O 5 de novembro deste ano (2012) celebrouse o III Día da Ciencia en galego. A temática deste ano foi a tecnoloxía, e foron homenaxeados Leonardo da Vinci e Ramón Verea. A seguir, ofrezo unha breve información sobre este inventor galego dunha das primeiras calculadoras.

Ramón Verea Aguiar e García

Ramón Verea Aguiar e García

Ramón Verea naceu en Curantes (A Estrada) o 11 de decembro de 1833 e faleceu en Bos Aires o 6 de febreiro de 1899.

Estudou en Santiago de Compostela. Emigrou a Cuba onde traballou como mestre e escribiu dúas novelas, «A cruz de cobblestone» e «Unha muller con dous maridos». En 1865 trasládase a Nova York, onde inventará a súa máquina de calcular, a primeira que realizaba multiplicacións de forma directa en vez empregar múltiplas voltas de manivela. A oficina de patentes estadounidense concedeulle a patente o 10 de setembro de 1878 (número 207.918), o mesmo ano en que gañou unha medalla da Exposición Mundial de Inventos de Cuba.

Despois dun tempo trasládase a Guatemala, exiliado pola súa forte oposición á política colonianista estadounidense, e despois a Bos Aires. Nesa cidade fundou a revista O Progreso, e seguiu publicando e exercendo de xornalista. Morreu só e pobre na capital arxentina sendo enterrado nun panteón anónimo do Cemiterio do Oeste.

calculadora de Ramón Verea

A súa calculadora era unha máquina duns 26 quilos de peso, 14 polgadas de longo, 12 de ancho e 8 de alto, capaz de sumar, multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis números no multiplicador e quince no produto. A multiplicación resolvíaa mediante un método directo baseado nun mecanismo patentado por Edmund D. Barbour en 1872, que empregaba un sistema que obtiña valores dunha táboa de multiplicar codificada de xeito similar ao sistema Braille. O aparello podía resolver 698.543.721 x 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a época. No entanto, Verea non perseguía máis que demostrar que os españois podían inventar igual que os estadounidenses, polo que o seu invento só deixou pegada na historia da computación como base para futuras máquinas, como a de Otto Steiger. A súa máquina consérvase nos depósitos da sede central de IBM, en White Plains (Nova York) formando parte da colección iniciada en 1930 polo fundador de IBM.

Marta Fernández Rivera

Ligazóns sobre o Día da ciencia en galego:

primeira   

segunda

terceira

cuarta

quinta