Nesta cuarta entrega imos comentar unidades fraseolóxicas relacionadas coa alimentación, con comer. Todas elas foron recollidas polo Colectivo MLP.

Vamos primeiro con dúas locucións moi correntes na nosa lingua:

De quen come moi pouco dicimos que come como un paxariño ou como un pisco. Este último é o nome que lle damos na nosa zona ao paporroibo, que é un paxaro que tamén recibe o nome en algures de paifoco. O seu nome científico é Erithacus rubecula, e é de cor olivácea nas partes superiores, testa, fazulas, gorxa, papo e peito roibos e ventre abrancazado.

Pisco

Pisco

Polo contrario, daquel que come moito dicimos que come como un boi. Como se pode apreciar, neste caso, a comparanza estabelécese cun animal doméstico de gran tamaño, en canto que na comparanza anterior era con animais moi pequenos.

Sigamos con máis expresións:

Cando dicimos de alguén que come como un abade queremos dicir, xeralmente, que, alén de comer moito, come ben, ou sexa, non calquera cousa.

E despois dun bo xantar ou unha boa cea ficamos como pegos ou como rulos, isto é, saciados, fartos; e podemos dicir: Vouche como un pego mais mañá póñome a réxime.

Neste caso podemos tamén dicir que levamos as canizas cheas: Hoxe comín como un abade: levo as canizas cheas.

prato acugulado de comida

Se o prato, a cunca ou cousa similar está tan acugulado de comida que xa non cabe máis nada, que está a punto de bordar, dicimos que lle hai que pór (as) canizas ou (os) ladrais: Arre demo! A ese prato haslle ter que pór ladrais. Moito botaches!

Évos ben certo que hai xente que ten o muíño picado (ter moito apetito): Deberías facer como o teu curmán, dá xenio velo comer. Ese si que ten o muíño picado.

Esta última locución alude a “picar o muíño”, que consiste en ‘repasar as asperezas da moa do muíño alisadas polo uso’. Daquela cando o muíño ten a moa ben picada moe ben e de aí provén esta locución que comentamos.

Nisto de comer e beber, como en tantas cousas, é preciso moderármonos e evitar excesos. Claro que ás veces perdoámoslle o mal que nos fai polo ben que nos sabe, como se acostuma dicir neses casos en que unha comida nos sabe e comemos aínda que non deberamos.

Para acabar, dicimos sabe que non sei cando algo nos sabe moito ou que está de lamber os dedos: Este cocido está de lamber os dedos, sábeme que non sei.

[A explicación destas expresións pódese ver aquí: http://eoidevigo.blogaliza.org/dicionario-fraseoloxico/]