Ingredientes para 6 persoas:

     200 g de miolo de bola resesa / catro ovos da casa

     un cuartillo de viño branco da casa / catro culleradas de azucre moreno

     un pau de canela / 50 g de pasas de Corinto / aceite de oliva

Preparación:

foto de Carmen Suárez

O miolo do pan desfaise coas mans ata esmiuzalo por completo.

Nun prato fondo bátense os ovos mesturados cunha cullerada do azucre moreno e cando estean escumosos engádese o miolo revolvendo ata quedar unha masa ben enchoupada que se deixa macerar uns quince minutos tapada cun pano de fío.

Entre tanto, nunha cazola de barro quéntase a lume brando o viño mais o resto do azucre xunto co pau da canela e as pasas.

Pasado o tempo da maceración da masa e coa axuda dunha culler, fórmanse pequenas bólas que se esmagan un pouco coa man e frítense nunha tixola con aceite quente.  Cando xa van estando douradiñas, escórrense e pásanse á cazola do viño en que se deixan cocer dez minutos ao mesmo lume brando que xa tiñamos.

Pasado ese tempo, apágase o lume e déixanse recochar un cuarto de hora antes de servilas co almibre do viño e as pasas.

Este é o doce da Noiteboa da familia da miña nai.

Carmen Suárez Areal