Chegamos ao final do curso e acaba tamén por este ano o club de lectura. A  derradeira sesión do ano académico será o día 24 de maio e nela contaremos coa presenza de Félix Caballero Wangüemert, xornalista que nos falará do seu libro O humor galego alén da retranca (Edicións Morgante, 2012).

PRÓXIMA LECTURA:

O humor galego alén da retranca de Félix Caballero

Día: venres 24 de maio de 2013 a partir das 18.00

 Lugar: aula 17 da EOI de Vigo

Novos comentarios

Saxo tenor

Roberto Vidal Bolaño (Compostela, 1950-2002) foi autor, director e actor de teatro e un dos pioneiros do Teatro Profesional na Galiza.

SAXO TENOR foi Premio Álvaro Cunqueiro 1991 e en 1993 Premio Compostela ao mellor texto e mellor escenografía.

Saxo Tenor é unha obra chea de dureza e dramatismo cuns matices cómicos moi persoais do autor. Quizais puidera dicirse tamén unha traxicomedia perfilada na novela negra e policial, un escrito que reflicte con total realismo a actualidade da marxinación e do clasismo. A pobreza é o fío condutor que move a obra, as mortes salpican coa sorpresa e co abismo dun destino cruel atrapando aos personaxes e ao lector no meu caso, ou como no caso do teatro a un público absorbido polo drama.

A mestría de Roberto Vidal Bolaño para contar unha historia, ou multitude delas, é asombrosa. Móvese ou movíase como peixe na auga, pola facilidade coa que transmite forza e vida ás súas letras e aos que as lemos. Aínda hoxe, Saxo Tenor está de actualidade e sospeito que o seguirá estando. Xa que a realidade e a profundidade dos seus personaxes tocan un existencialismo popular, ou un sentimentalismo pragmático e vivo, escápaseme tanta esencia e tanta magna filosofía como para poder explicala.

A lectura de Saxo Tenor foi moi grata e cativoume dende o principio, mergulloume con sutileza nas súas follas. Fiquei engaiolada da escrita, da técnica e con gana de coñecer mellor a grande obra deste literato. Lean Saxo Tenor, lean a un grande do Teatro, das Nosas Letras.

Rosa Martínez Vilas

Máis sobre As rapazas de Xan

Houbo un momento no libro que me fixo lembrar o día e, en especial, os cheiros da sementeira. Na miña casa marchabamos toda a xornada fóra. Nos días previos levábase o carro co estrume e estendíase na leira coas espalladeiras. Durante a labra, a xente que non guiaba o gando ía face-los cadabullos alí onde non chegaba o arado e abri-la leiva para a seguinte volta. A miña misión, como nena que era, foron varias: bota-lo estrume ó rego, abrir pequenos buratos na terra para bota-los milleiros cando se facía á man e maila parte final de pasarlle a grade para achanda-la terra ou ben comigo sentada enriba da pedra para facer peso ou tirándolle as moscas á vaca dependendo do día que tocase.

No libro fala de “a ver cando nos traen as 11”. Nós parabamos cando se remataba a labra e antes da sementeira en si. Estendíanse unhas colchas e mantas vellas, íase busca-lo garrafón de viño que estaba a refrescar na mellor neveira natural como é o propio rego de auga e comíanse aqueles bistés fritidos e chourizos con patacas cocidas que sabían mellor do que calquera manxar. Aquilo era almorzar e non o de agora!!!

Helena Martínez Sanjuán