Un libro sobre humor galego

Félix Caballero Wangüemert (Logroño, 1967) é xornalista e escritor. No seu haber ten: Pienso, luego embisto, Sólo sé que no sé nadar, O humor en cadriños e agora O humor galego alén da retranca, este último publicado en 2012.

O humor galego alén da retranca é un ensaio de divulgación. Un achegamento xornalístico que sae dun arduo traballo de recompilación sobre o tema do humor. O autor colleita parte do que xa se escribiu e completa o estudo con opinións de personaxes públicos e contemporáneos como Quico Cadaval, Antón Reixa, Xaquín Marín (de quen está facendo unha tese), etc.

E por que sobre o humor galego? -podémonos preguntar… Pois, nace dunha necesidade do autor de explicar e explicarse a idiosincrasia humorística galega. O desexo de coñecer mellor a cultura galega e de profundar máis na peculiaridade galaica que fixo medrar neste rioxano-galego un querer saber, unha intriga aniñada no humor que se centra neste libro por e para o galego. Coa lectura d’O humor galego alén da retranca podemos introducirnos en conceptos tan interesantes como humor e humorismo, coas súas diferenzas. E que o humorismo nace do sentimento e o sentimento é unha característica fundamental dos pobos atlánticos. Coñeceremos o existencialismo e o circunstancial do humorismo galego (dende a xenética até os factores sociais e ambientais, toda unha reflexión antropolóxica e histórica), e na relatividade ou visión poliédrica do humorista. Profundaremos no humorista como poeta, como filósofo, como espírito libre e demais comparacións substanciais e obxectivas. Tamén nos achegaremos aos catro puntos estruturais básicos como son a retranca, a sorna, a rexouba e o trasacordo; todo un mundo ou universo galego, un sistema de mecanismos que conflúen nun sorriso e nun sentir.

Grazas a Félix Caballero xa temos un libro do humor galego. Un libro con denominación de orixe…

Rosa Martinez Vilas

***

Nesta pasada reunión tivemos o pracer de estar xunto ao escritor do libro O humor galego alén da retranca.

O libro é moi serio porque profunda nos distintos graos que ten o humorismo segundo a intención con que se responde. Porque non é o mesmo humor que humorismo. Aprendino neste libro, que recomendo, pois nótase que ten moito traballo de fondo.

Xa vendo o índice dáste conta de cantos puntos te van ir levando por este tema tan noso e tan pasado por alto.

Gustáronme moito as anotacións, a pé de páxina, de datos de personaxes da cultura que ían saíndo no texto pois ponche un chisco de información moi á man.

Aínda que o escritor é nado fora de Galicia, xa leva moito tempo connosco e que escriba para aclararnos sobre este mundo do humorismo, que o entenda e saiba explicalo tan ben, ten moito mérito.
Todos lle demos ánimo para que siga escribindo co desexo de nos reunirmos para falar outra vez.

A sesión estivo moi entretida e interesante.

Ángeles Correa

 

O Humor galego alén da retranca de Félix Caballero

Neste libro, o autor amósanos un traballo periodístico no que recompila os pensamentos e entrevistas de escritores, persoeiros do teatro, humoristas gráficos, etc. do aquén e do alén.

Foi un privilexio podermos contar co autor nunha xuntanza do Club de Lectura 5.1.

Admirabelmente tiña toda a información do libro na cabeza, e é moita!

Como o bo periodista que é, dáno-la información e permite que nós xulguémo-las diversas opinións, chegando, de xeito persoal, ás conclusións que nos permita o noso propio sentido do humor e a nosa aceptación de rirnos de nós mesmos, (iso si, con respecto, non si?)

Fixo unha exposición do seu traballo polo miúdo, dun xeito moi coloquial, foinos mergullando nese mundo asumido máis descoñecido que é o humor, o humorismo, o sentido do humor, a ironía, a retranca e o ‘leite importado’.

E digo eu: non será que o humor ‘galego’ é un xeito de amosar ao que nos quere asolagar que aínda que lle deixemos crer que o pode facer, precisamos de facerlle entender que ¡ti sabes que eu sei!?

Cómpre ter sempre en conta que hai moitas clases de retranca, como nos informa Félix Caballero no seu libro.

Velaquí vai unha mostra de retranca. (real)

Na eira da casa decidín deixar medrar un carballo, unha veciña atopoume un día no camiño e…

-Muller que simpática, mira que deixar un carballo na horta…!

OPINIÓNS:

Os defensores de que o humor noso é semellante ao irlandés ou ao bretón din que esta similitude é froito de séculos de asoballamento cultural, da imposición dunha cultura allea.

Celestino Fernández de la Vega:

O humorista ten a virtude de ve-las cousas polo anverso e polo reverso; unha visión que lle outorga moitos segredos.

A nobreza do ridículo e a ridiculez do nobre,

a humildade da vaidade e o orgullo da modestia,

a grandeza do pequeno e a pequenez do grande.

Siro López:

La ironía puede matar, el humor ayuda a vivir.

La ironía quiere dominar, el humor libera.

La ironía es despiadada, el humor es misericordioso.

La ironía es humillante, el humor es humilde.

Jules Renard:

O Humorista é un home de bo malhumor.

Chelo Fontán

 

A ANADA (de novembro de 2012 a maio de 2013)

Este foi un ano ben proveitoso para o noso Club de lectura 5.1. Lemos e falamos sobre dúas novelas, un libro de relatos e prosas, unhas notas biográficas noveladas, unha obra de teatro e un ensaio divulgativo. Ademais, xaora, da lectura de poesías de Follas Novas, aínda pendente de terminar. Como novidade, que pretendemos repetir, estivo a presenza entre nós de dous dos autores, Xosé A. Fernández Salgado e Félix Caballero.

A seguir van as portadas das lecturas deste ano: