A intervención de Teresa Moure

Determinados poderes non permiten que o mundo sexa un escenario onde cadaquén baleirar o que leva dentro (A intervención)

Un grupo de amigos, un tanto atípicos, forman un comando artístico-revolucionario co propósito de faceren unha intervención nas montañas do Courel, en concreto nunha mina a ceo aberto abandonada. Para levaren a cabo esta acción, deixan as súas vidas urbanas e instálanse nunha aldea da dita serra.

Asemade que preparan a intervención teñen que rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Estes feitos propician unha retrospectiva das súas vidas por demanda dunha integrante, psiquiatra, que pretende facer un estudo das súas personalidades.

Co gallo deste proxecto, Leandro Balseiro dá en investigar na biografía do seu avó, Leandro Balseiro, vello. Un home totalmente atípico, excéntrico, atolado, fóra da realidade, que o leva a descoidar as necesidades básicas da familia en contraste cunha obsesión pola pulcritude e a perfección noutros aspectos da súa vida que favorecerá á creación dun xardín en forma de “Eden” onde cultiva as plantas máis exóticas, e é como se lle condensase toda a tenrura en facer florecer e recender as ditas plantas, nun xardín de 5.000 m que se podería considerar unha obra de arte.

Son estas vivencias que quedaran na memoria da súa nai, Clara Balseiro, e que terán unha grande repercusión e semellanza na forma de propor e executar a intervención. Quedando reflectido, no plano de traballo, o espírito e marca de Balseiro vello.

Este estilo de intervención encádrase dentro do movemento artístico de Land art, que consiste en mesturar os elementos naturais da natureza nun compromiso coa contorna e como tratar de desposuír a arte do seu elitismo e achegala á poboación en xeral.

O obxectivo desta acción é mover e espertar conciencias, desatar sentimentos, emocións, politizar, deixar unha grande impresión no ánimo e memoria da cidadanía.

Como non podía ser doutro xeito, engaioloume unha vez máis Teresa Moure coa súa forma de contar as historias e o seu compromiso coa sociedade e os seus problemas.

Bene Freiría

D’A intervención a Nimbos

Convido a todo o mundo a que se achegue ao Club de Lectura 5.1. As lecturas e a participación son moi abertas e dinámicas. Sempre aprendemos e partillamos algo, que non é pouco. Nesta ocasión centrareime n’A intervención de Teresa Moure e tamén en Nimbos; do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, a X. M. Díaz Castro.

Vou comezar pola novela de Teresa Moure (Xerais 2010). Esta é o diario dunha intervención, unha protesta ou reivindicación; ou aínda mellor… unha performance ou creación artística colectiva. Ao pé das montañas do Courel, uns artistas clandestinos preparan a súa intervención, a súa chamada de atención á sociedade. Son, simplemente, artistas, non, son activistas! A loita é necesaria, pois é un organismo propio que busca a expresión fracasada para independizarse do tedio dunha realidade mortal e insípida que afoga e asoballa.

Na historia coñecemos como personaxes principais a un pianista (Daniel Sampaio), unha doutora (Clara Balseiro), un estudante universitario (Leandro Balseiro), unha profesora de historia (Candela Roma) e unha psiquiatra (Ingrid Sampaio). Todos se unen nun curioso grupo para facer Arte na Natureza, e recuperar o xardín, o maxestoso xardín do falecido avó de Clara Balseiro, tamén chamado Leandro. A psiquiatra (filla do pianista) obriga a todos a rexistrar as súas actividades, e así é como comeza o diario, o Diario da Intervención. Todos nesta historia son narradores, as súas historias conflúen e narran vidas, as súas. O pasado deles é a chave de todo, sobre todo o pasado de Clara coa súa dolorosa nenez que sorprende de forma especial.

O libro divídese en cinco capítulos que rodean amores, soños, xardíns e loucura. Neles afloran as vidas de dúas familias:

-A familia Balseiro (avó, filla e neto). Un avó estraño, raro, trastornado ou bipolar. Un neto que quere ser artista mais a verdadeira artista é a súa nai, a que formula a intervención da novela.

-A familia Sampaio (pai e filla). Un grave accidente e unha amnesia propicia para crear unha nova vida, unha filla que volve a coñecer o seu pai desmemoriado para resarcirse polo seu abandono e desinterese.

Logo temos a parella feliz. Candela, esposa de Antón Lueiro e amante de Leandro Balseiro (neto), pero que ama a Antón sobre todas as cousas. Aparecen máis personaxes que aínda que non son importantes, pincelan a novela coma un cadro. Mais o final apoteótico, está na mina e no xardín improvisado. Un acto revolucionario que tenta facer unha toma de conciencia política e de amor. O punto culminante é a morte de Daniel por un infarto e o seu enterro na mina perfilado por flores, momento sensacional da intervención. E todos os personaxes volven ás súas esencias, despois de tan intensa relación, unha experiencia peculiar que os encamiñou a unha transformación real. A transmigración da alma como ente esencial.

Porque a arte é unha das formas da loucura.

Agora, debemos subir aos Nimbos (Galaxia) poéticos dos versos de Díaz Castro. A poética místico-relixiosa que transfigura ao autor nun desexo profundo de comuñón, o Ubi Sunt existencial coa morte e co ente superior que toca a natureza. O franciscanismo máis puro da man creadora da vida unida a Deus. A vida e o mundo, a soidade e a morte como chaves existenciais cara ao autocoñecemento. E tamén, atopamos a realidade galega de loita, o galeguismo como sentimento histórico, como busca incansábel da memoria que nos fai dano. Porque é unha chaga que non cicatriza pola ocultación sistemática da terra sucada polo medo.

Principiamos entrando silenciosamente no PÓRTICO da palabra pisando as verbas coma se fosen brasas, Poeta ou non, eu cantarei. Para internarse na NOITE onde o verme suspira mirando a estrela que emana unha LUS no novo ceio. A ESPRANZA é grande, un paso adiante i outro atrás, Galiza… Penélope tece soa unha tea de melancolía. Mais a cova alumada espreita o MILAGRE desexado, para entrar no SOÑO onde a cerna deixa a FERIDA aberta tras a cortina. Foi coma unha espada, o principio da dor humana?, a dor fainos humanos!.

I as falopas dos anos van caendo

sobre a sede inmortal e os ollos tristes,

pro no enterran a boca da ferida!

A beleza fireume para sempre.

A poesía é un puñal que te fere para sempre, poeta!

Rosa Martinez Vilas

Próxima lectura: Á lus do candil. Contos a carón do lume de Ánxel Fole.

Día: 9 de abril de 2014 (cuarta feira)

Lugar: Aula 35 da EOI de Vigo

Hora: 17.45