Despois desta paréntese dun ano e sete meses, agora, en decembro de 2017, volvemos a O Peixe na patela.

 

De momento, o urxente é darvos a información da terceira lectura deste curso 2017-2018 do Club de lectura 5.1.

A obra escollida é Aníbal e a pintora de Xabier Paz (Edicións Xerais).

A información é a seguinte:

Día: martes 12 de decembro (até a páx. 185)

Día: martes 9 de xaneiro (2018) (até o final)

Lugar: aula 33 da EOI de Vigo

Hora: 18.00   

 

 

Imos agora, da man de Chelo Fontán, facer un repaso polo que foron as obras e mais os autores que lemos o curso pasado (2016-2017).

As miñas lecturas de 2016-2017

Vinte mil leguas baixo dos mares de Jules Verne.

Viaxei á procura dun farallón fuxidío co Sr. Aronnnax. Vivindo grandes aventuras navais fomos dar co Nautilus e, ao carón do capitán Nemo, descubrimos baixo os mares as hortas, plantas medicinais, os tesouros naturais e os deixados polo home.

 

Chovida do ceo de Alfredo Conde.

Ao ser humano pode atalo unha frase, ou unha caricia, pero tamén a sombra dun castiñeiro, o aroma dun xasmín, ou o recordo impreciso e vago de algo que lle sucedese no recuncho dunha horta. Mesmo é posible que todo iso no seu conxunto. Entón o ser humano queda retido, ancorado no mar proceloso da esperanza, á espera da repetición, no medio da calma ou do naufraxio. A ilusión da felicidade acaso estribe nesa espera. (Chovida do Ceo)

 (Así estiven eu durante a lectura, á espera de que me atase o relato).

O espello do mundo de Ramón Nicolas.

Unha aventura nun mundo totalmente descoñecido por min, onde a orde e o rigor ían á par dos sentimentos e gobernaban o pequeno gran mundo dun cenobio feminino.

 

 

Camiños na auga de Manuel Nuñez Singala.

Percorrer un camiño aterrador con algunha pingueira de ledicia, cun rapaz branco coma a lúa chea, nun mundo negro coma a noite.

Ilustrísima de Carlos Casares.

O asombro coa chegada do cinematógrafo a unha aldea galega e o valor que se lle dá ao poder, sexa eclesiástico ou político.

 

 

 

A sociedade literaria e do pastel de pataca de Guernsey de Mary Ann Shaffer e Annie Barrows.

Ao pé dunha escritora e paseniñamente foise abrindo aos meus ollos un mundo no que as estreituras que deixara a sombra da guerra non foran quen de apagar a afouteza humana dun grupo de persoas que, tomando os libros coma salvavidas, rexurdiron a través da lectura adquirindo coñecementos e sendo compartidos nun club de lectura.

 

Ás veces. Un quixera facerse un nó

ao longo do esqueleto único

na parte máis longa, máis muda, máis branca,

aquela que se enleou traxicamente

nos cornos das Obras!

E, non pode. Non alcanza!

Faise un nó. Un só.

Mentres Eles disparan, roxen, menten, afanan, súan, loitan, matan.

Negocios, Guerras, Sombras, Negocios, Guerras, Bombas.

Bombas, Bombas, Bombas.

Un só negocio, grande.

Unha soa guerra.

Unha soa bomba.

Un quixera facerse o derradeiro nó.

E non alcanza!

(El nudo, Teodoro Venegas)

Os nenos da varíola de María Solar.

Pequenos tesouros de saúde envoltos en corpos de meniños.

Xa rematou o club, terei que esperar uns meses para vivir novas aventuras. Non botarei de menos a lectura pois agora é o intre de ler ao chou, mais si me faltará enriquecerme cos comentarios dos meus compañeiros do club.

Grazas.

Unha aperta

Chelo

Deixa unha resposta

v

You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>