Estes días de xaneiro con moi baixas temperaturas poden ser bos para lembrarmos expresións relativas á temperatura. A que figura como título foi recollida en Vilalba (Lugo) por M. Xesús Guizán e é ben expresiva. A carqueixa como sabemos, é unha planta de montaña e ben dura, así que se a carqueixa treme xa pode ir frío.

carqueixa con flores

Outras maneiras máis correntes de dicir que vai moito frío son as seguintes:

vai un frío que corta

vai un frío que non paran nin os cans (atados)

Para nos referirmos a cando algo está moi frío empregamos comparacións estereotipadas coloquiais como as seguintes:

(frío) como a neve / máis frío que a neve ou (frío) como o xeo / máis frío que o xeo.

Tamén dicimos de algo frío que está (frío) como un corno / máis frío que un corno.

Naturalmente, cando vai frío, trememos (tamén por causa do medo), e, en relación con isto, temos a locución bater os dentes e tremer como unha vara verde ou tremer como un xunco (na auga).

Se temos os pés moi fríos podemos expresalo coa locución ter os pés que se [lle] beben, recollida en Santa Comba de Bande por Rosa Martínez e Alexandra Fernández.

Cando unha cousa está fría podémoslle tirar o medo, ou sexa, amornala ou tirarlle o frío: Ponme ese leite ao lume un pouco para lle tirar o medo.

Para quecer debemos pórnos ao quente ou abrigarnos, mais tamén podemos tomar bebidas ben quentes e, xaora, non hai que esquecer pechar a porta:

pecha/pechade a porta que escapa o gato!
fór. COL. HUM. [Dise cando se quere que se peche a porta dalgún local porque entra frío]. Outra vez! Pechade a porta que escapa o gato!