Renacer de Xabier Paz
TizianoO día 24 de marzo tivemos o pracer de contar, no club de lectura 5.0, coa inestimable presenza de Xabier Paz, que nos deleitou cunha disertación acerca da súa novela Renacer. Esta obra mergúllanos no Renacemento dunha Venecia florecente que zumega arte e riqueza.
Xabier Paz cóntanos como xurdiu esta obra literaria ambientada nesa época tan brillante.
A través dunhas lecturas, ten coñecemento de Aretino e da súa amizade con Tiziano e Sansovino. Así, comeza o seu interese por este personaxe e inicia unha investigación da súa vida e andanzas e como consecuencia dá á luz esta trama que ten como eixe Aretino e como pano de fondo unha chea de figuras representativas das diversas disciplinas das artes e asemade os acontecementos político-relixiosos dese tempo con tanta transcendencia na historia e con grande repercusión nos tempos vindeiros.
O autor traza o relato tras a morte de Aretino. Este, escritor mordaz, satírico e adulador, deixara un gran mollo de cartas e escritos e a súa filla, Adria, pasa toda a noite en vela, léndoos. Neles redescobre a verdadeira personalidade do pai e ao mesmo tempo reencóntrase consigo mesma, retrotraéndose ata a súa infancia e máis tarde a súa fuxida dos canons impostos polo pai e a sociedade, cara a unha vida máis acorde cos seus sentimentos e arelas.
Estes son os fíos condutores: Aretino, un personaxe real que nos amosa os grandes mestres do Renacemento, entre os cales ten unha gran relevancia Tiziano e onde as obras de arte se amalgaman cos personaxes formando todo un gran fresco da época. Non se esquecen as intrigas e o poder que representaba a igrexa e os ditames dos seus concilios, en especial o de Trento, tan funestos para as mulleres.
A través de Adria, unha personaxe de ficción, preséntanos a condición da muller e a súa rebeldía ante as regras imperantes na sociedade.
Expoño, a grandes trazos, un pequeno esbozo da obra, que me parece moi recomendable para nos achegarmos a ela e deixármonos engaiolar por eses grandes xenios e pensadores que nos mergullan na historia do Renacemento e de por parte evadirnos de tanta mediocridade que nos asolaga.
Desde aquí quero dar as grazas a Xabier pola súa xentileza de nos visitar e dedicarnos o seu tempo e saber.
Bene Freiría

***

O meu agradecemento para o Club de Lectura de galego da Escola de Idiomas de Vigo e para Moncho, o seu coordinador.

Para un autor hai poucas satisfaccións meirandes que o contacto directo coas persoas que len os seus libros. Quero agradecervos a atención dispensada ao meu libro Renacer e a min mesmo. Foi un verdadeiro pracer compartir convosco esas dúas horas de conversa arredor do libro e da literatura galega.
Quedo á vosa disposición para futuras actividades. Parafraseando o clásico: mil primaveras máis para o libro galego!

Unha aperta, Xabier Paz

***

E despois da pasada lectura (Días que non foron de Luís Rei Núñez), imos xa coa derradeira deste curso. Trátase da novela gañadora do premio Blanco Amor 2015. O seu título é Cabalos e lobos, do xornalista vigués Fran P. Lorenzo. A primeira sesión será esta terza feira, 5 de maio, (até a páxina 96). Como sempre na aula 32 da EOI de Vigo a partir das 19.05.