista dun espazo feliz. Non se trata, no entanto, de erguer un muro de música ou de agradables arrecendos como barreira para ocultar unha realidade dura ou desagradable, senón dunha proposta para emprender unha viaxe cara a esa meta imposible. Esta viaxe, que non acaba senón no acontecemento ineludible da morte, só ten sentido cando se emprende a través dos soños e das fábulas.

(Carlos Casares, Un país de palabras, 1998)

  Na reunión do club de lectura de antonte (11-01-2012) acabamos de ler e  comentar Merlín e familia e decidimos   o seguinte libro de lectura. O título escollido é Ninguén e o autor Fran Alonso. [http://cabrafanada.blogspot.com/]. Está en Edicións Xerais. Para a próxima reunión leremos até a páxina 98.

 A próxima reunión do Club de lectura  será:

Día: cuarta feira (mércores), 25 de xaneiro de   2012

Hora: de 17.30 a 19.00

Lugar: aula 38 da EOI de Vigo

 

One ResponseNovo libro: Ninguén to “”

  1. Gosto muito do Merlim e tamém do Simbad e d’As Crónicas do Sochantre. Para mim Cunqueiro é um verdadeiro poeta. Nom há máis que ler os pequenos fragmentos que publicastes no vosso blog para se dar conta. É um autor cum estilo e um mundo mui pessoais. A súa é toda umha literatura. É, com certeza, um dos grandes escritores que temos. Beiçons pola escolha!!