a cachón

loc. adv. 1. Formando burbullas, con forza. [Úsase co verbo ferver]. Cando entrei na cociña a pota do caldo fervía a cachón. 2. Moito, con forza, en cantidade. [Utilízase con verbos como chover, sangrar e rir]. Contaron contos cos que rimos a cachón. | Vaia bategadas! Chovía a cachón!

 

a paso de galiña

loc. adv. COL. Con lentitude, moi devagar. –Non dás chegado. –É que vin a paso de galiña.

 

a pé firme

loc. adv. De pé e sen se mover. Hoxe como houbo misa maior tiven que estar todo o tempo a pé firme.

 

a toque de caixa

loc. adv. COL. A toda présa e á forza, baixo presión, sen un respiro. [Úsase con verbos como andar, baixar, marchar, saír, traer…]. Cando vin o que os cativos fixeran no cuarto mandeinos baixar a toque de caixa.

 

bater [u.p.] os dentes

loc. ver. COL. Tremer [co frío ou por causa do medo]; ter frío ou medo. Non tiveron calefacción e viñeron da escola batendo os dentes.

 

comer [u.p.] como un abade

loc. ver. COL. Comer moito; comer ben. Non penso convidalos porque comen como abades. | Fun ao casamento da María e comín como un cura.

 

comer [u.p.] como un boi

loc. ver. COL. Comer moito. Quéixaste de que gasto moito. A culpa tela ti xa que comes como un boi.

 

comer [u.p.] como un paxariño/pisco

loc. ver. COL. Comer moi pouco, ser moi mao comedor. O irmán éche lambisqueiro e inda vai comendo algo, mais el cómeche talmente como un paxariño, así está de cativo. | Como vai engordar se come como un pisco?

 

como area / máis que area

loc. adv. COL. En abundancia, en cantidade. [Úsase con verbos como abundar, gañar, haber, ter…]. –Vai pescar alí, que nesa zona haiche polbo como area. | –Vaia abrigo que ten Nicanor! Xa me dá envexa. –A calquera, o que pasa é que o pai ten máis cartos que area.

 

como un pego

loc. adx. COL. Saciado, farto de comer e beber ben. [Úsase con verbos como estar, ir, pórse ou quedar]. Vouche como un pego mais mañá póñome a réxime, xúroo.

 

como un rulo

loc. adx. COL. Saciado, farto, satisfeito [despois de comer ben]. [Úsase con verbos como estar, ir, pórse ou quedar]. Despois daquel cocido quedei como un rulo.

 

como un rei nunha cesta (e esta polo río abaixo)

loc. adv. COL. Moi ben, moi comodamente, moi á vontade. [Úsase con verbos como encontrarse, estar ou ir]. Manuel co traballo está coma un rei nunha cesta.

 

de gaivota

loc. adv. COL. Fóra da casa, na rúa a pasear ou divertirse. [Dise xeralmente como recriminación ou crítica e úsase xeralmente con verbos como andar, ir e saír]. –Nena, teu irmán foi á tenda como lle mandei? –Non, hoxe anda de gaivota por aí.

 

de lamber os dedos

loc. adx. COL. Moi saboroso, delicioso. Comemos uns bistés que sabían de lamber os dedos. | Estes roxóns están de lamber os dedos. Eu cómoos co coiracho.

 

de moca

loc. adv. COL. Á custa doutro ou doutros; sen pagar, gratuitamente. –Non vaias para aquel recanto que está a túa prima e sempre lle gusta andar de moca. –Ben dito, que gaste do seu forrollo.

 

de pau de caldeiro

loc. adv. COL. A esperar, parado, no medio e sen facer nada, sen participar, coma un pasmón. [Úsase con verbos como estar e ir]. Ouve, mozo, o noso acabouse. Teño máis que facer que botar dúas horas de pau de caldeiro na alameda a esperar por un desleixado coma ti.

 

a(os) rebolos / de rebolos

loc. adv. Dando voltas sobre si mesmo [xeralmente algo que se bota ou lanza]. O rapaz caeu de rebolos pola pendente abaixo.

 

de varanda

loc. adv. COL. A divertirse. [Úsase xeralmente con verbos como andar, ir e saír]. Non me dá chegado este fin de semana, penso andar por aí de varanda.

 

(frío) como a neve / máis frío que a neve

comp. COL. Moi frío. Tes os pés fríos como a neve.

 

(frío) como o xeo / máis frío que o xeo

comp. COL. Moi frío. Esta auga está fría como o xeo.

 

(frío) como un corno / máis frío que un corno

comp. COL. Moi frío. A cociña desta casa é fría como un corno.

 

levar [u.p.] as canizas cheas

loc. ver. COL. Ir farto de comida e bebida. Hoxe comín como un cura: levo as canizas cheas.

 

meter [u.p.]o pote grande dentro do pequeno

loc. ver. COL. Facer un banquete farturento e que non se fai habitualmente. Este ano non se fixo a festa, mais metemos o pote grande dentro do pequeno.

 

pecha/pechade a porta que escapa o gato!

fór. COL. HUM. [Dise cando se quere que se peche a porta dalgún local porque entra frío]. Outra vez! Pechade a porta que escapa o gato!

 

perdoar [u.p.] o mal que facer [u.c. a alguén] polo ben que saber [u.c. a alguén]

loc. ver. [Dise cando comemos ou bebemos algo de que gostamos moito inda que saibamos que non nos fai ben]. -Non comas tanto chocolate que che van saír grans na cara.  -Éme igual. Perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe.

 

pór [u.p.] (as) canizas [a algo] / pór (os) ladrais [a algo]

loc. ver. COL. HUM. [Dise para expresar que o prato, a cunca ou algo similar, está tan acugulado de comida que xa non cabe máis nada, que está a punto de bordar]. Fáltache pórlle as canizas. | Arre demo! A ese prato haslle ter que pór ladrais. Moito botaches!

 

sempre e mais despois

loc. adv. COL. Arreo. Ti nunca cansas, queres festa sempre e mais despois. | Non me rompas a cabeza, falas sempre e mais despois.

 

que corta

loc. adx. COL. [Pondera a intensidade do frío. Úsase xeralmente co substantivo frío]. No inverno en Ribadavia ía un frío que cortaba.

 

que non sei

COL. 1. loc. adx. Moito + SUB. [cando modifica un substantivo]. Teño un frío que non sei. 2. loc. adv. Moito [cando modifica un verbo]; moi + ADX ou ADV. [cando modifica un adxectivo ou adverbio]. Hai veces que lle doe que non sei. | Quedou da operación de cataratas ben que non sei. | Aquel pan de Agolada sabía que non sei.

 

que treme a carqueixa

loc. adx. COL. [Pondera a intensidade do frío. Úsase xeralmente co substantivo frío]. Abrígate ben que vai un frío que treme a carqueixa.

 

que non paran nin os cans (atados)

loc. adx. COL. [Pondera a intensidade do frío. Úsase xeralmente co substantivo frío]. Vai tanto frío que non paran nin os cans.

 

ter [u.p.] o muíño picado

loc. ver. COL. Ter moito apetito e comer de todo. Deberías facer como o teu curmán; dá xenio velo comer. Ese si que ten o muíño picado.

 

ter [u.p.] os pés que se [lle] beben

loc. ver. COL. Ter os pés moi fríos. Veño morta de frío, teño os pés que se me beben.

 

tirar [u.p.] o medo [a algo]

loc. ver. COL. Tirar [a algo] o frío, amornar ou pór morna [unha cousa]. Antes de pór os calcetíns tíralles o medo un pouco.  

 

tremer [u.p.] como un xunco (na auga)

loc. ver. COL. Tremer moito [por cousa do frío ou dos nervios]. Tiñamos tanto frío que tremiamos como xuncos.

 

tremer [u.p.] como unha vara verde

loc. ver. COL. Tremer moito [por cousa do frío ou dos nervios]. Apañou unha molladura e tremía como unha vara verde.