Herbario, Sándor Márai

 A lectura desta obra gustoume moito, deixoume colonizada pola esperanza de ser quen de continuar a aprendizaxe de vida mentres teña alento.

Saquei en claro do que lin, tanto en Herbario como na biografía do autor, que é moito máis doado pensar que vivir, é máis sinxelo presentar que actuar e moito máis levadío aconsellar que asumir.

 65. Dos fanáticos

Sempre, en todo momento e situación, loita contra o fanatismo de todos os xeitos posibles. Loita contra ese espírito epiléptico que lle fai á xente falar coma cans rabiosos e botar escuma pola boca, ese espírito que xermola do fondo máis oculto do ser humano e tente asestarlle unha puñalada ao mundo, cambialo dun golpe. Mais cando loites contra o fanatismo faino con paciencia, reflexionando, utilizando a razón, cunha pedagoxía consecuente. E con paixón: apiádate do fanático. Pode ser que se abalancen contra ti, pero o delirio do seu ataque fará que mordan a lingua e sucumban á súa propia ferocidade. (Sándor Márai)

 Sabiades que a única tradución feita do idioma orixinal, o húngaro, é esta, a feita na nosa lingua?

Está traducido tamén ao catalán e ao castelán mais estas foron feitas dende o inglés.

 Chelo Fontán


 

109. Da escolla e da fidelidade

Pénsao ben antes de coller un libro e empezar a lelo. Polo menos pénsao tan ben como fas cando lle vas dar a man a outra persoa con confianza, porque ao libro dedícaslle durante un tempo a atención da túa alma, e isto é moito, pois a vida é curta e a túa alma só túa. Se xa te decidiches e comezaches a ler, le amodiño, con moita atención e paciencia, coma se discutises empregando un argumento correcto. Se un libro vai en contra do teu gusto ou convicción ou, poñamos por caso, a maneira na que o autor expón os seus pensamentos é aburrida e complicada, ti le aínda así o libro ata o final. Precisamente por iso que acabo de dicir, porque a vida é curta, e porque hai tantos libros neste mundo coma pingas de auga no mar, escolle ben os libros antes de os abrir e descubrir as súas follas. Le con consecuencia e fidelidade, e elixe con moita atención, pois estás agasallando ao libro cun fragmento da túa vida e da túa razón. Se xa comezaches a lectura, mantente fiel ao libro, mesmo se o seu contido vai contra ti, contra a túa alma e a túa razón. Pensa que o libro tamén pode ser un contrincante, hai que loitar contra el ata o final do combate. Porén, dígnate a conversar só con dignos contrincantes, nunca cos que -como dixo un poeta- durante o combate queren dar unha clase de loita. (Sándor Márai)

 É un libro que fai pensar, ten uns capítulos curtos pero intensos.

 Gerardo Lago