GLOSARIO D’A FIESTRA BALDEIRA DE RAFAEL DIESTE

A edición utilizada foi a 1ª (1927), que publicou en facsímile o IGAEM en 1994 con motivo da súa representación polo Centro Dramático Galego. Existe, porén, unha versión máis recomendable que é a reedición (corrixida e definitiva) de 1980 (e posteriores) en Ediciós do Castro. O léxico desta versión tamén foi revisado e cando aparece utilízase a abreviatura VD (versión definitiva). Neste caso, os exemplos cítanse por esta edición: DIESTE, Rafael (1995): Obra galega completa 1. Vigo: Galaxia.

A definición que se dá é a que se refire ao contexto concreto do exemplo, aínda que, ás veces, se dean tamén outras acepcións. Nese caso, o exemplo aparece na acepción que lle corresponde.

Abreviaturas e signos:

adv.

adx.

fig.

FRAS.

loc. adv.

loc. adx.

part.

Por ext.

Adverbio

Adxectivo

Figuradamente

Fraseoloxismo

Locución adverbial

Locución adxectiva

Participio

Por extensión

SIN.

s.f.

s.m.

v.

V.

v.i.

v.t.

*

Sinónimo(s)

Substantivo feminino

Substantivo masculino

Verbo

Ver

Verbo intransitivo

Verbo transitivo

Forma incorrecta

abicar v. Dirixir ou aproximar o bico ou punta de algo; asomar: As cousas ruíns […] deixádelas avicar e agachádelas deseguida (41) | Abica pol-a izquerda unha rapaza que parez servinte (79).

abuado -a adx. Pálido, descolorido: O peirán vello e os montes abuados por unha brétema levián (9).

adoa s.f. Doa, boliña pequena de vidro ou doutro material, cun buraquiño polo que se enfía con outras pezas iguais formando colares, adornos etc..: Andábamos de nenos a xogar con adoas (11).

afroante adx. Que mostra un aspecto louzán, vigoroso: ¿Non me vedes agora mesmo afroante como unha vela en día de xoula? (81).

aglaiado -a part. Abraiado, asombrado. (136, VD).

*alabear v.t. Gabar, eloxiar. Non m’alabees (23).

*alabeeiro -a adx. Adulador, afagador, louvamiñeiro: Vanche arrodeando os alabeeiros (42).

*alifante s.m. Elefante. (149, VD).

ampexar v.i. Ampear, respirar con dificultade ou perder o alento [por mor da calor, do cansazo…]: Asomando, ampexante, pol-a porta (57).

amura s.f. (1) Costado do barco onde empeza a proa ou (2) cabo que hai en cada puño das velas de cruz dun barco: Cando a goleta dou avante, séntome n’unha amura (11) | A argola da amura de proa ¿non esta moi roída? (15).

antergo -a adx. Entrego, feito, que pola súa idade, acadou xa o seu desenvolvemento completo [persoa]: Palica don Miguel co señor Baldomero, antergo e sabido mariñeiro (9).

apicado -a part. Acabado en pico: Orellas apicadas (137, VD).

arrefeigar v.t. Refucir, arremangar. Arrefeiga as mangas porque lle quedan moi longas (46).

arreloado -a part. Revolto, confuso: Saber, sabémolo, mais d’un xeito un pouco… […] ¿arreloado? (20) .

arumia s.f. 1. O piollo cando sae da lendia. 2. Por ext. o ser vivo sumamente pequeno. 3. Corpúsculo case imperceptible; nada: C’ unha surrisa cariñenta e sinceira, na que non hai arumia de soberbia (50).

atorado -a part. Confuso, desasosegado, inquieto, receoso, turbado: Vaise atorada (25).

atortorado -a part. Atordado, co espírito perturbado, confuso: As cousas que se ensarillan e déixannos presos e atortorados antre a rública enliada do seu rumbo (67) | E qué atortorado quedei eu alí (72).

avante adv. En dirección á fronte: Cando a goleta dou avante, séntome n’unha amura (11).

avelaíña s.f. Bolboreta nocturna da que existen diferentes especies: Entran pola fiestra como avelaíñas (24).

avicar V. abicar.

babián -ana adx. Parvo, babeco: Babián, babián… Vaia, d’unha vez: ven dicindo que foste mariñeiro (33).

balandro s.m. Pequena embarcación con cuberta e un mastro: ¿Valdeásteme o balandro? (14).

ban s.m. Van. Se podo fareino saír dise ban maldito (193, VD)

bolina s.f. Corda que serve para pór oblicua a vela cando o vento sopra polos lados. 2. Acción de navegar de modo que a dirección da quilla e a do vento formen o menor ángulo posible: Bolina pechada. Paréceme que ainda así non poderá montar. Vaise moito â ronsa (27).

bouga V. vouga.

búcaro s.m. Púcaro, vaso para pór flores: Entra Adelaida cun ramo de margaridas e ponas en troques das que quita […] dun búcaro (27).

cachola s.f. Cacho, parte do esqueleto externo dalgúns crustáceos como o boi, a centola etc., que cobre o cefalotórax: Cando ande a navegar nunha cachola de centola […] veña atracar á nosa lancha (207, VD).

chicote s.m. Corda ou cabo con que se ata algunha cousa. Extremo dun cabo ou corda: Mans […] boas para turrar por un chicote ou por un remo (10).

ciar v.i. Cear. 1. Vogar para atrás. 2. Ir para atrás. SIN. recuar: Non coide que cío na miña teima (54) // v.t. 3. Facer ir para atrás.

cornamusa s.f. Peza de madeira ou metal de forma curvada que levan xeralmente na cuberta as embarcacións para amarrar os cabos: Séntome nunha cornamusa (136, VD).

degoro s.m. Degoxo, desexo moi forte [dunha cousa]: De tanto degoro de vivir que dá, parés que é degoro de morrer (60).

desenliarse v.t. 1. Desenlearse, desenredarse. 2. fig. Librarse de algo que pode causar problemas: Como si quixera desenliarse de ironías e lerias (15).

dixe s.m. 1. Amuleto ou figura pequena que se pon no pescozo ou nos pulsos dos nenos. 2. Xoia ou alfaia pequena que levan como adorno mulleres e homes: E a min n’aquel dixe […] que me roubou aquela goacamaia (12).

embora (dar a) Dar os parabéns: Como si lle dese a embora (22).

emboutador -ora adx. V. emboutar: Para ela non debo ser mais que un mal emboutador de lenzos (25).

emboutar v.t. Cubrir [algo] de [unha substancia que mancha].

enliado –a part. Enleado, complicado. Non fagas frases enliadas e bunitas a conta do que me custou deixar de ser probe (169, VD).

entoñado -a part. 1. Enterrado e difícil de arrancar. 2. Oculto: Con vos que ven dind’a fondura d’unha lembranza moi entoñada (14).

enxulla s.f. 1. Ensulla, graxa das aves. 2. pl. Untos (do porco). 3. fig. Riqueza de contido…: Pero remata o caso teu que ten enxulla (12).

esbardar v.t. Esparexer, dispersar: Cun movimento rápido fai esbardar a todos e, nun xiro hábil e garboso da faca arrebátalle ao cadro o anaco (64).

escimar (Errata). V. escismar.

escismar v.i. Cismar: A terra fai escismar, fai vivir no mañán (17).

escota s.f. Cabo con que se gobernan as velas dunha embarcación: E para levalas postas na escota e mais na caña do timón (10).

escuro –a FRAS. ás escuras loc. adv. 1. Sen luz ningunha, na escuridade. 2. Sen información, sen entender nada, na ignorancia: Xa sei que non ques entender nada. Vivir ás escuras e moi contento é o que fai a túa groria. (165, VD)

esguío -a adx. Esvelto, ben formado: Botinas longas e esguías (132, VD).

esparrancado -a part. Aberto; ensanchado polo uso, deformado: Zapatóns medio esparrancados (59).

*estrangoado -a adx. 1. Estrangulado. 2. fig. Afogado, desquiciado, descomposto: Os ollos relampados, a copra estrangoada (17).

*estrangoar v.t. 1. Estrangular. 2. fig. Impedir, Romper, estragar, desfacer: Co-a enmenda que se me propón non soio estrangoaríamos a unidade do cadro (53).

faca s.f. Tipo de navalla ou coitelo: Moito me turraba aquel pau pol-a faca (11).

falcar v.t. 1. Falquear, desbastar un tronco con machado ou aixola. 2. Roubar: Parescía que me houberan falcado o millor anaco da miña vida (81).

fasquía s.f. Traza, aspecto: O pintor vaime enxergando moi ben a fasquía (9).

*fiducial adx. Confidencial. (33).

furna s.f. Grande cavidade natural aberta nas penas e nas rochas, sobre todo a producida pola acción do mar: Nin siquera oubea como ises das furnas que nas noites pechadas paren lêndas (72).

fusco -a adx. Escuro, sombrío, que tira a negro: Reparando na fusca surpresa de doña Balbina (77).

gabaxeiro -a adx. Gabexeiro, laborioso, activo: Marchara pol-a izquerda, asomando moi gabaxeira (81) .

gasalleiro –a adx. Agasalleiro, afectuoso, amable: Cun fino xesto gasalleiro que por un intre ten suspensa á rapaza (193, VD).

goacamaio -a s. Ave da América de plumas vermellas, azuis e amarelas e rabo moi longo: E a min n’aquel dixe […] que me roubou aquela goacamaia (12).

gorentar v.t. Gustar moito [unha comida]: Serviraslles […] as lambiscadas que coides que mais lles han de gorentar (79).

grusmia adx. 1. Envexoso, miserable: Vaime parecendo máis raposo e, sober de todo mais grusmia (41). 2. s.f. Envexa: Que endeixamais volva ver a miña nai si algunha vez sentimos grusmia (62).

inxel adx. Sinxelo: A custión é ainda mais inxela (57). (Na VD “sinxela”).

inxela Fem. de inxel.

ir a l’Este V. Leste.

lascar v.i. Bater, azoutar: É tamén cousa fina e de coraxe cando lasca o vento e rosma a treboada (10).

lasqueta s.f. Labazada: Para lle dar unha lasqueta ao rapás d’abordo (10).

Leste s.m. Vilagarcía [para as persoas de Rianxo]: Estívenlle facendo algúns encargos que se me esquenceran para lle encomendar a Caramañola, que vai a l’Este (26).

lisca s.f. 1. Porción pequena [dunha cousa]: Quita do cadro algunha lisca co-a uña (23). 2. Nada: Abofé que non entendo lisca. (157, VD)

Malo (o) s.m. O demo: Virarase sardiña para estourar despois como un foguete na sartén do Malo (82).

matinada s.f. Mañá: O van, ampro e cheio de ledicia lumiosa e como do trinque da matinada, ten entradas pola direita (9).

mofeiro -a adx. Burlón: Polo baixo anguriado e mofeiro. (154, VD).

moiniño s.m. Dedo maimiño, quinto dedo da man: Quita do cadro algunha lisca co-a uña do moiniño (23).

montar v. Pasar en bolina unha punta ou cabo sen ter que facer “pique” ou zigzag na dirección: Paréceme que ainda así non poderá montar (27) | ¡Montou! E moito mariñeiro ise Dourado (29).

*moufa s.f. Mofa: Todo se viraron moufas na trasbotica (68).

*moufar v. Mofar: ¿Tí quêste moufar? Dam-o traxe. Acabouse (46). (Na VD “mofar”).

*moufeiro -a adx. Burlón: (moufeira:) Sí. Halle de quedar moi ben o traxe de señor… (30).

mundo s.m. Esfera de cristal interiormente coloreada: Vai mercar tres mundos (16).

nordesía s.f. Situación atmosférica caracterizada pola presenza de vento do nordés: Ven a Nordesía dura. ¿Non che parés? (75).

*outo -a adx. Alto: Descía dinde o mais outo do ceo brasileiro (12).

*oferda s.f. Oferta: Dista vez a miña oferda non é para dispreciar… (70).

pailebote s.m. Pequena embarcación aparellada con dous paus de goleta. (136, VD).

patache s.m. Barco pequeno de vela de dous mastros: Aí estou eu coma un patache vello (134, VD).

peirán s.m. Peirao, construción na marxe dun río ou do mar que, polo xeral, forma parte dun porto e que se utiliza principalmente para facilitar o embarque e desembarque de persoas e mercancías e para abrigo das embarcacións: Isa fiestra que deixa ver o mar, o peirán, as lanchas… (25).

peletre s.m. Anaco redondo, plano, de cerámica, louza ou tella con que se xoga á mariola ou pernamanquiña: Andábamos de nenos a xogar con adoas, peletriños de china, anacos de vidro azul (11).

*perifolado part. Emperiquitado, acicalado, preparado con moitos adornos e enfeites: O outro non é ninguén. E o don Ninguén ausurdo, tortamente perifolado e desvinculado (54).

*pleo –a adx. Pleno. Xa estou en plea festa (147, VD).

polido -a adx. Pulido, cortés, atento, fino: Son tan merecentes de tan fonda estima como os polidos amigos da señorita (30).

porviso s.m. Trasno; demo: Tí mesmo ê-lo porviso, rapás (14) | O porviso será o rapás d’abordo (82).

radiga s.f. Raíz: Parescía que me houberan falcado o millor anaco da miña vida ou que â miña vida lle faltaran radigas e estivese derrubada sobre o seu propio ramallo (81).

*rauto s.m. Rapto: Xa ves que o rauto da fiestra leva longo ronsel (70). (Na VD xa aparece “rapto”).

relampado -a part. Aceso, inflamado, brillante: Os ollos relampados, a copra estrangoada (17).

remadoira s.f. Peza de madeira sobre o cintón das barcas onde van os toletes e sobre a cal apoia o remo: ¿Limpaste con limón as remadoiras? (15).

respiro s.m. Respiradoiro: Hai un respiro no medio que aínda nos doe (81).

resto FRAS. a resto loc. adv. A rastro, a zorro: Trai sempre unha cadea a resto (22).

retrouso s.m. Palabra ou expresión que se repite a miúdo ao falar, por un hábito vicioso: Todos […] a se riren cos seus retrousos (17).

rifar v.t. Esgazar, romper [as velas do barco] (Ría da Arousa, Muros): Aquela noite o vento rifou as velas (14).

ronsa (irse á) Desviarse o barco lateralmente por influxo do vento, marea, etc., sobre todo en bolina: Bolina pechada. Paréceme que ainda así non poderá montar. Vaise moito â ronsa (27).

ronsel s.m. 1. Fío de auga que deixa o barco pola popa. 2. Por ext. rastro, vestixio: Xa ves que o rauto da fiestra leva longo ronsel (70).

rumbo FRAS. de rumbo loc. adx. Desprendido, xeneroso: Necesítase ser xente de rumbo e de coraxe… (203, VD)

salabardo s.m. Trueiro, truel (utensilio de pesca que consiste nunha rede en forma de saco ou manga, suxeita a un aro que vai unido, á súa vez, a un mango): Tornarase salabardo para se romper cando o enchan de peixe (82).

sobrelume s.m. Lumieira, lintel, ou sexa, peza da parte de arriba do oco das portas e xanelas: Distraido, baixo o sobrelume da porta (18).

solermiñamente adv. Suavemente, cautelosamente: Xente fina que moi solermiñamente atrápalle a un o seu ser (133, VD).

soutea de (á) Ao rebusco de. (soutar: Apañar do chan [as castañas que caen dos ourizos]). fig. Á procura de: Silenzo longo e violento. Os dous reconcéntranse â soutea de palabras e camiños (53).

surada s.f. Temporal do sur: Nin siquera ouvea coma as furnas da costa coa surada (197, VD).

taleiga s.f. Saco ou bolsa para gardar e transportar cousas: Chega don Miguel co-a sua taleiga de ouro (84).

turrar v.i. Facer forza para mover [algo] contra un mesmo. SIN. puxar, tirar: Mans […] boas para turrar por un chicote ou por un remo (10).

van s.m. Espazo baleiro ou desocupado, en especial o lugar da parede onde se abre unha porta ou xanela: O van, ampro e cheio de ledicia lumiosa e como do trinque da matinada, ten entradas pola direita (9).

venela s.f. 1. Ruela estreita entre casas que só está destinada ao tránsito para os donos ou veciños lindantes a ambos os lados: Vai por venelas e ruas oubeando (21). 2. Anaco de terreo laborable, que non se cultiva e está entre dous eidos.

vouga s.f. Rumor [de xente]: Oise bouga moi animada (18).

xoula s.f. 1. Calmizo, chorrazo, fogaxe. 2. Aire estival quente: ¿Non me vedes agora mesmo afroante como unha vela en día de xoula? (81).

xurdio -a adx. Magnífico, moi bo: Xurdio asunto para unha comedia (65).

 

 

 

Deixa unha resposta

v

You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>