Desde O Peixe na Patela queremos animar a tod@s á participación nos actos que, por todo o país galego, conmemoran nas próximas datas, o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

En concreto, desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega proponse a lectura de poemas de Rosalía a partir das 19.00 do día 23 de febreiro (sábado próximo) en diferentes cidades e vilas acompañada da lectura dun manifesto. (A lectura en Vigo é ao pé do Museo de Arte Contemporánea)

Por outro lado, o día 24 (176 aniversario do nacemento de Rosalía) a Fundación Rosalía de Castro celebra o Día de Rosalía con diferentes actos entre o que destaca o das 12.00 en Padrón na Casa de Rosalía. Nas anteriores ligazóns pódense ver máis detalles e máis actos.

Mais antes, ese día a partir das 10.00 h, tod@s @s gaiteir@s de Galicia están chamad@s a dar unha alborada en honra da autora padronesa en todas as vilas e cidades. Trátase dunha iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Velaquí a letra da famosa alborada que Rosalía escribiu a partir da música. Incluímos tamén o comentario da autora.

Rosalía de Castro: Alborada (1)

 I.

     Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do—co teu ros-
tro—que, sorrin-
do,—a sombra espanta!!!

     Canta…, 
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!…

     Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta por que o millo medre,
canta!
Canta por que a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

     Noite escura
logo vén
e moito dura
co seu manto
de tristura,
con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
Sal!!…

     Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,

cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

     Sal!…,
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

               II.

     Branca auro-
ra—ven chegan-
do—i ás porti-
ñas—vai chaman-
do—dos que dor-
men—esperan-
do—o teu folgor!…

     Cor…
da alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se tende
de fogax
larada viva,
dempois leve,

fuxitiva,
triste, vago
resprandor.

     Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta por que o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;

     que o gaiteiro
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
á porta está!… 
Xa!…

      Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica,
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.

     Arriba!
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar:
Arriba!
Arriba, toleirona mocidá!
que atru—
charemos—cantaremos o alalá!!!

 1) A máis grande dificultade que achei pra escribir esta alborada foi o meu deseio de que saíse nun todo arregrada á música. Conseguín esto, pro foi a custa da poesía, non podía ser doutro modo, cando se dá cun aire tan estraño e tan difícile de acomodarlle letra algunha.