Poema: Manuel Curros Enríquez
Música: Os Tamara

VÍDEO

Unha noite na eira do trigo

(Actualizamos a ortografía a partir do texto orixinal de Curros Enríquez , tal como o recolle a Real Academia Galega na súa biblioteca virtual)

 

Aires d’a miña terra
“Cántiga” (páxina 13)
 

 

                 CÁNTIGA

No xardín unha noite sentada
ao reflexo do branco luar,
unha nena choraba sen trégolas
os desdéns dun ingrato galán.
E a coitada entre queixas dicía:
«Xa no mundo non teño ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben.»

Os seus ecos de malenconía
camiñaban nas alas do vento,
e o lamento
repetía:
«Vou morrer e non ven o meu ben!»

Lonxe dela de pé sobre a popa
dun aleive negreiro vapor,

emigrado, camiño da América
vai o pobre, infeliz amador.

E ao mirar as xentís anduriñas
cara á terra que deixa cruzar:
«¡Quen puidera dar volta -pensaba-,
quen puidera convosco voar!…»

Mais as aves e o buque fuxían
sen ouír seus amargos lamentos;
só os ventos
repetían:
«¡Quen puidera convosco voar!»

Noites claras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
pros que viron un barco marchar!…

Dun amor celestial, verdadeiro,
quedou só, de bágoas á proba,
unha cova
nun outeiro
e un cadaver no fondo do mar.