Todo o meu ser está ligado á terra,

sábeme a terra todo na memoria,

terra o camiño, terra a miña historia,

terra esta voz que no deserto berra

C.E.F.

 

Despois da longa paréntese do verán e mais dun bocado do outono volvemos con novos e renovados azos con novas lecturas. Convocámosvos pois á primeira xuntanza do ano 2012-2013 que será para decidirmos o funcionamento do club durante este ano. Decidiremos o día das reunións e a hora e continuaremos coa lectura de Follas Novas de Rosalía Castro.

 

DÍA: 7 de novembro de 2012

HORA: a partir das 17.30

LUGAR: cafetaría da EOI de Vigo

Traede ideas para este ano.

***

Aproveitamos tamén para publicar comentarios que tiñamos pendentes do curso anterior. Son os seguintes.

 Eu non coñecía a Celso Emilio Ferreiro. Descubrino no club de lectura e, a verdade, a súa poesía gustoume moito. Penso que foi unha persoa cun sentimento moi forte por todo o que estaba no seu contorno. Na súa poesía atopamos todo o seu sentir; toda a súa sensibilidade está reflectida nela. Todo o sufrimento da guerra civil o atopamos nos seus versos. A través da súa poesía podemos coñecer como sufriu por todas as inxustizas vividas pola xente. É unha poesía que hai que ler moitas veces para chegar a sentir o que el sentiu cando a escribiu durante esa guerra sen sentido. Podemos sufrir, chorar e rir a través dos seus versos. Moitos deles parecen contos porque vivimos todo o que vive o protagonista. Estes versos chegan ao corazón dun. A verdade, eu non pensei atopar un home con tanto sentir, porque cando comecei a ler non chegaba a comprendelo. Unha poesía que me gustou foi esta:

 

 

Espranza

Erguerémo-la espranza

sobre ista terra escura

coma quen ergue un facho

nunha noite sen lúa.

Marcharemos cinguidos

polos duros segredos

dunha patria soñada

á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño

que pra entón colleremos.

Longos ríos de brétema,

longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes

na libertá creemos.

Viva, viva, dicimos

aos que están no desterro

e soñan cun abrente

de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade,

que levades a luz polos vieiros.

Saúde a todos,

compañeiros!

 Marta Fernández Rivera

 ***

 ESPERANDO O LEITEIRO  DE  XOSÉ NEIRA VILAS

Un mozo da aldea atópase na encrucillada da súa vida e máis de camiños esperando o leiteiro para ir embarcar a Vigo que o levará á emigración a Bos Aires en busca dunha vida mellor. Nesta espera debulla unha chea de recordos e reflexións das súas vivencias na aldea e de todo o que acontece alí. Dende os labores do campo, os medos e pecados sustentados pola igrexa, as experiencias dos emigrados retornados a algún anaco da guerra civil. E a isto último se refire o que vou transcribir, pola forma de contalo e a carga de significación que ten na nosa historia.

Manuel, o pai de Antolín, o neno pitoño, di que nada sabe de política, alá os que mandan, e ti dislle que tampouco pero cando menos os dous sabedes, inda que vos queda algo lonxe, que había no país un goberno mellor ou peor, pero legal e chegaron uns aventureiros con uniforme e con estrelas e con eles outros que só vestían unha camisa azul e levaban pistola e que uns e outros mataban a treo pois eran xente de recuar e teimaban en botar para atrás algunhas melloras que había no país, que por causa deles inzouse de mortos e de medos e de viúvas e  e de orfos e nin Manuel nin ti sabiades por que con xenreira asasina lles chamaban roxos aos que non estiveran de acordo con tal desfeita. Todo segue inda moi embarullado e tes presente que a teu pai estiveron a piques de arrincalo do agro e da aldea e levalo a una trincheira; eras daquela un neno, pero vas sabendo cousas e tes mortos na familia, pois a teu tío de Silleda tamén o mataron. Non estaba en cousa ningunha, traballaba a pouca terra que tiña, coidaba dos seus, e unha noite levárono e apareceu nun camiño de carro coa cabeza desfeita. E vaste, emigras, tamén por todo iso, por ise noxo que non acaba, e serías quen de ir ata o cabo do mundo para fuxir de tanta miseria moral e da outra porque inda queda moito restroballo do que aconteceu.

Bene Freiría Campos

 ***

Rap por Galicia

O galego a nosa lingua
É fermosa sen igual
E por iso nós todiños
a debemos de coidar
Se a queremos conservar
Debémola de falar
Na rúa na escola
En calquera lugar
Pois é un ben prezado
Que debemos cultivar
Se a queremos cultivar
Non a deixemos morrer
Falémola sempre
Para non a perder
É fermosa sen dúbida
Non ten comparación
Con ningunha
Por isto penso
Coidemos dela
Para non perdela.

Sara Vilas Navarro