Ricardo Mella

Tiven, en vésperas das pasadas eleccións, o humor de asomarme ao galiñeiro de certo teatro onde se celebraba un mitin electoral. Era para min un espectáculo novo en que tomaban parte antigos amigos de amplas ideas con xentes novas de limitadísimas orientacións. Saín de alí coa cabeza quente e os pés fríos. Tiven que soportar unha regular xaqueca online pharmacy cialis de providencialismo político e, naturalmente, sufrín as consecuencias. Estou marabillado. Non pasan os días pola xente. Non hai experiencia bastante forte para abrirlles os ollos. Non hai razón que os aparte da rutina.

Como os crentes que todo o fian á providencia, así os radicais, aínda que se chamen socialistas, continúan poñendo as súas esperanzas en concelleiros e deputados e ministros do respectivo partido. «Os nosos concelleiros farán isto e o outro e o de máis alá», «Os nosos deputados conquistarán tanto e canto e tanto máis», «Os nosos ministros decretarán, crearán, transformarán canto haxa que decretar, crear e transformar». Tal é o ensino de onte, de hoxe e de mañá. E así o pobo, a quen se apela a toda hora, segue a aprender que non ten outra cousa que facer senón votar e esperar pacientemente a que todo se lle dea feito. E vai e vota e espera. Tentado estiven de pedir a palabra e arremeter de fronte contra a falaz rutina que así adormenta á xente. Tentado estiven de gritar ao obreiro alí presente e en gran maioría:

«Vota, si, vota; pero escoita. O teu primeiro deber é saír de aquí e seguidamente actuar por conta propia. Vai e en cada barrio abre unha escola laica, funda un xornal, unha biblioteca; organiza un centro de cultura, un sindicato, un círculo obreiro, unha cooperativa, algo do moito que che queda por facer. E verás, cando isto fagas, como os concelleiros, os deputados e os ministros, aínda que non sexan os teus representantes, os representantes das túas ideas, seguen esta corrente de acción e, por seguila, promulgan leis que nin lles pides nin necesitas; administran conforme a estas tendencias, aínda que ti nada lles esixas; gobernan, en fin, segundo o ambiente por ti creado directamente, aínda que a ti non che importe nada o que eles fagan.

Mentres que agora, coma cruzas os brazos e dormes nos loureiros do voto—providencia, concelleiros, deputados e ministros, por moi radicais e socialistas que sexan, continuarán a rutina dos discursos baleiros, das leis necias e da administración irrisoria. E suspirarás pola instrución popular, e continuarás tan burro coma antes, clamarás pola liberdade e tan amarrado coma antes á argola do salario seguirás, demandarás equidade, xustiza, solidariedade e daránche fargalladas e máis fargalladas de decretos, leis, regulamentos, pero nin un chisco daquilo ao que tes dereito e do que non gozas porque nin sabes nin o queres tomar pola túa man.

Queres cultura, liberdade, igualdade, xustiza? Pois vai e conquístaas, non queiras que outros chas veñan dar. A forza que ti non teñas, séndoo todo, non a terán uns cantos, pequena parte de ti mesmo. Ese milagre da política non se realizou nunca, non se realizará xamais. A túa emancipación será a túa obra mesma, ou non te emanciparás por todos os séculos dos séculos. E agora vai e vota e remacha a túa cadea». (Solidaridad Obrera, Xixón, 25-XII-1909)

Tradución: Iria Presa Arjones

One ResponseArtigo de Ricardo Mella to “”

  1. Unha gran verdade!