As rapazas de Xan: Manuel Iglesias Turnes

A lectura d’As rapazas de Xan cativoume dende a segunda palabra. Os sentimentos ían e viñan asemade polo camiño do relato e polo carreiro da miña vida.

Debúxase nos meus beizos un sorriso e paro a lectura, pecho os ollos, mestúranse na artesa dos recordos cheiros, sons e verbas dos que están e dos que sen estalo están tan presentes no meu corazón e no meu día a día.

O amor da miña avoa ao pé da lareira, mentres enriba da trepia quecía a auga para cocer códeas de millo cunhas pingueiras de aceite de oliva e uns pingallos de leite. ‘Endexamais volvín comer exquisitez tal’. O seu arrecendo maternal cando me achegaba a ela cubríndonos co mantón, compartindo comigo a calor do seu seo e o amor incondicional da súa alma.

O duro que era o inverno co bafo da friaxe que entraba por todos os recunchos, gabeando polas paredes, baixando polas fiestras, enchoupando a casa, a roupa, a cama…

Eu son quen son grazas a esas vivencias, aos cheiros da lareira que representaba o fogar, ao do batume que representaba o pulo que se lle daba á terra para favorecer a colleita, o do retrete que representaba a compaña daqueles aos que lles tiñas lei, o da terra da bodega absorbendo durante séculos pingueiras do elixir do acordo e do esquecemento.

Teño arela dos tempos en que se lle vía a cara amable a calquera situación, hoxe hai moitos que só abren os beizos para se queixaren, non son quen de ver que onde hai sombras, hai luz.

-Dixen, non llo había de dicir! Está tan fachendoso coas súas rapazas que disimulou o que puido, pero eu ben me decatei como lle corría a auga dos ollos. (Manuel Iglesias Turnes)

Chelo Fontán Carrera

***

As rapazas de Xan é unha novela arredor da vida na aldea galega da posguerra, alá polos anos 50.

A través da relación amorosa dos protagonistas, Carmela e Manuel, o autor, bo coñecedor do mundo rural, pois criouse nel, debúllanos un tempo que foi e xa non é, mais pode volver ser.

Amósanos unha vida gris, chea de miserias e inxustizas, de amores, desamores e vinganzas, o poder divino e terreal da igrexa e da Garda civil, coa súa dobre moralidade en prexuízo da muller e sempre ao carón dos poderosos e en detrimento dos débiles.

Nunha palabra, unha vida chea de traballos duros, onde non había lugar para a esperanza dun futuro mellor Así que, ante esta situación, a maioría da mocidade só soñaba con emigrar á terra prometida, que nese momento era América, en busca de oportunidades e de pórlle un pouco de color á vida

A pesar desta carga negativa, hai que subliñar a bondade e solidariedade dalgúns personaxes e da veciñanza ante situacións estremas, como no caso da enfermidade de Carmela.

Cómpre destacar que foi moi doada de ler e que me transportou a unha época que non se debería de esquecer e recomendaría que fose lida pola rapazada para que coñezan o noso pasado e non se volva dar.

 Bene Freiría Campos

 

 PRÓXIMA LECTURA:

 

Saxo tenor de Roberto Vidal Bolaño

 (Edicións Positivas)

 Día: venres 3 de maio de 2013 a partir das 18.00

 Lugar: aula 17 da EOI de Vigo

 

 

2 ResponsesSobre “As rapazas de Xan” to “”

  1. Moi poético, a beleza do pasado. Parabéns!

  2. Bravo Bene!!!, unha boa crítica e moi obxectiva.