Poderían ser outras dez, e tamén cen, porque o galego está feito un moi bo mozo, mais aquí e agora ocórrenseme estas:

  1. O diminutivo. Canta afectividade hai no diminutivo galego! Semella mentira que en algo tan pequeno (e que pode haber máis pequeno ca un diminutivo?) poida coller tanta emotividade. A diferenza do seco diminutivo castelán, que indica fundamentalmente tamaño pequeno, o galego ten un valor afectivo omnipresente. Que sería do Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía sen o diminutivo? Calquera que lea este poema fica namorado da poesía de Rosalía, mais tamén do diminutivo galego e, xa que logo, da lingua galega.
  2. O pronome de solidariedade. A máis fermosa creación lingüística dos galegos. Non coñezo nada parecido no mundo das linguas. Ese querer, ese precisar implicar o interlocutor nas nosas verbas, mais implicalo emocionalmente, afectivamente… E cando o usamos en plural cunha forma redundante singular (“estáchevos boa a comida”) supérase a si mesmo.
  3. O infinitivo conxugado. O galego-portugués é case que a única lingua do mundo que o ten. Que intelixente maneira de marcar a persoa do verbo e evitar ambigüidades.
  4. O cheísmo. A duplicidade dos pronomes te e mais che pode volver tolo a calquera estudante de galego, mais que cousa tan fermosa ese che que non teñen nin os españois nin os portugueses. En Galicia hai máis cheístas ca en Cuba, e iso que o galego non era o Che, senón Fidel.
  5. As vogais abertas e pechadas. Outra tortura para os neofalantes, mais canta fartura fonética. É coma un canto, coma un coro.
  6. As cen maneiras de chamar a choiva. Disque o galego ten cen maneiras de chamar a choiva. E será: orballo, orballada, poalla, poalleira, chuvisca, chuviscada, chaparrada, trebón, treboada… Galicia –como dixo Cela de Compostela– é a “ben chovida”, e en Galicia a choiva é a ben chamada.
  7. Os non cen, mais si dez xeitos de dicir pequeno: pequeno, pequeniño, pequecho, pequechiño, pequerrecho, pequerrichiño… Pódense pedir máis variantes sen se separar da raíz da palabra? Que beleza, que fermosura. E cando estes termos se aplican aos cativos, que marabilla. De feito, semellan ter sido creados para eles.
  8. “Malo será”. Adóitase dicir que o galego é pesimista, que é escéptico… E será, mais tamén pode ser optimista e confiado. “Malo será” é un canto ao optimismo, un talismán, un esconxuro, unha fórmula secreta para seguir adiante cando as sombras nos asombran, coma a Rosalía.
  9. “Non si?”. Pode semellar paradoxal, mais é o mellor exemplo da integración de contrarios que disque é unha das características da antropoloxía galega.
  10. “Trapallada” e as súas moitas variantes todas monovocálicas: chafallada, marfallada, trangallada, zarrapallada, zarangallada… É incríbel que o xenio da lingua reservase para unha cousa tan insignificante semellante exercicio de malabarismo lingüístico.

 Félix Caballero Wangüemert

One ResponseDez razóns (lingüísticas) para amar (e mesmo desexar) o galego to “”

  1. Que artigo máis riquiño.