eoidevigo on Febreiro 1st, 2013

Made in Galiza de Sechu Sende

Foi un pracer ler un libro tan fresco e orixinal, cada un dos relatos é unha demostración de imaxinación, tenrura e retranca.

Unha chamada á concienciación de que o idioma é noso, como tal temos o dereito de falalo e a obriga de protexelo. 

Sechu Sende, autor de Made in Galiza

Pais non me neguedes o que é meu, quero a nosa lingua na miña boca.

Un “quero té”; quéceche a gorxa.

Un quérote; ponche a alma morna e fai latexar o corazón ao son dun sorriso.

-Cada pobo elaborou ao longo de milleiros de anos o seu propio idioma. (Sechu Sende).

Mide as miñas palabras e faime un gabán de lingua.

Eh, Cuidadito! Que a mi no me gusta el gallego, pero estoy orgulloso de ser gallego. ABORIXE SEN DENOMINACIÓN DE ORIXE.

Aí tes o meu coraçón,

Si o queres matar ben podes,

Pero, como estás ti dentro,

tamén, si ti o matas, morres.

Rosalía de Castro

Chelo Fontán

 *****

O que eu prefiro para aprender o inglés é primeiro ir a unha academia polo menos 6 meses e despois facer unha estadía en Inglaterra.

Hoxe o ter coñecemento de idiomas dáche a oportunidade de poder moverte dun país a outro, e por desgraza temos que aprender o inglés.

Mais isto é diferente: aquel castelanismo que me fixo suar de medo na miña propia casa, viña coa intención de me facer desaparecer.

 Pues ya se sabe que alguien que no tiene raíces no puede volar.

 Desde aquela falamos todos os días. O meu país dime cousas interesantes e eu vouno coñecendo mellor.

 O importante non é o camiño, senón andalo. Paso a paso créanse as ilusións que son o sal da vida.

 Gerardo Lago

 

Unha novela do Rexurdimento

Capa da máis recente edición de Maxina, ou a filla espúrea

Despois de lermos e comentarmos Made in Galiza, imos xa cunha nova lectura. Desta feita será outro libro do Rexurdimento, Maxina, ou a filla espúrea. Levaremos lidos os 9 primeiros capítulos para falarmos deles o día 8 de febreiro próximo na aula 17 da EOI. O autor é Marcial Valladares. Como sabedes, trátase da primeira novela como tal do Rexurdimento. A edición en libro é de 1880 mais foi publicada antes ese mesmo ano por entregas na revista La Ilustración Gallega y Asturiana. Das varias edicións actuais a mellor é a máis recente, a da editorial Sotelo Blanco, feita por Xosé A. Fernández Salgado. Esta edición é a que respecta máis a obra tal como foi escrita. Nesta edición o nome de Maxina aparece escrito Majina, pois o autor utilizaba esta grafía histórica. Naturalmente hai que ler estes casos con x.

Marcial Valladares (1821-1903) naceu en Vilancosta, Berres (A Estrada), ao pé do río Ulla. Ademais da obra antes citada, as súas principais obras son o Diccionario Gallego-castellano (1884), os Elementos de Gramática Gallega (inédita até 1970), o cantigueiro musical Ayes de mi país (1865), un Cantigueiro Popular (1867) e medio cento de poesías, editadas en 2003 co título Poesías por Edicións Xerais.

A idea de ler esta novela, alén de coñecermos máis esa etapa na nosa literatura, ten que ver coa idea de facermos unha excursión (contra a primavera) pola zona da Ulla que inclúe a visita ao Pico Sagro, monte que aparece na obra, como veredes.

O Pico Sagro entre o neboeiro

Nese mar branco / ou neboeiro mesto / o Pico Sagro (foto do blog Ártabros)

eoidevigo on Xaneiro 30th, 2013

Autora da foto: Carmen Suárez Areal

chanzo s.m. 1. Cada unha das superficies planas dunha escaleira, en que se vai pisando ao subir ou baixar. Sinónimos: banzo, paso. 2. Cada unha das travesas ou barras horizontais dunha escada, onde se apoian os pés. Sinónimos: banzo, paso

chanzos

Praza da Quintana en Compostela

chanzo

Esqueira nos Muíños do Picón (Concello do Rosal)

eoidevigo on Xaneiro 24th, 2013

Nos pasados meses tivemos varias noticias sobre o decreto para o plurilingüismo no ensino. A primeira foi o informe do Consello de Europa no que nos achegan a súa preocupación pola redución do uso progresivo do galego en todos os niveis educativos desde a aprobación dese decreto e comprobaron que na práctica nin tan sequera se cumpren os niveis de galego dese decreto. En consecuencia o Consello de Europa estableceu a necesidade de establecer a prioridade e un apoio diferenciado para o uso do galego nas aulas. Isto significa que a Xunta incumpre a lexislación europea. Sorprendentemente tres meses despois da publicación do informe non houbo contestación por parte do goberno.

 Case inmediatamente despois comezaron a coñecerse varias sentenzas do TSXG nas que ditaminaban que o decreto para o plurilingüismo era ilegal. E non foron dúas nin tres sentenzas, nin media ducia. Foron sete, unha tras outra. Á Xunta non lle queda máis remedio que cambiar a lexislación e podería facer uso desta necesidade para comezar a realizar unha política favorecedora do galego. Porén os indicios móstranos que na axenda do noso goberno non teñen outros apuntamentos que os de intentar forzar incluso fóra dos límites legais as restricións ao uso do galego en todos os ámbitos sociais. O mellor exemplo é o proxecto que se presentou para ser a futura lei de educación, a LOMCE e ao que o goberno de Feijóo xa anunciou apoio incondicional.

No proxecto da LOMCE establécese unha xerarquía de materias clasificadas en tres grupos. No privilexiado estarían as denominadas materias troncais e entre elas, xunto coas matemáticas atopamos á lingua española ou o inglés. Está previsto que a cerna das futuras reválidas se configure sobre as materias troncais. A lingua galega queda relegada ao terceiro e último grupo xunto cunha materia optativa e ábrese a posibilidade de que non se inclúa nas reválidas.

A LOMCE, tomando como lei o que o TSXG xa declarou ilegal por atentar contra o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, pretende blindar a negativa a recibir clases en galego obrigando á Administración a garantir e pagar a escolarización dos insubmisos ao galego nun centro privado, no que xa se dá por suposto que non existirá ensino en galego. O proxecto consiste en amurallar o ensino privado para que dentro del non teña cabida a nosa lingua, e reducir as súas posibilidades ata máis alá dos límites legais no ensino público.

 Contra esta política de racismo lingüístico proponse unha alternativa de consenso ratificada pola totalidade do parlamento no 2004: o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Trátase dun programa que entre outras cousas establece a integración do alumnado de infantil no coñecemento do galego e unha garantía dun mínimo dun 50% de aulas na nosa lingua. Non queremos un ensino discriminatorio, que privilexie a lingua privilexiada e que exclúa a lingua marxinada. Queremos galego para todos, para que non haxa exclusións, para construírmos unha sociedade máis solidaria, conformada arredor dunha lingua compartida por toda a sociedade galega durante máis de oito séculos.

Tanto a LOMCE como o decreto para o plurilingüismo obedecen a prácticas radicais e sustentadas no odio á lingua é á cultura galegas polo que se fai un chamamento a todos os cidadáns dignos que garden nos seus corazóns un mínimo de orgullo polo noso, polo galego, que é a lingua que nos une.

Pola lingua que nos une. Manifestación o domingo 27 de xaneiro. Ás 12:00 na Alameda de Santiago de Compostela. Queremos Galego na escola.

Cibrán Arxibai (Praza Pública, 24/01/2013)

eoidevigo on Xaneiro 23rd, 2013

Nesta cuarta entrega imos comentar unidades fraseolóxicas relacionadas coa alimentación, con comer. Todas elas foron recollidas polo Colectivo MLP.

Vamos primeiro con dúas locucións moi correntes na nosa lingua:

De quen come moi pouco dicimos que come como un paxariño ou como un pisco. Este último é o nome que lle damos na nosa zona ao paporroibo, que é un paxaro que tamén recibe o nome en algures de paifoco. O seu nome científico é Erithacus rubecula, e é de cor olivácea nas partes superiores, testa, fazulas, gorxa, papo e peito roibos e ventre abrancazado.

Pisco

Pisco

Polo contrario, daquel que come moito dicimos que come como un boi. Como se pode apreciar, neste caso, a comparanza estabelécese cun animal doméstico de gran tamaño, en canto que na comparanza anterior era con animais moi pequenos.

Sigamos con máis expresións:

Cando dicimos de alguén que come como un abade queremos dicir, xeralmente, que, alén de comer moito, come ben, ou sexa, non calquera cousa.

E despois dun bo xantar ou unha boa cea ficamos como pegos ou como rulos, isto é, saciados, fartos; e podemos dicir: Vouche como un pego mais mañá póñome a réxime.

Neste caso podemos tamén dicir que levamos as canizas cheas: Hoxe comín como un abade: levo as canizas cheas.

prato acugulado de comida

Se o prato, a cunca ou cousa similar está tan acugulado de comida que xa non cabe máis nada, que está a punto de bordar, dicimos que lle hai que pór (as) canizas ou (os) ladrais: Arre demo! A ese prato haslle ter que pór ladrais. Moito botaches!

Évos ben certo que hai xente que ten o muíño picado (ter moito apetito): Deberías facer como o teu curmán, dá xenio velo comer. Ese si que ten o muíño picado.

Esta última locución alude a “picar o muíño”, que consiste en ‘repasar as asperezas da moa do muíño alisadas polo uso’. Daquela cando o muíño ten a moa ben picada moe ben e de aí provén esta locución que comentamos.

Nisto de comer e beber, como en tantas cousas, é preciso moderármonos e evitar excesos. Claro que ás veces perdoámoslle o mal que nos fai polo ben que nos sabe, como se acostuma dicir neses casos en que unha comida nos sabe e comemos aínda que non deberamos.

Para acabar, dicimos sabe que non sei cando algo nos sabe moito ou que está de lamber os dedos: Este cocido está de lamber os dedos, sábeme que non sei.

[A explicación destas expresións pódese ver aquí: http://eoidevigo.blogaliza.org/dicionario-fraseoloxico/]

eoidevigo on Xaneiro 2nd, 2013

Unha palabra pode revivir de dúas maneiras: volvendo a ser empregada despois dun esquecemento máis ou menos longo, ou empregándoa ben despois de a ter empregado confusamente ou mal por algún tempo.

Dieste

Rafael Dieste

A palabra “enxebre”  vénse repetindo moito, e, non obstante, hai que a reanimar divulgando o seu nidio significado e tecendo arredor dela unha gradicela de conceptos ben ligados. Entre unha vella moi vella e un amigo noso houbo esta conversa:

–Beba, señor, este viño, que lle é moi enxebre –dixo a vella.

–E ¿por que lle chama vostede enxebre ao viño? –inquiriu o noso amigo.

–Porque non ten auga nin mesturanza ningunha –respondeu a vella. E engadiu: –Élle das mesmas viñas do Noso Señor.

Así, viño enxebre vén sendo o mesmo que viño puro. E enxebreza significa, denantes que nada, pureza de caste.

Só nos falta o ditame dos filólogos, mais entrementres non chega, vaiamos discorrendo pola nosa conta.

Poñamos o adxectivo “enxebre” a carón dalgúns nomes. E digamos: doutrina enxebre, ollar enxebre, fala enxebre. Frases que, esquecendo por un intre o significado hoxe circulante na  literatura, virán sendo o mesmo que estas: doutrina pura, ollar puro, fala pura.

Cando é pura unha doutrina? Cando non ten no seu seo o xermolo da contradición, cando non ten mesturanzas que lle resten consistencia, cando o sabor que ten nas fontes non se perde no cabo dos regatos.

Cando é puro un ollar? Cando os ollos din o que a alma sente, sen o disimular nin contradicir.

Noutros termos: Unha doutrina é pura ou enxebre cando se é fiel a si mesmo.

Cando é, pois, pura unha fala? Cando é fiel a si mesma. Cousa que non sempre acontece coa fala do pobo, tan traidora, por veces, coa súa propia morfoloxía.

Labor do escritor: facer “enxebre” a súa fala.

 

Rafael Dieste (6 de marzo de 1926)

http://www.realacademiagalega.org/dicionario/#searchNoun.do?nounTitle=enxebre  (Dic. da RAG)

 

eoidevigo on Decembro 22nd, 2012

Meses do inverno fríos

que eu amo a todo amar,  

                    meses dos fartos ríos                       

e o doce amor do lar.

Meses das tempestades,

imaxe da delor

que afrixe as mocidades

e as vidas corta en frol.

Chegade e, tras do outono

que as follas fai caer,

nelas deixá que o sono

eu durma do non ser.

E cando o sol fermoso

de abril torne a sorrir,

que alume o meu repouso,

xa non o meu sofrir.

R. C.

Made in Galiza

Capa de Made in Galiza

 

O 11 de xaneiro ás 18.00 teremos a primeira sesión do club de lectura do ano 2013.   Pode ser un bo momento para te incorporares á lectura. Falaremos de Made in Galiza de Sechu Sende (desde a páxina 75 ao final). Seguiremos tamén coa lectura de Follas Novas desde o poema A disgracia, pertencente á parte III VARIA. O lugar de reunión será a aula 17 da EOI de Vigo.

Podedes desde aquí: http://www.blogoteca.com/madeingaliza/index.php ver o blog de Sechu Sende.

Desde aquí aproveitamos para vos desexar un bo ano 2013.

Autor: Xosé Lois Barrio

Deica logo!!

eoidevigo on Decembro 15th, 2012

Na Toscana do 1610 a convicción de que a Lúa era unha esfera completamente lisa como unha bóla de billar sustentábase en consideracións tales como que esa mesma Lúa era o emblema da Virxe María da que recibía precisamente eses atributos de perfección sen mácula. Pero bastaba con mirar polo telescopio que acababa de construír Galileo para ter acceso a unha Lúa cunha orografía complexa e chea de cráteres. Hoxe chega con aplicar os máis básicos instrumentos da ciencia sociolingüística para cialis for daily use desvelar as miserias do estado da situación da lingua galega.

Galileo Galilei

Galileo Galilei

A principios do XVII o imaxinario colectivo estaba constituído por ideas que os avances científicos dos últimos 400 anos evidenciaron como erróneas, incluso ridículas. Nese momento histórico un cidadán cría firmemente que a Terra estaba fixa no centro do Universo ou que os círculos infernais estaban baixo o chan de Xerusalén. Este tipo de crenzas non só eran un obstáculo ao avance científico, senón que tamén o eran para o avance social. Unha cosmoloxía xeocéntrica presentábase como o escenario máis acaído para un goberno absolutista. Da mesma maneira esas aberracións que son o decreto do plurilingüismo e a LOMCE, concordan cun modelo de goberno do que as autonomías fosen fulminadas. O horizonte cara ao que os gobernos do PP están levando a nave da lingua galega é o do gueto ou a reserva indíxena. Para facer uso social do galego non nos está quedando outra alternativa que a obxección ou a insubmisión, síntoma evidente da exclusión social á que os galegofalantes estamos sometidos. Nos últimos 50 anos a perda de uso habitual do galego foi de 0.65 puntos porcentuais ao ano e seguramente nos últimos anos este valor incrementouse aínda máis. A transmisión interxeracional da nosa lingua está completamente esgazada. O uso do galego entre a xuventude alcanza mínimos históricos ano tras ano. Os prexuízos, lonxe de combatérense, están sendo reforzados desde os gobernos. A Xunta nestes últimos anos dedicouse sistematicamente a reducir a presenza da nosa lingua na administración, abandonou a súa promoción no sector privado, fedellou ata aniquilar na práctica o galego das escolas infantís, prohibiu o seu uso en amplos sectores educativos e sempre que tivo oportunidade intentou establecer unha ligazón entre a normalización e a imposición. Como un porco bravo nunha veiga de millo, o goberno galego fozou no eido da normalización que traballosamente se foi construíndo durante os últimos 30 anos. Como parte fundamental dunha política programada de destrución, desde as consellarías erradicouse o termo “normalización” de todo o seu discurso e cada vez que alguén llo lembra a algún responsable do noso goberno, este, como se lle saltara unha alarma de dentro, ponse a falar do inglés. Este tipo de reacción, desde a perspectiva dun estudoso ou dun traballador da lingua pode parecer tan estúpida como fantástica. Pero non é inocua xa que a súa repetición inxecta no imaxinario colectivo o virus do cosmopaletismo que, unha vez neutralizados os anticorpos da normalización, pode ser fatal para o corpo social. En resumo, o goberno galego renunciou á defensa e reivindicación da lingua. A única conclusión posible é que a nosa lingua non é a súa. A principios do século XXI a arquitectura mental dos galegos sostense sobre bases tan fantásticas como as presentes no Renacemento. A imaxinación e a propaganda das clases dirixentes deron en argallar toda unha fabulación á que se refiren unhas veces como bilingüismo harmónico, outras como bilingüismo cordial ou incluso, xa sen bilingüismos, como equilibrio lingüístico. Todas estas denominacións agochan o que, se quixésemos ser precisos na súa descrición terminolóxica, deberiamos cualificar como racismo lingüístico. Este tipo de ideoloxía foi o que permitiu que se levasen a cabo os últimos e máis grandes ataques á lingua galega da xeira posfranquista. O TSXG está a resolver todos os recursos que lle interpuxeron ao decreto do plurilingüismo nunha serie de sentenzas que desmontan o discurso ideolóxico sobre o que foi construído. A pesar disto seguramente a Consellaría de Educación vaise enrocar na súa sectaria postura establecida no que foi coñecido como borrador do galego. A seguir, forzará o filibusterismo lexislativo para continuar explorando os límites legais do acurralamento do uso do galego no ensino. Para iso intentará convencernos de que a única alternativa é a súa vía. Se fósemos cidadáns na Florencia da época de Galileo, quizais nos fose imposible cuestionar como fantástico que o inferno de Dante está baixo os nosos pés, pero actualmente a xeoloxía sociolingüística ofrécenos datos suficientes como para que comprendamos que o inferno hoxe fica baixo a advocación de San Caetano. A realidade debe impoñerse á fantasía, velaí o camiño. Cibrán Arxibai (Sermos Galiza, decembro de 2012)  

eoidevigo on Novembro 30th, 2012

O 5 de novembro deste ano (2012) celebrouse o III Día da Ciencia en galego. A temática deste ano foi a tecnoloxía, e foron homenaxeados Leonardo da Vinci e Ramón Verea. A seguir, ofrezo unha breve información sobre este inventor galego dunha das primeiras calculadoras.

Ramón Verea Aguiar e García

Ramón Verea Aguiar e García

Ramón Verea naceu en Curantes (A Estrada) o 11 de decembro de 1833 e faleceu en Bos Aires o 6 de febreiro de 1899.

Estudou en Santiago de Compostela. Emigrou a Cuba onde traballou como mestre e escribiu dúas novelas, «A cruz de cobblestone» e «Unha muller con dous maridos». En 1865 trasládase a Nova York, onde inventará a súa máquina de calcular, a primeira que realizaba multiplicacións de forma directa en vez empregar múltiplas voltas de manivela. A oficina de patentes estadounidense concedeulle a patente o 10 de setembro de 1878 (número 207.918), o mesmo ano en que gañou unha medalla da Exposición Mundial de Inventos de Cuba.

Despois dun tempo trasládase a Guatemala, exiliado pola súa forte oposición á política colonianista estadounidense, e despois a Bos Aires. Nesa cidade fundou a revista O Progreso, e seguiu publicando e exercendo de xornalista. Morreu só e pobre na capital arxentina sendo enterrado nun panteón anónimo do Cemiterio do Oeste.

calculadora de Ramón Verea

A súa calculadora era unha máquina duns 26 quilos de peso, 14 polgadas de longo, 12 de ancho e 8 de alto, capaz de sumar, multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis números no multiplicador e quince no produto. A multiplicación resolvíaa mediante un método directo baseado nun mecanismo patentado por Edmund D. Barbour en 1872, que empregaba un sistema que obtiña valores dunha táboa de multiplicar codificada de xeito similar ao sistema Braille. O aparello podía resolver 698.543.721 x 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a época. No entanto, Verea non perseguía máis que demostrar que os españois podían inventar igual que os estadounidenses, polo que o seu invento só deixou pegada na historia da computación como base para futuras máquinas, como a de Otto Steiger. A súa máquina consérvase nos depósitos da sede central de IBM, en White Plains (Nova York) formando parte da colección iniciada en 1930 polo fundador de IBM.

Marta Fernández Rivera

Ligazóns sobre o Día da ciencia en galego:

primeira   

segunda

terceira

cuarta

quinta

eoidevigo on Novembro 27th, 2012

Autor da foto: Xelo dos Cans

chanto s.m. Lousa ou pedra grande de pouco grosor, que se chanta na terra para cercar un eido ou unha herdade. Sinónimos: chanta, chantón, vargo.

valado de chantos na Freixeira (O Cachafeiro, Forcarei)

valado de chantas na Freixeira (O Cachafeiro, Forcarei)

eoidevigo on Novembro 21st, 2012
casamento de Bienve e Lourdes (1963)

casamento de Bienve e Lourdes (1963)

Aproveitando a miña recente viaxe pola miña terra, Hombrados[i], pregunteille á miña nai como eran os casorios cando era cativa e, mesmo, cando ela mesma foi noiva. E, como eu xa tiña no meu maxín, sorprendéronme algúns costumes dos que xamais antes escoitara falar.

Comezarei contando que, despois de se faceren as beiras ás agachadas, os mozos necesitaban o consentimento das familias para facer público o cortexo. O noivo “pedía a entrada” ao pai da moza. Se a muller era menor de idade e non contaba coa aprobación do pai, pasaba a ser “moza depositada”. A moza, o mozo e mais os pais deste, concordaban en que casa ía ser “depositada” ata a súa maioría de idade; daquela aos 24 anos. Elixíase, a ser posíbel, unha da familia da moza, aínda que fose familia afastada. Estes intres eran moi espiñentos pois conviña evitar desavinzas cos achegados.

Preto da voda chegaba outro momento sensíbel: “as amoestacións”. Facíaas o crego tras os sermóns das misas anteriores á voda. Eran tres. Despois da primeira os noivos celebraban un convite aos seus amigos. Naturalmente, se todo fora ben e non xurdira ningún amoestador ou amoestadora. Ao domingo seguinte o crego proclamaba a segunda amoestación. E unha semana antes da data da voda o cura anunciaba a derradeira. Tras dela os noivos convidaban a todo o pobo a un ágape.

O día sinalado como o do casamento, os noivos ían camiñando á igrexa dende as súas casas familiares, acompañados por cadansúa madriña ou padriño. E asombroume coñecer que o sacerdote os casaba á entrada da igrexa. Unha vez desposados sentaban diante do altar e púñanlles “o xugo”. Este era un pano azul que o padriño colocaba sobre os ombreiros do noivo e, o outro extremo, a madriña por enriba da cabeza da noiva. Xa eran cónxuxes.

Despois da voda celebrábase unha festa rachada coas dúas familias. Onde non faltaba de nada dentro das escasezas daqueles tempos.

Os noivos ían con traxe e as noivas adoitaban vestir traxes de chaqueta de cor escura ou negra.

Por último, abraioume descubrir que os acabados de casar, tiñan que acochar o lugar elixido para pasar a noite de vodas. Era o segredo máis secreto dos noivos. Aos meus país “preparáronlles a cama” a madriña da miña nai e a súa mellor amiga. Agora eu tamén sei onde foi.

Pilar Abril Sáez

i “Os Casamentos á antiga” en Hombrados, pertencente ao Señorío de Molina de Aragón.

buy cheap dissertation online