chopo s.m. Planta vivaz da familia das escrofulariáceas (Verbascum thapsus), con talo ergueito, cuberto de borra espesa e cincenta, follas abrancazadas, grosas, moi pilosas, flores en espiga, amarelas e froito capsular. SIN. verbasco. (Dic. Xerais)

Propiedades medicinais: as flores teñen un pigmento amarelo que xa utilizaban as mulleres romanas para poren os cabelos louros. É expectorante e utilízase contra a asma e a bronquite; Os fomentos da planta utilízanse contra as hemorroides. (Wikipedia)

O Chopo, unha planta singular

foto de Rosa

foto de Rosa

Unha das plantas singulares na Galiza é o chopo. E máis aínda polo seu aro de misterio.

chopo na Illa de Ons (foto de Xelo)

chopo na Illa de Ons (foto de Xelo)

O chopo ten a sona de feiticeiro, sandador, cun poder sobrenatural que chegou aos nosos tempos pola tradición que demostra a sabedoría popular. O coñecemento da natureza que os nosos antepasados posuían e nós xa perdemos. Pois ben, dende nena, vía á miña nai facer a auga de san Xoán e ilusionábame moito todo ese proceso de elaboración. Mais, á parte desta coñecida tradición por todas e todos, tamén tiven o pracer de ver, grazas a ela, outra aínda máis curiosa. En San Xoán cortabamos un chopo e tirabámolo no tellado do alpendre do curral, alí secaba e de paso; traía boa sorte e limpaba dos meigallos/mal de ollo, e despois, en san Pedro, había que retiralo. Todo fai pensar que, aínda perdida a explicación do proceso de secado e posterior preparación, esta tiña un sentido real (quizais debía secar ao resío, recibir o ar da noite, os raios da lúa ou calquera outra cousa que realzase e descubrise as súas propiedades medicinais). O caso é que xa non se sabe nada, ou eu non o sei, do xa innecesario uso desta planta na curación, (o mundo moderno fixo que tiveramos máis accesibilidade ás menciñas e que xa non nos preocupásemos destes labores), o que fixo que adquirise co tempo un sentido máis mítico. Mágoa que se perdeu tanto saber! Os tempos mudaron e as persoas tamén; pero o chopo segue sendo o mesmo chopo.

Rosa Martínez Vilas