Dunha novela xuvenil de Agustín Fernández Paz a, unha novela para adultos de Xesús Rábade Paredes. A historia de dúas mulleres e as súas experiencias desde a realidade do tempo que lles toca vivir. Clara Soutelo e o descubrimento dun misterioso cadáver no pazo familiar. “A Memoria Histórica” reflectida en cada palabra e acontecemento, que pasa cos mortos dos perdedores?… Canto tempo máis hai que agardar a que se desenterren da escuridade na que aínda moran?, eles os descoñecidos e soterrados no esquecemento. Branca de Loboso axustizada por bruxa e salvada da fogueira no último momento, unha vida truncada e encamiñada á soidade nun convento para limpar o pecados que outros lle ven, mentiras que lle mancharon a alma ou tentaron manchar.

Dúas novelas tan diferentes, mais unidas por unha voz feminina. Clara e Branca falan anos despois da tráxica experiencia (unha máis cá outra) e que marcou as súas vidas para sempre. O que tiveron que vivir na adolescencia -ambas tiñan 16 anos- fixo que madurasen precipitadamente e da forma máis cruel no caso de Branca.

Branca de Loboso

Esta é unha novela que narra a historia dunha muller forte, culta, fermosa e decidida. Que loita contra un sistema opresor, A Santa Inquisición no s. XVII, un sistema pechado, ignorante e clasista. Asentado no feudalismo; absolutista e arcaico, baseado nunha crenza cega na relixión católica. Un tempo pasado pintado de demoños, medos, inxustizas… pero que por desgraza existiu. É o noso pasado, no que houbo moitas almas Brancas, axustizadas nun mundo irracional e absurdo.

Xesús Rábade Paredes gañou, con Branca de Loboso, o Premio Álvaro Cunqueiro de narrativa no ano 1991.

(Demo son,

Demo me acho polo meu mal fado,

e meto a man e saio,

e polo mesmo o pago.

E no nome do Demo

meto a man e saio…)

Páx. 105, oración do libro.

Rosa Martínez Vilas

***

Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz

 Unha novela para lectores xuvenís, entretida e doada de ler a tódalas idades.

Os autores de narrativa para cativos e xente nova, fan un labor moi importante por seren estes o futuro da nosa lingua. Xa rematada a lectura do libro, chega o máis doado, pór a mente en branco e deixar que flúan os acordes “personalizados” da historia lida.

 O que che vou contar é longo, os vellos gardamos moita vida na memoria. (Agustín Fdez. Paz)

 Soportaba a túa presenza sentíndome decote ao abeiro das apertas do meu Rafael.

Por unha raña dos recordos de Dona Rosalía de Andrade (a do Cubano), fuxían os pensamentos…

Hai momentos da vida que non se borran nunca, pois quedan ancorados con firmeza na nosa memoria. (Agustín Fdez. Paz)

 Cando o souben todo o noso arredor tornou noite.

Quixeches calar os seus pensamentos co chumbo na súa tempa, pensaches infeliz de ti que atravesándolle o corazón cun estoupido de friaxe farías desaparecer os seus sentimentos, e no canto diso aboiou xaora a túa covardía.

Con el coñecín unha xeración de xente que quería cambiar o mundo, un tempo de esperanzas.

El sentiu no seu peito o frío sopro da morte, o metal ardente que esnaquizaba as súas ilusións e soños. Os seus pensamentos deixábanse estarrecer co río ardente de vida quentando a alfombra que foi a súa mortalla.

Rafael morreu coas esperanzas fundidas na súa pel amante. Nin tan sequera a morte foi quen de engaiolalo.

Mais ti morriches co coiro envelenado e na túa propia esterqueira, ao cabo tiveches aquilo de que eras merecente, caíches na celada adiada polo meu negro corazón.

 O primeiro amor, ese que estrelece a tona da pel e nos fai crer que somos os amos do mundo.

 Chelo Fontán

***

Branca de Loboso

 Branca de Loboso é unha fermosa moza de aldea, intelixente e humilde, amante da liberdade. Tocoulle vivir tempos de piras e torturas, de amor apaixonado mais obrigada a murchar na soidade dalgún convento ou no patíbulo dalgunha praza maior. En pleno século XVII o mal tiña forma de demo. Branca e o seu namorado, Antonio, padeceron o dó. A Inquisición levou ás chamas do seu amor á fogueira da carraxe e da ignorancia.

Ela descríbeo nun diario íntimo e imos, deste xeito, asistindo ao proceso que contra a protagonista abre o Tribunal do Santo Oficio, coma se o sufrísemos en carne propia. Branca diríxese a nós nunha dramática primeira persoa, acosada e asediada, que nos fai sentir carraxe ante a inxustiza.

 O autor preséntanos documentos concluíntes con respecto ao proceso contra Branca de Loboso.

 Nota: o libro gustoume moito

 Gerardo

***

Branca de Loboso de Xesús Rábade Paredes

 Unha novela histórica que dende o comezo da lectura alporizou o meu ánimo lector, fixo remexer en min uns sentimentos tan fortes que só me podo moderar aproveitando as palabras de xente con máis temperanza.

Branca de Loboso. Muller fermosa, intelixente e instruída. A través do seu diario fainos partícipes do que foi a inquisición. Vítima inocente dun momento da historia que non é só unha vergonza imperdoable para a igrexa senón para calquera ser racional.

Antonio de Aldán. Un estudante bo mozo, como Branca, vítima inocente da cegueira do poder do clero, cuxo único pecado na vida foi ser o namorado de Branca.

 O berro deixa no vento / unha sombra de ciprés.

(Deixádeme neste campo chorando)

Todo escachou no mundo / Non queda máis có silencio

(Deixádeme neste campo chorando)

O horizonte sen luz / está trabado de FOGUEIRAS

(Deixádeme neste campo chorando)…

…Cando eu morra / enterrádeme se queredes

nun catavento

¡Cando eu morra!

Asasinado polo CEO…

Federico García Lorca

 O pai, Ramiro Leboráns.

Cres que , por que os seus ollos non expresan nada, un ser non sofre, é un erro doado de cometer.

Greene Graham

 Antonia de Loboso, nai?

Se houbera podido depender da miña vontade, eu houbera preferido ser fillo da femia da quenlla, coa súa fame amiga das tempestades, e do tigre de crueldade recoñecida: non sería tan malo.

Mariano José de Larra

 Servando Fontes, Arcipreste de Saavedra. Trémeme a man ao pór este nome, só o podo recoñecer como unha besta desprezable. Representante espiritual na terra dun deus co corazón de arame de espiños, dunha igrexa depredadora autora das maiores vilezas, que aproveitaba a incultura da xente para facer das súas vidas un inferno na terra.

 … a quen cualificara, sen omitir palabra diante do Tribunal, de home ruín, descrido, libidinoso e putañeiro.

Xesús Rábade Paredes

 Pódese enganar todo o tempo a unha parte do pobo e a todo o pobo unha parte do tempo, mais non se pode enganar todo o tempo a todo o pobo.

Abrahan Lincoln

Chelo

 

Subindo ao Pico Sagro (23 de novembro de 2013)