Unha palabra pode revivir de dúas maneiras: volvendo a ser empregada despois dun esquecemento máis ou menos longo, ou empregándoa ben despois de a ter empregado confusamente ou mal por algún tempo.

Dieste

Rafael Dieste

A palabra “enxebre”  vénse repetindo moito, e, non obstante, hai que a reanimar divulgando o seu nidio significado e tecendo arredor dela unha gradicela de conceptos ben ligados. Entre unha vella moi vella e un amigo noso houbo esta conversa:

–Beba, señor, este viño, que lle é moi enxebre –dixo a vella.

–E ¿por que lle chama vostede enxebre ao viño? –inquiriu o noso amigo.

–Porque non ten auga nin mesturanza ningunha –respondeu a vella. E engadiu: –Élle das mesmas viñas do Noso Señor.

Así, viño enxebre vén sendo o mesmo que viño puro. E enxebreza significa, denantes que nada, pureza de caste.

Só nos falta o ditame dos filólogos, mais entrementres non chega, vaiamos discorrendo pola nosa conta.

Poñamos o adxectivo “enxebre” a carón dalgúns nomes. E digamos: doutrina enxebre, ollar enxebre, fala enxebre. Frases que, esquecendo por un intre o significado hoxe circulante na  literatura, virán sendo o mesmo que estas: doutrina pura, ollar puro, fala pura.

Cando é pura unha doutrina? Cando non ten no seu seo o xermolo da contradición, cando non ten mesturanzas que lle resten consistencia, cando o sabor que ten nas fontes non se perde no cabo dos regatos.

Cando é puro un ollar? Cando os ollos din o que a alma sente, sen o disimular nin contradicir.

Noutros termos: Unha doutrina é pura ou enxebre cando se é fiel a si mesmo.

Cando é, pois, pura unha fala? Cando é fiel a si mesma. Cousa que non sempre acontece coa fala do pobo, tan traidora, por veces, coa súa propia morfoloxía.

Labor do escritor: facer “enxebre” a súa fala.

 

Rafael Dieste (6 de marzo de 1926)

http://www.realacademiagalega.org/dicionario/#searchNoun.do?nounTitle=enxebre  (Dic. da RAG)