Onte, 22 de febreiro acabamos o comentario de Ninguén de Fran Alonso

Para a próxima reunión levaremos lidos os 20 primeiros poemas de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro e os 7 primeiros capítulos de Extramunde, de Xavier Queipo (Edicións Xerais).

A reunión será o 29 de febreiro, cuarta feira (mércores), de 17.30 a 19.00 na aula 38 da EOI de idiomas de Vigo.

Non vos esquezades de nos enviar comentarios sobre a excursión do sábado pasado e sobre o libro de Fran Alonso.

 

 

Velaquí, ademais, o primeiro comentario sobre a excursión do sábado 11:

Este sábado fomos de excursión coa EOI a visitar a Neira Vilas. Tivemos a oportunidade de estar con el na súa casa que é asemade fundación. Esta ten un pequeno auditorio onde se dan conferencias, representacións teatrais, etc.; biblioteca para adultos e nenos. Un lugar reducido pero cheo de vida e recordos en forma de esculturas, debuxos de artistas galegos mesturados cunha morea de libros.

No auditorio deleitounos cunha conferencia-coloquio sobre a súa vida dende a infancia ata agora, pasando pola súa estancia en Bos Aires. É neste lugar onde coñece e se relaciona con toda a intelectualidade da cultura galega que se atopa exiliada, como Díaz Pardo, Seoane, Paz Andrade, Castelao, e moitos máis. Tamén fala da súa actividade na Habana, compatibilizando o traballo para gañar a vida coa faceta cultural.

Pareceume unha persoa entrañable, próxima, chea de sabedoría, moi falangueiro, que te podías achegar a el e falarlle sen ningún problema, como se fose un máis, ou sexa que non é nada estirado. Despois de comer na súa compaña, tivemos unha tertulia literaria sobre o libro as Memorias, na cal díxonos que non se explicaba o éxito e a proxección internacional deste, aínda que quizais a sona radica na súa sinxeleza e contar a realidade da aldea que el coñeceu na infancia, mais non a viviu de forma tan dura como Balbino, aínda que el é Balbino nas inquedanzas e pensamentos.

Foi unha grande oportunidade o poder coñecer e compartir unhas horas cunha lenda vivente da cultura galega e que leva toda vida loitando pola nosa lingua. E quero expresar o meu agradecemento ás persoas que propiciaron que se levara a cabo, aos profesores Xosé e Moncho. Moitas grazas.

Á parte desta xuntanza, tamén gozamos dunha fermosa paisaxe e paseo no río Ulla coas súas seis insuas e a ponte medieval Ledesma que separa as provincias de Pontevedra e A Coruña. Rematando a excursión cunha visita ao Mosteiro de Carboeiro e á fervenza da Toxa. Foi unha viaxe de luxo e ledicia. 

Bene Freiría