Ti cres que o Mundo está feito

pró teu regalo,

e nel danzas, xogas, vives,

sen pensar noutra cousa.

Pois non; o Mundo faise,

está facéndose;

il será o que ti queiras e outros queiran,

e cómpre non lle furtes teu esforzo.

Non che será dada a tregua

máis alá, no escuro,

no ultrametafísico,

se regateas do teu brazo

o pulo feito amor;

brazo de carne tenso,

áxil e firme,

cheo de alma ardorosa.

Non terán remisión o teu xogo,

a túa danza e a túa vida,

se da obra suma foxes.

Terás sido chispa sen luz,

fogueira non acesa,

verba sen voz,

alma informe!

 

Arranxa o teu amor ao cosmos,

na desorde pon ritmo,

no amorfo aresta.

Traballa e descansa;

e baixo do ceo infindo

frúe a beleza da túa obra

chea de concentos eternais.

 

Despois de cada xornada

regusta o xúbilo fecundo

de crear, de trocar a Nada

en forma, dándolle senso e vida.

Racionaliza o caos

e séntate á dereita de Deus-Pai.

 

Roberto Blanco Torres, 1929