Agustín Fernández Paz, co libro A ESCOLA DE PIRATAS, gañou o premio Edebé, na modalidade infantil.

Nunha entrevista feita por mor deste premio, fixo un comentario sobre unha obra que aínda estaba no berce do seu maxín. Velaquí tedes o que dixo:

Si, eu sempre estou cun novo proxecto… a semente foi un pequeno relato que escribín hai tres anos…

Meditación diante do álbum de fotos familiares

Levabamos anos falando de remodelar a á dereita do pazo, mais nunca eramos quen de decidirnos. Este outono, despois de vencer innumerábeis resistencias familiares, comezamos as obras. De acordo cos novos planos, procedeuse ao derrubamento das vellas paredes interiores. Entre os tabiques de dous cuartos pequenos, nun oco habilmente disimulado, apareceu un esqueleto enteiro, nun magnífico estado de conservación, Levaba alí máis de cincuenta anos, segundo acreditaron os informes do forense. Eses informes explicaban tamén as causas da súa morte, cunha meticulosidade innecesaria: o cranio cun furado e a bala que apareceu na base da caveira eran testemuños luminosos para calquera de nós.

Dende aquel día, contemplo o álbum coas vellas fotos familiares e trato de distinguir, entre tantos rostros que me axexan hieráticos, cal é o que agocha nos ollos o mirar do asasino?

É IMPOSÍBEL SER ESCRITOR SE ANTES NON EXPERIMENTACHES CON APAIXOAMENTO O PRACER DA LECTURA.

Agustín Fernández Paz

Se vos prace ler todo o artigo, teredes que ir a: http://www.filix.org/ranholas/materiais/entrevista_rl.pdf

Chelo Fontán

 

***

Agustín Fernández Paz, máis alá da lectura

Agustín Fernández Paz é un escritor que me fai sentir sensacións que poucos conseguen. A súa novela Lúa do Senegal fíxome ollar dunha forma distinta a esas persoas de cor e cultura aparentemente tan alleas á nosa. Persoas que veñen buscando, como fixeron os galegos durante séculos, unha vida mellor que a que teñen no seu país. Aprenden a nosa lingua e afanse aos nosos costumes e forma de ver a vida lonxe da súa terra, botando de menos os seres queridos, a luz, as cores tan variadas e fermosas, como a da lúa. Ollo entón aquela nena sentada na xanela mirando ao noso satélite e a súa emoción ao decatarse de que a lúa de Vigo era a mesma ca a do Senegal.

Sempre que vexo unha persoa negra penso en Agustín, quen me fixo meditar o sufrimento e valor desas persoas que se arriscan desa forma inhumana por unha vida mellor.

Con Corredores de sombra pasoume o mesmo. Fíxome lembrar por enésima vez que os vencedores da guerra non pagaron por todo o mal que fixeron, e seguiron vivindo fachendosos e fachendosas por todas as vilas e aldeas da nosa terra. A memoria histórica non se cumpre e os mortos das cunetas ben mortos están sen que as familias teñan un lugar de conforto onde levarlle flores, como lle pasou a Rafael, o protagonista desta tremenda historia de amor, vinganza e morte.

Isto representa para min a literatura de Agustín. Faime meditar máis alá do tempo da lectura. Por iso teño que darlle as grazas, non só polo gozo da súa escrita, senón polo que ten agochado de reflexión.

Amalia Lorenzo Naveiras

***

O libro gustoume moito porque é moi doado de ler e ten unha trama fácil de seguir. É unha novela para xente nova, unha maneira de achegar os nosos mozos á lectura. A trama da novela fai que unha desexe chegar ao final, porque, a medida que se vai lendo, vai pensando como pode darse ese final. Cando estamos na metade do libro xa temos feita unha idea, pero no final aparecen cousas que nunca imaxinamos que ían pasar.

O libro móstranos as diferenzas sociais, os prexuízos sobre a homosexualidade, o caciquismo e a emigración en busca de traballo nas aldeas. A protagonista é unha rapaza que non ten nada que ver coa familia en que naceu, mais despois de decatarse como actuou a súa familia na época franquista, ela debe elixir, cando remata o bacharelato, onde seguir os seus estudos e alí ela decide facelo lonxe da súa casa e afastarse da súa familia.

Hai dúas frases que me gustaron moito. Unha, que dá nome ao libro e é de José Ángel Valente, di así: “A memoria ábrenos luminosos corredores de sombra”. Moitas veces, cando remexemos na nosa memoria, atopamos recordos que pensabamos esquecidos. A outra día a protagonista dúas veces: “Ninguén pode elixir a familia onde nace”. É a pura verdade, a familia non pode elixirse como os amigos.

 Marta Fernández

 

2 ResponsesComentarios sobre Corredores de sombra to “”

  1. Moi bos comentarios… Que bo Club de Lectura!

  2. Chego a este blog a través dunha persoa amiga, que me facilita o enlace. Deste xeito, puiden ler os comentarios de Amalia Lorenzo e de Marta Fernández, que moito agradezo. A Amalia direille que me emociona saber da influencia que os meus libros puideron ter na súa ollada da realidade. Tamén me pasa a min con determinadas lecturas; creo que iso indica que a “escritura” entre o autor e a persoa que le o texto é unha realidade. Marabilloso! E a Marta confesareille que José Ángel Valente é un dos escasos autores que non canso de reler. O verso que dá título ao libro sinala xa o tema central que se vai abordar. Outros textos meus (penso nalgúns de “O único que queda é o amor”) deixan ver con maior claridade a influencia do poeta de Ourense.
    E, xaora, grazas ás dúas. Nun traballo solitario como é o de escribir, anima moito ler palabras coma as vosas.
    Unha aperta, para vós e para todas as outras persoas do club.
    Agustín Fernández Paz