conversa na EOI de Vigo con Xosé A. Fernández Salgado (1 de marzo de 2013)

O venres pasado, día 1 de marzo, estivemos con Xosé A. Fernández Salgado e falounos da obra de Marcial Valladares Núñez Maxina, ou a filla espúrea. O seu concienciudo traballo / estudo da novela, e tamén da biografía do autor, fixo que o romance alcanzase maior interese. A exhaustiva explicación de cada detalle cobrou un sentido pormenorizado e dinamizador. X. A. Fernández Salgado entrou na obra pola porta grande e levounos a todas/os coma se fose un guía nun museo. Os descubrimentos foron abraiantes, xa que non é o mesmo ver un cadro de Velázquez ou Goya en solitario, que observar e admirar o mesmo cadro cunha persoa que te inicie na materia.

Só podo dar un pequeno resumo da charla ou reunión, un exemplo moi simplificado:

1) Introduciunos na idiosincrasia dos nomes da novela; empezando por Maxina (maja, ben vestida, chula…), Veranio (veranus, sen madurar…), Inés (pureza, prototipo de muller tradicional, boa…), Queitán (un bonás, simple,…), etc.

2) Explicounos a educación moralista e conservadora do autor e de como esta se reflicte na obra. No caso do castigo tan inxusto para Otilia, a pobre vítima. A sociedade de dobre moralidade, unha fidalguía con temor ao que dirán; a honra por encima de todo.

3) Achegounos á temática de novela folletín. A orfandade e a violación como centro da mesma. Vemos como o romanticismo aflora no sufrimento cruel que envolve cada páxina. Tamén o folclore ten un papel importante, significativo cos seus personaxes rurais, os máis naturalizados. E como a intención moralizante/cristiá ten un gran peso na novela.

4) Amosounos os rexistros lingüísticos usados polo autor: o galego do narrador, o máis estándar; o galego do folclore ou popular (ambos cheos de naturalidade) e o galego mestura e estigmatizado no lado humorístico. O castelán xa un pouco raro, libresco, nada natural e moi requintado.

Ben, aínda que isto non é todo, quizais sexa o máis representativo para mencionar e perfilar algo o que foi aquela reunión do Club de Lectura. Pero falouse de moitas e relevantes achegas que fixeron que MAXINA, OU A FILLA ESPÚRIA gañase máis valor aínda. Ou polo menos, tomo a licenza de falar en plural, nos nosos corazóns.

Rosa Martínez Vilas

 

Por mor da lectura de Maxina ou a filla espúrea (Marcial Valladares) tivemos a sorte de contar cos coñecementos, tanto da obra como do autor, de Xosé A. Fernández Salgado.

Dun xeito ameno e achegado (que só se consegue cando se é sabedor) levounos da man a través da primeira novela escrita en galego.

Con el, transitamos polo ‘encaixe’ das personaxes da obra, da súa moral nunha sociedade hipócrita e arcaica, albiscamos ao autor na pel de Salvio, miramos de fite a linguaxe que representa o tempo na que foi escrita.

Achegounos ao home, ás súas vivencias de namorado, despeitado?, á súa vida afastado na aldea que o vira nacer, sempre traballando na defensa da nosa fala, da nosa cultura, recollendo a sabedoría do pobo.

Xosé A. Fernández Salgado, fuches un descubrimento. Se todos os que representan a nosa cultura soubesen, coma ti, facela tan doada, nós, os do común, seríamos máis cultos.

Palabras de, Marcial Valladares:

… miremos algo polos nosos labradores e, xa que eles non poidan, nin teñan tempo para estudiar, estudiemos nós e démoslles sequera libros, onde vexan o noso e seu dialecto ben escrito e ben falado.

Chelo Fontán Carrera

*****

 Despois da interesante conversa co profesor da Universidade de Vigo Xosé Antonio Fernández Salgado sobre o último libro de lectura (Maxina, ou a filla espúrea) e o seu autor, Marcial Valladares, volvemos á literatura máis recente. Desta feita gozaremos do libro de Manuel Rivas As voces baixas(Edicións Xerais, 2012).

A sesión, na aula 17, será o día 22 de marzo de 18.00 a 19.30 h, xa que a seguir nos deslocaremos até a veciña biblioteca Xosé Neira Vilas onde estará, coma peixe na auga, o contador de historias Avelino González que nos engaiolará cos seus contos.

Vídeo de M. Rivas

***

 

Cando advirta que para producir precisa obter autorización dos que non producen nada; cando comprobe que o diñeiro flúe cara aos que trafican non bens, senón favores; cando se decate de que moitos se fan ricos polo suborno e por influencias máis que polo traballo e que as leis non o protexen deles, senón que, pola contra, son eles os que están protexidos contra vostede; cando repare en que a corrupción é recompensada e a honradez se converte nun autosacrificio, entón poderá afirmar, sen temor a enganarse, que a súa sociedade está condenada.

Ayn Rand (1905-1982), filósofa e escritora estadounidense de orixe rusa (Alissa Zinóvievna Rosenbaum)

Chelo Fontán Carrera