Xa podemos ver nas salas comerciais de toda Galiza a longametraxe Vilamor. A dirección e mais o guión da película son de Ignacio Vilar e entre os actores están Rubén Riós e Sabela Arán.

Velaí tendes o artigo (resumido) de Xosé Manuel Pereiro en que fala da película:

Vilamor é, como parece indicar o título (para a súa distribución internacional será Lovetown) unha historia de amor. Un romance a finais dos anos setenta entre unha rapariga que hoxe chamariamos “alternativa” e un seminarista, dous caracteres opostos unidos pola querenza pola terra. Ela, Sonia (Sabela Arán), quer mudar o mundo e el, Breixo (Rubén Riós), quer conservar o seu que se esborralla. Dúas pretensións que todos sabemos que fracasaron. Vilamor é tamén un topónimo, o pseudónimo cinematográfico dun lugar chamado Foxo, onde trancorreu a historia que describe o filme, baseado en feitos reais, como se proclama agora. Nos primeiros pasos dunha comuna que se estableceu alí, nunha zona da Fonsagrada que a construción —tamén completamente real— dun encoro segregou fisicamente de Galicia e acelerou o seu despoboamento.

“O cine galego debe existir, porque temos que contar as nosas historias ao noso xeito”, reclamou o director ao público que asistiu á preestrea, hai 15 días en Lugo.

“Foi unha experiencia que comezou en 1976, xente preparada, universitarios con conciencia política que querían ser un xermolo dunha sociedade nova. Aquela etapa cerrouse en 1982, cando apareceu a droga dura”, di por teléfono, entre sesión e sesión, Ignacio Vilar, que coñeceu o asunto a finais dos noventa, cando foi alí para realizar un documental. Despois viaxou por todas as partes para coñecer e entrevistar aquela xente. “O promotor, Nilo, foi un personaxe que xa tivera en Lugo un bar peculiar, en que cada un pagaba o que consideraba que era xusto. Querían ter unha relación home-muller diferente, tentaron crear e legalizar unha escola… Agora algúns son profesores universitarios, unha fundou as Escolas Fingoi, un referente pedagóxico”. Varios aparecen como extras nas escenas finais. Tamén serviron de escenario algunhas casas que aínda habitan sucesores da comuna.

Rodada en lugares de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Cervantes e As Grandas de Salime (Asturias), Vilamor narra aqueles inicios, e sobre todo a reacción das forzas vivas e de parte da poboación, máis que negativa. É tamén a descrición de todo un mundo, a sociedade rural tradicional, que daquela comezaba o seu declive. Naquelas aldeas (Foxo, Vilar) todo está hoxe como estaba daquela, acceso en barca incluído. Quizá por iso a ambientación é perfecta, a pesar da falta de medios e do exceso de dificultades. “Non hai nada de cemento nin de aluminio. Están a unha hora de camiño da Fonsagrada, e os últimos 40 minutos hai que os facer a pé. A rodaxe foi parecida á d’A Raíña de África. Desde subir a 1.600 metros de altitude, cun metro de neve, a carrexar os equipos. Os electricistas dicían que era a película máis difícil en que traballaron”, di o director. De facto, é case unha superprodución. Máis de nove semanas de rodaxe, un equipo de 150 persoas e un orzamento de 1.700.000 euros.

Vilamor é unha película coral. Con Sabela Arán (que fai difícil crer que sexa unha debutante) e Rubén Riós (que ten man perfectamente dun personaxe todo contención), os máis (Xoel Yáñez, Tamara Canosa, Marcos Pereiro, Santi Romai, Paulo Serantes, Deborah Vukusic ou Carlos Villaverde) constitúen unha nova xeración de actores e actrices. A aposta pola fidelidade inclúe os diálogos. Ao menos na versión orixinal en galego, os personaxes da zona falan a variante dialectal da montaña oriental luguesa, e os hippys —excepto unha de orixe barbancesa— o galego estándar, coa terminoloxía da época. A frase “non se dan as condicións obxectivas” caracteriza un personaxe, e mesmo figura nas camisetas promocionais.

Esta é a cuarta película de Vilar e a segunda, despois de Pradolongo, en que aplica a súa máxima de que o labor dun cineasta non acaba coa rodaxe e a montaxe. A anterior tivo hai catro anos, en pantallas grandes, 65.000 espectadores. Entrementres, até o 17 de maio, Vilamor vaise proxectando en cines de 15 localidades galegas, Ignacio Vilar, Sabela Arán, Rubén Riós, Xoel Gómez e dous produtores pasarán eses dous meses na Caravana Vilamor (unha furgoneta Volkswagen típica naquela altura) presentándoa en 190 institutos e 250 asociacións culturais. E iso, sen contar as accións en Internet e as redes sociais. Despois hase poder ver en sesións de verán ao ar libre, 150 confirmadas en 25 concellos de Lugo e 40 de Ourense. Vilar ten claro que se os espectadores non van ao cine, o cine ten que ir polos espectadores.

Podedes completar esta información aquí:

Datas da estrea