O sábado 23 de novembro faremos unha excursión ao Pico Sagro e a lugares da comarca da Ulla, en concreto do concello de Vedra. Trátase dun dos montes sagrados (como o nome indica) dos nosos  devanceiros. Daqueles aos que lle rendían culto. Este monte de cuarzo ten ademais moito interese xeolóxico (covas…) e histórico-etnográfico xa que está relacionado coas lendas xacobeas. Ten preto do seu cume unha capela e desde os seus picos pode contemplarse Compostela e os arredores.

A visita será guiada por Henrique Neira, xornalista de Vedra e gran coñecedor de toda esta comarca.

Visitaremos tamén os xardíns do Pazo de Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla e o Pazo de Galegos en San Pedro de Vilanova, onde viviu o grande historiador e escritor Antonio López Ferreiro. Alí mostrarannos a adega vella do pazo e a adega moderna e explicarannos como se preparan os viños de calidade da denominación de orixe Ribeira do Ulla.

Visitaremos tamén a capela e a fonte do Santiaguiño en San Pedro de Vilanova, relacionadas co Pico Sagro e a tradición xacobea. Faremos tamén outras visitas como á área recreativa do Gundián, á beira do río Ulla e a destilaría de Augardentes do Ulla.

O xantar será nun restaurante de Santa Cruz de Ribadulla e custará 13 euros. Existe tamén a opción de levar o xantar ou facelo pola súa conta.

Outros datos son os seguintes:

SAÍDA: da Escola Oficial de Idiomas ás 9:00 h

PREZO: 21 euros (autobús + xantar) ou 8 euros (só autobús)

VOLTA: á tardiña

INSCRICIÓN E PAGAMENTO: na conserxaría da EOI (até o 19 de novembro ás 12.30)

Inscribídevos canto antes. Fican só dúas semanas.