casamento de Bienve e Lourdes (1963)

casamento de Bienve e Lourdes (1963)

Aproveitando a miña recente viaxe pola miña terra, Hombrados[i], pregunteille á miña nai como eran os casorios cando era cativa e, mesmo, cando ela mesma foi noiva. E, como eu xa tiña no meu maxín, sorprendéronme algúns costumes dos que xamais antes escoitara falar.

Comezarei contando que, despois de se faceren as beiras ás agachadas, os mozos necesitaban o consentimento das familias para facer público o cortexo. O noivo “pedía a entrada” ao pai da moza. Se a muller era menor de idade e non contaba coa aprobación do pai, pasaba a ser “moza depositada”. A moza, o mozo e mais os pais deste, concordaban en que casa ía ser “depositada” ata a súa maioría de idade; daquela aos 24 anos. Elixíase, a ser posíbel, unha da familia da moza, aínda que fose familia afastada. Estes intres eran moi espiñentos pois conviña evitar desavinzas cos achegados.

Preto da voda chegaba outro momento sensíbel: “as amoestacións”. Facíaas o crego tras os sermóns das misas anteriores á voda. Eran tres. Despois da primeira os noivos celebraban un convite aos seus amigos. Naturalmente, se todo fora ben e non xurdira ningún amoestador ou amoestadora. Ao domingo seguinte o crego proclamaba a segunda amoestación. E unha semana antes da data da voda o cura anunciaba a derradeira. Tras dela os noivos convidaban a todo o pobo a un ágape.

O día sinalado como o do casamento, os noivos ían camiñando á igrexa dende as súas casas familiares, acompañados por cadansúa madriña ou padriño. E asombroume coñecer que o sacerdote os casaba á entrada da igrexa. Unha vez desposados sentaban diante do altar e púñanlles “o xugo”. Este era un pano azul que o padriño colocaba sobre os ombreiros do noivo e, o outro extremo, a madriña por enriba da cabeza da noiva. Xa eran cónxuxes.

Despois da voda celebrábase unha festa rachada coas dúas familias. Onde non faltaba de nada dentro das escasezas daqueles tempos.

Os noivos ían con traxe e as noivas adoitaban vestir traxes de chaqueta de cor escura ou negra.

Por último, abraioume descubrir que os acabados de casar, tiñan que acochar o lugar elixido para pasar a noite de vodas. Era o segredo máis secreto dos noivos. Aos meus país “preparáronlles a cama” a madriña da miña nai e a súa mellor amiga. Agora eu tamén sei onde foi.

Pilar Abril Sáez

i “Os Casamentos á antiga” en Hombrados, pertencente ao Señorío de Molina de Aragón.

buy cheap dissertation online